Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pesimismo e obxectividade

lunes, 11 de mayo de 2015
É inevitable. Os humanos temos o noso medio vital no seo dunha sociedade, e como nos vai moito que esta estea ben ou mal organizada, soemos dedicar algún tempo a reflexionar acerca dela. Esta reflexión estará sempre máis ou menos viciada, porque a facemos afectados polas actitudes que adoptamos ante a vida, ao través dunha lente excesivamente subxectiva, á que é mester introducirlle algunhas correccións; pero cando nós afectan negativamente, somos remisos a facelas.

Estas actitudes poden ser optimistas, pesimistas ou aplicar unhas e outras segundo as distintas situacións, que parece o máis acertado. A actitude optimista desemboca facilmente en vivencias irreais que levan a confundir a felicidade cos efluvios anímicos máis etéreos. O gran problema do optimismo é que, ao perder o sentido da realidade, que ve baixo unha soa perspectiva, ten escasa percepción do mal, e cando a un optimista se lle obxecta isto, di que “hai que ter un sentido positivo da vida!”, e así periga a obxectividade das súas reflexións, porque esa positividade é a súa, non o da realidade.

O pesimismo é o outro extremo. Pero moito máis frecuente do que nós parece, pois pensadores como Schoppenhauer, Sarte, Cioran, etc., poden ser un bo exemplo. Ademais, esta actitude negativa do mundo tamén ten representantes entre nosoutros, vulgares cidadáns, en xeral, cando a lente a través da cal o miramos nós da unha visión deformada do mesmo.

Como queira que a realidade é bivalente, boa e mala, está xustificada a actitude de quen, como pode e ata onde pode, adopta unha actitude ambivalente (de dobre valencia), buscando remedio a un uso equilibrado de ambas actitudes, que sería así como un optimismo pesimista ou un pesimismo optimista, que, seguramente sen sabelo, son aquelas persoas que pretenden ser o máis obxectivas posible cando contemplan e reflexionan sobre a realidade. É difícil acertar, pero non se ve outra saída, outra vía que leve a un auténtico empeño reflexivo acerca do noso encadre na realidade: Temos límites.

Remitamos isto á realidade social e política. Unha reflexión crítica da mesma dende a perspectiva optimista non é correcta, e tampouco dende a pesimista, porque a pretensión de acadar unha certa obxectividade hai que encadrala cunha actitude pesimista–optimista, que tamén adoita levar a discrepancias pola excesiva carga de optimismo ou, no seu caso, de pesimismo da persoa que a xulga.

Sen embargo, isto pode ser asumible, xa que dimana das estruturas psicolóxicas e cognitivas, e incluso da base fisiolóxica, de cada persoa. O difícil está cando se produce noutro nivel, principalmente no do status social das persoas, e sobre todo na versión económica e política. Aquí xurde a hipócrita actitude de defender esa sociedade que a cadaquén lle interesa. E ten unha expresión coloquial ben significativa: “Cadaquén fala da feira segundo lle vai nela”.

Neste suposto, todos temos a experiencia de encontrarnos cun matiz pesimista, ou optimista, moi pouco obxectivos, no que respecta á feira, que para uns está ben e para outros mal, xulgando dende o status non dende a realidade, Cómo lle explicas a un afortunado nunha crise como a actual que as cousas van regular ou mal?, cómo lle explicas aos “fundamentalistas” dun partido político que están equivocados cando non admiten os erros propios nin os acertos do adversario?, que sorte corre a túa pretensión de que te entenda quen está motivado noutra dirección?, etc.

Facer unha análise da sociedade, con independencia de que estea ben, regular ou mal feita, ten sempre o risco de ser xulgada erroneamente, porque se confunde a obxectividade que presenta perturbacións nalgún status persoal, co pesimismo, e, no seu caso, claro está, co optimismo, sen deixar de engadir a atribución dunha hipotética intencionalidade.

Imaxínanse os lectores, nun período electoral, algún programa político que pase indemne da máis brava crítica?. Observan como os adversarios políticos se descualifican mutuamente pola suposta intencionalidade que din derivar dun contido programático do adversario?. Ata onde, pois, pode un finxido pesimismo chegar a pór en perigo unha visión obxectiva?.

Sen embargo, cando hai necesidade de acudir aos pactos (e nesta ocasión creo que van ser xenerosos) os partidos intentan ocupar o espazo de ese optimismo–pesimista, ou pesimismo–optimista: Todo ten RE–medio, é dicir, establécese unha RE–mediación confabulada entre os criterios contrarios que articularon nas súas programacións os distintos partidos, e simulan haber descuberto espazos comúns, para recuperar o brazo partido dos mitins.

Pero isto non semella ser malo, porque se as teimas ideolóxicas perden o efusivo optimismo propio e asumen contemplar a realidade tamén ao través da lente dos outros, irmandan os dous extremos: pesimismo e optimismo. E miren por onde a ambivalencia pode adquirir un papel positivo e, con non pouco paradoxo, ata clarificador.

A realidade élles moi complexa, e tamén a social. Por iso non está mal RE-mediar os contrarios, facéndoos complementarios, como nada menos que o famoso físico Niels Bhor explicou a estrutura da realidade atómica “conciliando” ondas e corpúsculos. E Francis Scott Fitzgerald, engadiu: “A sinal dunha intelixencia de primeiro orden é a capacidade de ter dúas ideas opostas presentes no espírito ao mesmo tempo e, a pesar diso, non deixar de funcionar”.

Non se alarmen, pensen que o ben só se coñece e delimita correctamente por contraste co mal, e o branco por contraste co negro: o ben fortalécese loitando co mal, e o branco é máis intenso sobre un fondo negro. Sen dúbida, se recordáramos isto na vida, aforraríamos moito tempo que perdemos censurando un extremo dende o outro. Fitzgerald quizá o entendeu así, e os electores, cando deixan aos partidos en situacións ambivalentes, tamén: Non ben mal un freo, dise.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES