Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Día das Letras Galegas e o P. Seixas

viernes, 15 de mayo de 2015
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas deste ano 2015 e tendo en conta que se está a celebrar tamén neste ano o primeiro centenario do nacemento en 1915 do P. Xaime Seixas Subirá, coido que acaerá ben lembrar aquí un breve escrito seu. Atópase entre a súa documentación no Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia (Colexio Apóstolo Santiago de Vigo). Leva como título A nosa fe de galegos cristiáns e foi remitido, segundo consta escrito a man por el ó final do mesmo, o 17 de maio de 1967 (Día das Letras Galegas ) a “La Voz de Vigo”.

Tras case medio século da súa redacción paga a pena prestarlle algo de atención, pois non parece que no fondo, como ben sabemos, teñan perdido actualidade. Seixas levaba daquela preto de dous anos en Vigo, onde deixaría tras vinte anos de permanencia na cidade olívica unha forte pegada de humanidade e grande aprecio da cultura e da lingua galegas. Velaquí o seu texto:

“Un home é un home polo seu esprito. Un pobo é pobo tamén polo seu esprito e o esprito dun pobo é o seu idioma.
Dun xeito semellante ao home, un pobo tamén ten unha vida e esta somente a pode desenvolver pola fe no seu propio ser, no seu propio esprito.
Hoxe, ‘Día das Letras Galegas’, cómpre afirmar fortemente a fe no noso idioma como a maneira máis eficaz de afirmar a fe nos nosos destinos.
E esta afirmación de fe no noso idioma é, ademais dunha obrigación de orde natural, unha maneira de atopar a Cristo dun xeito máis íntimo e sinxelo.
Se unha meirande parte de nós pensamos en galego, se todos nos sentimos en galego, por que non se nos dá nas nosas eirexas en galego a palabra de Deus?
Non sería deste xeito a nosa fe en Xesús máis íntima, non sería a nosa fe en Xesús máis sentida, non creriamos nel máis vividamente ao atopalo ‘máis galego’, máis acarón de nós?
Ao afirmar hoxe a nosa fe en Cristo, os cristiáns galegos afirmamos tamén a fe no noso idioma coma un camiño aptísimo pra chegar a El.”.

Só quero engadir finalmente que cando Seixas escribía estas liñas non estaba aínda aprobado o uso do galego na liturxia. Acontecemento tan singular só ocorrería o 7 de xaneiro de 1969. Moitos foron os que con Seixas loitaron de diversas maneiras pola chegada dun día así. Graciñas a todos eles!.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES