Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Día das Letras Galegas

domingo, 17 de mayo de 2015
Sabido é que don Xosé Filgueira Valverde dedica a súa tese de doutoramento á Cantiga que narra un prodixio que ten que ver co tempo. O monxe Ero de Armenteira déixase adormecer polo canto dunha paxariña, para espertar transcorrido o que para el fora un instante.

Cando se dirixe ao mosteiro e se decata de que non recoñece o lugar nin os frades que lle dan a benvida, tomará conciencia de que ese momento de lecer abarcou tres séculos. Don Xosé titularía o seu estudo dunha maneira ben fermosa: Noción do tempo e gozo eterno na narrativa medieval.

Entre a creación desa Cantiga do rei Sabio e o tempo no que andamos pasaron máis de setecentos anos, e porén tamén semella un instante.

O idioma desa lírica insuperable está vivo. Podémonos preguntar se os seus autores imaxinaron naquel tempo que sete séculos despois as súas palabras seguirían vivas, ou que mesmo poderían lerse nun tal Internet nalgunha páxina con dominio “puntoGal” como o que estamos consolidando. Están vivas en todos os formatos, e seguen provocando as mesmas emocións que aos oíntes e lectores de todas as épocas. Son palabras inmortais que nos trasladan ao pasado, e que seguirán aquí cando todos nós sexamos soamente unha lembranza.

Quizais foron reflexións semellantes as que levaron ao home que hoxe protagoniza o Día das Letras Galegas, a dedicar tanto tempo, esforzo e erudición ao cultivo desta peza maxistral da nosa literatura. Filgueira Valverde e toda a súa xeración séntense parte dunha gran continuidade histórica que empeza na noite dos tempos. Recollen o legado da nosa fala, enriquéceno e transmíteno. Contribúen, en definitiva á vitoria do galego sobre o tempo.

Porque dende que se produciu o milagre da aparición da Cantiga do monxe e a paxariña ata hoxe, foron moitas as linguas que desapareceron no mundo, ou que se converteron en meras reliquias. Atrévome a pensar que a moitas lles faltou o que tivo a nosa.

O galego foi a lingua da Corte máis sabia do mundo coñecida, e a dos trobeiros populares que percorrían os camiños. O galego será a , pero tamén a dos grandes eruditos. Resoa nas fábricas e nas cátedras universitarias, nunha casa de aldea e no café onde se xunta a tertulia intelectual. Está na rúa e no Parlamento, na escola e na administración, na igrexa e no campo. Nela rézase, ámase e móstrase carraxe.

En suma: ¿cál é o vencello entre don Xosé Filgueira Valverde, o Padre Sarmiento do século XX, e o paisano iletrado? Que os dous son galegos e falan galego. Comparten país e lingua.

Nestes centos de anos transcorridos, e malia as noites de pedra máis ou menos longas, o galego sobrevive porque o pobo que o sostén non incorre nos dous grandes pecados que minan os idiomas: a apropiación e o conflito.

En Galicia non triunfaron os intentos de patrimonializar a lingua en beneficio de grupos ou ideoloxías. O noso posesivo é sempre plural. Ninguén pode dicir que ‘a lingua é miña’ porque a lingua é nosa. A lingua establece pontes entre xeracións e entre pensamentos. A lingua é o sistema circulatorio de Galicia.

Tampouco tiveron acollida entre nós as ideas tendentes a asociar idioma e conflito. Hai, é bo que as haxa, diferentes visións sobre leis, regulacións e normativas que se resolven democraticamente. Pero na sociedade galega, a realidade do idioma nunca foi conflitiva senón natural. Existe un pouso de amor o idioma derivado de que sabemos que é o código lingüístico que mellor expresa a nosa condición más íntima. Sobre ese pouso común – que debemos coidar de forma responsable - , pode erguerse todo o que queiramos. Sen el, todo proxecto será estéril.

Esa fecunda xeración intelectual á que pertence don Xosé é moi plural. Aos seus membros separábanos aspectos ideolóxicos importantes, e viviron de maneiras diferentes o drama da nosa Guerra Civil. Porén, como subliña o presidente Alonso Montero no seu espléndido retrato intelectual de Filgueira Valverde, nunca perderon o afecto nin a relación. Nunca permitiron que as discrepancias secundarias agochasen a unidade fundamental ao redor de Galicia, a súa cultura e a súa lingua.

Paréceme fondamente conmovedor os esforzo de don Xosé por rescatar para o Museo de Pontevedra o legado dun Castelao co que discrepara na dirección a seguir polo movemento galeguista.

¿Por que eses homes deixaron unha pegada tan intensa na nosa memoria? Porque souberon trasladar á cultura, á lingua e tamén á política, a unidade esencial do pobo galego. Non hai un Castelao exclusivamente apreciado polos galegos dunha crenza, e un Filgueira Valverde querido polos da outra. Forman parte para sempre dun mesmo parnaso no que vemos reflectido o mellor de nós. Ambos os dous fuxiron da apropiación e do conflito. Por iso non foron figuras efémeras.

Honramos hoxe un home digno, íntegro e que soubo cumprir co seu deber en circunstancias non sempre doadas. Alí onde outros optarían polo ensimesmamento para preservaren o seu prestixio, el decidiu implicarse.

Del dixo Bóveda “alí onde estea Filgueira, haberá sempre un obreiro da causa galega”.

Non hai proxecto cultural destacado onde don Xosé non teña presenza. Non hai aspectos da nosa cultura que el non tocase. Non hai inquedanza que non impulsase. Non hai riqueza artística que el non preservase. Grazas a esa dignidade e integridade que o adornaron toda a vida, esta cidade de Pontevedra logrou ver respectada a súa esencia, e converterse no gran faro cultural de Galicia.

Esta homenaxe que facemos nun recinto que leva o nome doutro pontevedrés ilustre, fainos lembrar a aquel Filgueira Valverde mozo abraiado pola beleza dunha cantiga que trataba do tempo e a eternidade. Parabéns á Real Academia Galega pola súa iniciativa de louvar a quen tanto contribuíu a facer da nosa lingua ‘un gozo eterno’.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES