Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A culpa da corrupción está na gravata

jueves, 07 de mayo de 2015
A culpa da corrupción está na gravata. Nunca entendín como se pode traballar en “chilina”. Esa tira de tea tan incómoda, homófoba, corrupta, chouriza, moi política, chulesca; é unha prenda especial para roubar o mesmo cá palanqueta ou o pé de cabra. Se vexo a unha persoa con gravata, póñome a tremer como se fose unha vara de salgueiro verde.

Fíxense vostedes quen gasta gravata na sociedade actual: os deputados e senadores, corruptos a máis non poder; os empregados dos bancos instigados polos señores feudais da banca; os axentes de seguros, a casta, os delincuentes de luva branca, os falseadores de documentos, os evasores fiscais e toda a xente adicta ao paraíso do diñeiro fácil leva a gravata ondeando no aire do peito coma unha bandeirola da corrupción.

Cando fixen a “mili” vin canóns e “cetmes” arrestados cunha duración de polo menos vinte anos. Levei unha grande sorpresa ao pensar que unha arma de ferro que non ten alma, pero ten “ánima” puidese ser obxecto de arresto, por iso, propoño que todos os políticos, a partir de hoxe mesmo, procedan ao arresto domiciliario, por tempo indefinido, do traxe e da gravata para que nos dean unha imaxe máis axeitada, máis sólida, máis crible e con fundamento. Si, señores, a culpa é da gravata porque fai ás persoas vagas, folgazanas e diferénciaas do resto común dos mortais. A persoa que a usa, crese no limbo, trata de diferenciarse e di que é de bo gusto.

Cando un político nos quere convencer nos mitins da mentira zarrapicada dalgunha que outra virtual verdade, arrebola co traxe e coa gravata e aparece descamisado e afábel, cal dun compañeiro, que quere algo noso, se tratase.

Un político é críbel cando se parece ao pobo, mais cando remataron as votacións e xa é deputado, senador, ou ten outro carguiño homologado polos amigos do alleo, entón, e só entón é de obrigado cumprimento diferenciarse de quen o vota porque entra no novo reino do engano e da mentira social; por iso, sentímolos moito máis arredados desta clase pronta a morrer: a culpa é do traxe e da gravata porque orixina falta de cohesión social, está afastada da realidade, pon en risco a solidariedade e a igualdade e busca a amnistía fiscal.

Estes señores da gravata non é que sexan arcánxos que por medio deste trapo revolto e avolto traten de chegar ao ceo por estar enrodelado no pescozo, apertando o que noutrora puidera ser un lazo e, preméndoo, chegar ao estado máis digno; non, estes señores da gravata son os contrasistema, os axudadores do poder, os incompatíbeis co pobo; e a gravata é o alzamento de bens, o roubo dos bancos, a falta de pago a facenda, os Bárcenas da vida e os Ratos na tulla do país.

A gravata non denunciou aínda a ningunha outra gravata corrupta, sabendo que a outra metía a man na caixa; dela non se pode esperar nada. A gravata é a estratexia do rico, a gravata está fóra do proceso participativo da sociedade, e é a bandeirola duns poucos ao vento fresco do pescozo co beneplácito da barriga, mais inimiga da facenda pública e, por ende, de nós mesmos.
!Adeus gravata! Non creas o que che digo, pero fai o favor, pensa.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES