Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Iremos por bo camiño?

jueves, 07 de mayo de 2015
Que o mundo cambiou moito nos últimos tempos, salta á vista.
Esto podémolo apreciar todos e incluso experimentalo nas nosas propias vidas.
Por eso quero pensar que todos estamos de acordo neste punto.

¿Estaremos todos de acordo na nosa maneira de facer o que fixemos como o fixemos?
¿Iremos por bo camiño?

Andando polo camiño da vida, por pouco que nos paremos a escoitar, oímos opinións para tódolos gustos:
-Algunhas persoas senten morriña pola vida de antes.
-Hai quen di que antes tiñan menos ansias e eran máis felices.
-Algúns din que este mundo non o enteden porque se quedaron atrás.
-Outros…

¿A vostede que lle parece?

Se mo permite voulle dá-la miña humilde pero sincera opinión baseada nas miñas vivencias dunha muller que lle tocou nacer na primeira metade do século pasado no medio rural galego.
Foron tantos os cambios que se produciron no entorno xeográfico que me viu nacer que dalgunhas cousas xa non me recordo, pero doutras si.
Vexamos:

-Os labores agrícolas facíanse á man e coa axuda das vacas rubias galegas.
Os veciños emparzaban uns cos outros para facer máis levadeiro o traballo, sobre todo pola sega, pola malla, cando se plantaban as patacas…
Hoxe en día, moita xente nova, xa non lembra a vaca de raza rubia galega que daba leite, crías, traballo e cartos cando se vendía.
Foi un animal de moitísima utilidade que deixa sufrido moito as vareadas do amo cando tiña dificultades para subir unha costa co carro cargado de esterco, e noutras moitas ocasións.
Os labregos de clase media posuían entre catro e seis vacas en propiedade, pero había quen non tiña ningunha e tíñaas postas. Neste caso tiñan que pagarlle unha renda ó dono que lle “poñía a vaca” á súa disposición e servizo.

HOXE EN DÍA A MAQUINARIA SUSTITUÍU Á VACA E FAISE MÁIS E MELLOR CON MENOS ESFORZO.

-A alimentación na casa dos labregos baseábase en sopas con refrito ó almorzó, caldo e leite ó xantar, papas de millo á cea, algún peixe azul cando viña o peixateiro, un bocado de carne de porco de vez en cando e pouco máis.
Patacas para a tortilla, habíaas pero os ovos escaseaban porque as galiñas “poñían co cu cara á feira”. (Con perdón da expresión)
Polas festas facíase cocido, callos, bebíase viños e licores e probábase a bizcochada e o queixo.
Non se tiña colesterol porque era imposible collelo con aquel tipo de alimentación.
Tampouco se padecía a diabete porque o azucre comíase polas festas e pouco máis.

ACTUALMENTE, O MÁIS POBRE, COME MELLOR. QUIZAIS NON TAN NATURAL, PERO MELLOR E MÁIS VIARIADO, SI.
Incluso apreceu o colestrol e a diabete porque xa non se rega o aceite nin o azucre.
Para quen non saiba o que era rega-lo aceite, direille que un criado que houbo na miña casa dicía que botaban o aceite na tixola cunha palla.
Agora bote contas para canto tempo duraba un cuartillo de aceite.

-O calzado habitual eran as zocas feitas con madeira de bidueiro por un zoquero da aldea.
Algunhas mulleres usaban chinelas os domingos e algún homes tiñas zocos feitos de coiro cunha plataforma de madeira que se ferraba con goma para que duraran máis.
As zocas das mulleres tamén se ferraban polo mesmo motivo.
Os calcetíns eran de la, Facíanos as mulleres nas longas noites de inverno coa la que raparan ás ovellas no verán.
Cando se gastaban polo calcañar ou pola planta do pé, remendábanse ou emplantillábanse..
Moitas veces víanse persoas cos calcañares ó aire.
Cando ía moito frío, metíanse unhas pallas no fondo das zocas para que foran máis quentes.
Agora xa os zapateiros non teñen de que vivir porque ninguén amaña zapatos. O que pode mercalos, mércaos e o que non danllos en Cáritas Diocesana.
MOITAS PERSOAS TÉMO-LOS ZAPATEIROS ABARROTADOS DE CALZADO.

-O vestido era confeccionado polas costureiras que ían coa máquina de coser de casa en casa, moitas veces a cambio da comida.
Remendábase todo, incluso os calzoncillos dos homes.
Ós pantalóns botábanselle cueiras e xeonlleiras dun tecido azul chamado “maón”.
Das saias vellas das mulleres facíanse mandís. Case tódalas mulleres labregas usaban mandil.

O mandil tiña moitos usos:
-Disimula-las manchas da saia.
-Ir á froita collida directamente das árbores que había nas cortiñas.
-Sonarlle os mocos ós nenos, etc.
¿ONDE QUEDARON AGORA AS COSTUREIRAS CO MOLIDO E A MÁQUINA NA CABEZA CORRENDO DE CASA EN CASA?

Os nenos eran moi abundante en case tódalas casas.
Ïan coas vacas a miúdo e axudaban nos labores agrícolas, polo que a ausencia á escola era habitual en moitos casos.
Os Mestres de aldea víánse e desexábanse para que o alumnado acadara o Certificado de Estudios Primarios.
Na miña escola saíu a primeira promoción duns cinco Certificados de Estudios Primarios no ano 1959. Eso porque veu unha profesora con moito celo pedagóxico que incluso nos daba clases nocturnas para os que non podían ir polo día.

O material escolar consistía.
-Nunha una pizarra e un pizarrillo para facer contas e redaccións.
-Un caderno de caligrafía e unha pluma de mollar no tinteiro.
-Algún tiñan un plumier onde gardaban o lápis, a goma e o pizarrillo
Líamos no Rayas e despois nun manuscrito que tiña a mestra.
-Os máis adiantados tiñan una enciclopedia.
O que chegaba a sabe-las catro regras e algo de xeometría, xa era un “sabio”.

Na escola eramos cincuenta rapaces entre nenos e nenas de tódalas idades.
Os maiores axudaban á mestra para ensinar ós pequenos.

Estudios secundarios case non os facía ninguén e que seguiramos estudios, da miña promoción me parece que fun eu a única “afortunada”.

A calefacción non se coñecía.
Para quenta-las mans metíamolas no sobaco.

E para limpa-los mocos –que tiñamos moitos catarros- usábamos case sempre a manga da chaqueta que xa sacaba brillo de tanto “fortar”…

¿CANTOS MEDIOS TEÑEN HOXE OS NOSOS NENOS DO MEDIO RURAL?
Non se diferencian absoluitamente en nada dos das capitais. En moitos casos viven mellor.

Desde que o ensino é obrigatorio, a cousa mellororu o cen por cen.
Que o aproveiten, eso é outro cantar.
Unha inmensa maioría aproveita ben o tempo aínda que non se esforza todo o que debera.
Eso si. Non valoran o que teñen porque para valoralo tiñan que carecer del.
O que se ten, non se valora. Tan só se valora cando se perde.
Así pasa con todo.

-Para dormir: os xergóns mullidos de folla de millo eran moi quentiños, pero a saba rascaba porque era de liño feito por una tecelá.
Para que pesara encima do cobertor poñíase una colcha de trapos.
Como pesaba moito, non te deixaba mover e non dabas ocasión de que entrara o aire frío.

-A calefacción na planta baixa era a lareira onde se cociñaba tanto para o gando como para a familia e convidados.
No piso chegaba o calor das vacas que había xusto debaixo.

HOXE EN DÍA A MAOIRÍA DAS CASAS LABREGAS TEÑEN CALEFACCIÓN.

-Os medios de transporte eran o coche de San Fernando, un pouco a pé e outro pouco andando e algunha vez –se había con que pagalo- collíase o coche de liña para ir á vila.
E xa non sigo, porque me parece que xa se está cansando de ler nestas historias tan reais como a vida mesma.

BÁSTENOS PARA CONCLUÍR QUE IMOS POLO BO CAMIÑO, AÍNDA QUE QUEDE MOITO POR RECORRER.
No vindeiro artigo escribirei algo sobre os COSTUMES DAQUELES TEMPOS da miña infancia e da de outras moitas persoas que témo-lo pelo branco de tanto “lávalo” ó longo dos anos.
Moitas grazas.
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES