Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital Asilo de Vilalba (33)

jueves, 14 de mayo de 2015
Ano 1930 (I)


O Hospital Asilo de Vilalba (33)Comisión Executiva de 4 de xaneiro. Apróbanse as contas de 1929. Como remanente para 1930 quedan 6.850,40 ₧.

Máis escolas. Son necesarias para a Vilalba. Na actualidade cóntase con dúas de nenos e dúas de nenas. De realizarse unha ampliación doutras dúas, poderíase contar coas denominadas «escolas graduadas» que beneficiará a educación dos máis novos, malia que supuxese unha carga para o Concello por ter que asumir custes de mantemento. Así o defende o «Heraldo» de 16 de xaneiro.

«Unión Villalbesa y su Comarca». Presídea en 1930 Rosendo González Otero. Acompáñano, entre outros, Eulogio Coira Rodríguez, Antonio M Souto, Jesús Rouco Cortiñas, Segundo López Carpintero... Son o núcleo das mesmas persoas que a constituíran e que a impulsaran desde a súa fundación. A pouco próspera situación económica da illa non impedía que os altruístas vilalbeses continuasen colaborando cos seus paisanos e mantivesen as raíces.

Comisión Executiva de 12 de marzo. Despois de estudar os pros e os contras de abrir a á dereita para enfermos e deixar a esquerda pendente de rematar, acórdase que se realicen todas as obras ata finalizar as dúas, pois se ben é certo que podería funcionar a metade dereita do edificio, non o é menos que durante o tempo de obras a situación dos enfermos resultaría precaria, molesta polos ruídos e antihixiénica polo po e escombros que inevitablemente se producen nas obras.

O Entroido de 1930. Contra do que algúns din, a celebración non vai a menos. As comparsas que animaron as rúas e bailes foron «Blanco y Rosa», «Los Pajes», «Los Artistas», «Los Oportunos». Todos fixeron oír alegres cantos, voces xubilosas e sons de instrumentos varios: guitarras, violíns, bandurras e pandeiretas.

Sesión do Concello de 6 de marzo. Entre outros asuntos de trámite aprobouse un voto de agradecemento polo seu labor ó ex-alcalde Fraga Bello e ós ex-concelleiros Eimil Lamas, Apenela Gayoso e ás ex-concelleiras Ramudo Ramudo e Gayoso Hermida.

«Señardá». O poemario de Aquilino Iglesia Alvariño anúnciase no «Heraldo». Véndese na casa de Jesús Gayoso ó prezo de 2 ₧. Reproducimos unha mostra do seu contido:
Nunha pupila azuada
vin tremer o amor-meniño;
era sobre a flor do liño
unha bágoa da Rasada.

Como un amante e unha amada
amor eterno ¡quimeira!
xurou a frol da liñeira
á lágrima da orballada.

Nais... da aurora ó clarexar,
eis que o fado separar
quixo o buen Dios a xuntar;
a frol do liño esfollouse
e a lagrimiña tornouse
aos ceos, onde morada...


O Hospital Asilo de Vilalba (33)«Vallibria». Este novo xornal apareceu en Mondoñedo e intercámbiase co «Heraldo». Diríxeo José Trapero Pardo.

Instrución pública. Nomeouse para a escola número 2 desta vila á que ata agora era mestra de San Xoán de Alba, Aurelia Vázquez Viña. E para esta, interinamente, á señorita Amadora Fraga Bello.

«Ante a morte de Primo de Rivera». O «Heraldo» de 4 de abril reflexiona sobre a gratitude e ingratitude humana e o «sic transit gloria mundi». Mientras mandó el dictador... por todos víctores, aplausos, obsequios, regalos, placas, bronces y mármoles, arcos de triunfo, dedicatorias halagadoras, músicas, fuegos, palomas, versos y flores... A las pocas horas de su caída, la negra ingratitud de siempre, la deslealtad, el pago que reciben las más de las veces los que han otorgado mercedes y favores a granel, cuando ya no pueden seguir concediéndoles. ¡Lección amarga con frecuencia repetida y en muy pocas ocasiones aprovechada! Primo de Rivera, marqués de Estella, cesou como gobernante o 28 de xaneiro de 1930 e morreu, en París, o 16 de marzo seguinte. O final da Ditadura veu dada pola división entre católicos conservadores de vella estampa e corporativistas autoritarios atraídos polo fascismo; entre militares ávidos de riquezas e honores e oportunistas de todo pelo e disfrace.

† Manuel López Arias. Despois de penosa enfermidade, deixou de existir na Coruña, onde se trasladara coa súa familia. Así consta no «Heraldo» de 12 de abril. Nacera no Curbel, Santaballa, e como xa se indicou gañara fortuna na emigración cubana. A lutuosa noticia deixou fondo sentir na xente de Vilalba por ter colaborado intensamente nas obras do hospital asilo de Vilalba e por ser un dos promotores da «Unión Villalbesa y su Comarca». Era irmán de Agustín López Arias.

† Segundo López Carpintero. Faleceu na Habana onde residía. Irmán do oficial do Concello, Francisco, en vida distinguiuse por ser un directivo moi dinámico da «Unión Villalbesa», por enviar puntuais crónicas sociais dos actos dos vilalbeses en Cuba e por colaborar coas asociación de instrución dos oriúndos da comarca de Vilalba.

Comisión Executiva de 5 de abril. Contratouse co veciño desta vila Francisco Santalla Bañobre o piso de formigón da á esquerda e da capela, a razón de 10.90 ₧ o metro cadrado. Tamén se lle contratou a repisa da capela onde se había colocar o altar.

Aquilino Iglesia Alvariño visita o «Heraldo». Foi nos primeiros días de xullo. Como mostra de amizade deixou para o xornal un soneto:

I ela chora que chora
Todo estaba calado. A grande estancia vella
soñaba á lus velada dunha pantalla rosa...
Desfollouse nun búcaro unha dalia vermella.
miña ialma sofría, delorida e saudosa...
Inqueda, sin sosego, asomouse ao balcón...
-Pergavaba un perfume sutil de garnicelas...
Polos prados da noite vagaba unha canción
sobre a iherba mollada co pranto das estrelas-
Meu corazón dorido, desfeito de ternura,
acouchou miña ialma como a unha criatura,
ios seus mesmos braciños foron branda alomohada.
Ela estaba moi triste, sempre chora que chora,
i el -para adormecela- cantaba aló a deshora
unha canción sin versos, saudosa e perfumada...

Vilalba, 10-7-1930

Aviadores en Vilalba. Pilotos e mecánicos dunha escuadrilla de tres avións con base en León tiveron que aterrar en Gontán por mor da néboa que lles impedían continuar o rumbo. A expectación levantada foi tal que moitos veciños do contorno foron visitar os aparellos voadores.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES