Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Requeni, inventario e camiño

Requeixo, Armando - sábado, 16 de mayo de 2015
Acompañeime nas últimas xornadas dunha voz poética arxentina, no duplo sentido do termo, pois procede da patria de José de San Martín e de Manuel Belgrano e, ao tempo, o timbre do seu canto fulgura en prata, Requeni, inventario e camiñoenchendo de harmónicas reverberacións medio século de escrita: Antonio Requeni (Buenos Aires, 1930).

A ducia longa de poemarios por el asinados, os libros de viaxe, de crónicas literarias, mesmo de narrativa infantil fan deste autor un dos máis destacados creadores das últimas décadas no Mar da Prata e toda a América de fala hispana, fama que se estende ata a Península, pois non en van pasou os anos da infancia en Valencia e, como xornalista de prestixio que é, vese reclamado polas máis diversas palestras, sendo colaborador habitual en diferentes medios españois, labor que lle foi recoñecido, entre outros, co Premio Alianza de Madrid á Traxectoria Literaria.

A aqueles que queiran achegarse con criterio ao mellor dos versos de Requeni preséntaselles a oportunidade propicia para facelo a través da Poesía reunida (2014) que el mesmo autoescolmou para que vise luz ao abeiro da Academia Argentina de Letras, da que é membro de número dende hai anos, sendo tamén correspondente da RAE.

Neste extenso volume de case duascentas páxinas antológanse máis de cen poemas de preto dunha ducia de libros. Fican representadas, por tanto, todas as etapas literarias do autor, agás os inicios, que preferiu deixar á marxe como tenteos líricos, de aí que non figure escolmado ningún texto dos seus primeiros catro títulos.

Poesía reunida ábrenos ao coñecemento da xeopoética viaxeira de Requeni, quen en Umbral del horizonte ten lembranzas para os devanceiros de Castelnovo, mais tamén para Toledo, Manacor ou Granada, a Italia varia (Roma, Venecia, Capri), París e Bruxas e, entre nós, Compostela, ese concerto de “Sombras que rondan las Platerías,/ muertos del Campo de la Quintana,/ y alguien que mira por la ventana/ pasar los siglos como los días”.
Requeni, inventario e camiño
Mais alén desta escrita lembradoira de lugares e viaxes -definitoria tamén en Versos en la ciudad, “Poemas americanos”, Poemas italianos e “Otras lejanías”- hai en toda a produción do autor uns esteos inamovibles que van dun a outro libro como trabes mestras que sosteñen todo o seu edificio lírico: a reflexión melancólica sobre o paso do tempo, a agradecida vivencia do amor calmo e cómplice, a observación perplexa da mutabilidade dos tempos e costumes ou a indagación fonda no sentido e a razón do oficio do poeta.

Inventario ou Línea de sombra -talvez os seus máis certeiros albos-, tamén El vaso de agua, camiñan nesa dirección do cronista da realidade que plasma en versos os contextos circundantes e os interiores fundantes, que celebra o fillo que chega, as aves lenes que habitan os parques, as canas primeiras, o ruído anulador de calquera intento creativo posible, incluso a traxedia do drogadicto.

A tensión poemática, a límpida dicción e a substantiva mensaxe coas que se arroupa a voz clásica de Antonio Requeni transversalizan todo o libro. A lectura de “Nel mezzo del cammin” -o poema de amparo dantesco co que se abre Inventario- abondaría para demostralo e comprobar, así, a sabia e humilde revelación que a madurez ofrece unha vez superado o vivir ignorante da impulsiva mocidade: Porque yo entonces lo ignoraba todo;/ que el relámpago muere, que es efímera/ la luz como el deseo, que el futuro/ de mi nombre sería, solamente,/ una hoja seca, un diminuto otoño/ en el follaje de las antologías.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES