Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A costa do solpor

miércoles, 06 de mayo de 2015
Que pinto eu, Xaquín de Roca, que son de terra adentro, falando do mar fisterrán e da Costa da Morte, cando o primeiro barco no que entrei foi na Lancha de Mugardos cando xa tiña 26 anos.

Certo que meu pai e todos os meus devanceiros foron enxeñeiros e peritos do nabal e, grazas a iso, sacáronnos a fame da casa co caldiño de grelos. E Isto vén a conto de que, tamén en terra a dentro, se lidian a cotío os mesmos confrontos coa vida que na Costa do Solpor.

Concordo con María das Neves Espiñeira Medín, a presentadora, que é unha sorte,e mesmo sorpresacoñecer a un autor importante, sendo un A costa do solporde nós, coma nós e para nós. Pensamos que eses sempre son de lonxe e que nós non producimos esas especies.

Vaise rompendo o tabú. Temos moitos e moi bos escritores/as.
E, grazas a eles, afirmamos o nós colectivo: somos povo.

Xosé María Lema Suárez, nado en Bamiro, Vimianzo o 30 de setembro de 1950, é un historiador e etnógrafo galego de gran calidade.
• Catedrático de Xeografía e Historia de ensino secundario desde 1992. Exerce de profesor no IES Antón Losada Diéguez, da Estrada.
• Membro correspondente da Real Academia Galega (2002) e numerario (patrón) do Museo do Pobo Galego (2005), é o primeiro presidente do Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SECCOM).
• É un dos membros fundadores da asociación en favor da lingua galega ProLingua.

Non é un novato: Nin en idade, nin como escritor. Nin na lingua. Nin en premios. Tendes nas lapelas do libro moitos máis datos.

Consideracións persoais desde COSTA DO SOLPOR.

1.- A lingua. A nosa lingua. Nela están a maioría dos seus moitos traballos. A lingua galega deberalle sempre moito a Xosé Mª Lema.

2.- As linguas. Todas son igual de dignas e valiosas. Expresan ás persoas e povos. Ningunha sobra. Están todas nun concerto mundial Coñecelas. Políglotas. Non sermos bífidos.

Este é un mérito desta obra, que respira ambientación universal: Inglés. Portugués, Francés. Italiano. Latín. Pero a obra é netamente galega e en galego xeitoso e ben coidado. Pon ao galego ao par delas. Dignifícao.
Como volume,(663 páxinas) ten unha entidade sobranceira na nosa literatura, porque o tamaño tamén conta.

3.- A fala. Un povo que ten fala de seu ten o mellor patrimonio espiritual identitario. Pero a identidade, se se descoida, é fráxil. Perdes o DNI e xa non es ninguén. A lingua falada e escrita cómpre cultivala, conservala, defendela, transmitila, sentirse gozoso dela.
Os complexos identitarios negativos son o comezo da autodestrución. Son un cancro.

Que nos dirían se destruímos, p. ex. o Mosteriro de San Martiño de Xubia? Iriamos ao cárcere, non si? Non estará a pasar iso na Galiza coa nosa lingua? Destruír unha lingua é moito peor. Precisamente por ser patrimonio espiritual porque é moito máis difícil restablecela. Non terá volta atrás. E isto é responsabilidade de todos. Principalmente dos políticos.

O profesor Lema, neste gran relato, asenta, consolida e transmite esta riqueza sagrada coma fai o armador Trelawney co Chavián, os protagonistas da novela, a quen lle fai a exexese das súas orixes co gran carballo esculpido no medallón xentilicio e patronímico, herdado do seu pai, xunto coa súa lingua, que como reliquia sagrada conserva pendurada sempre no seu peito. Son uns herdos sagrados e cómpre non serlles traidor.

4.- As falas. O povo é quen crea todo, tamén a fala, que só por iso esta novela xa tería merecido moitos premios. O mundo do mar, da costa e das terras desa Costa están reflectidas nela moi atinadamente.

5.- Os falares. É probável que alguén, cando se vaia metendo nesta lectura, recee das expresións desabridas, fortes e túzaras que empregan as diferentes persoas e personaxes. Certamente son ríspetas e fortes, pero a vida era e segue a ser así de dura e, por veces, agresiva e mesmo cruel. Penso que é un valor do autor telas recollidas tal cal.

Contrasta con isto a naturalidade da narrativa de temas que agora envolvemos en linguaxes tabú que tampouco amañan nada. Refírome ao amor e ao sexo. O relato das mulleres que o describen é tenro, delicado, digno, emotivo, mesmo poético. Recollelos así é dun grande acerto e o autor descríbeos cun realismo respectuoso e claro, como eran os protagonistas.Sobresae pola limpeza esencial do amor humano. É digno.

Os neofalantes, os recentemente chegados a unha lingua, pensan que hai so unha maneira de dicir as cousas. Se nos faltan estes escritores, axiña se converten en empobrecedores da lingua e da linguaxe, da cultura e da mesma vida.
Xosé María historiador, investigador. Pero sobre todo é profesor: ensina historia e profesa a historia: comunica a vida da historia como mestra da vida.
Dinamiza a vida actual coa forza dos nosos devanceiros. Pola memoria deles estamos e seguimos en pé. E seguiremos.

6.- Hai ao longo da novela un leitmotiv, un fío condutor, que me seduce. O Valado do Vento: Saber escoitar as pedras. O home que falaba coas pedras.Todo un tratado de Psicoloxía humanista e positiva. CarlRogers, A. Maslow, Seligman, ou calquera dos nosos mellores psicopedagogos, lerían con gosto toda esta forma modélica de achegarse á natureza inerte e á flora e fauna coas que formamos mundo común. Só así aprendemos o trato, respecto e convivencia cos distintos ecosistemas. A mina de CORCOESTO, REGANOSA, ENCE de Pontevedra, o frackingetc. Moito teñen e temos de aprender das xentes desta novela e dos modelos deste fidalgo, crego sabio, xentes do povo, etc.

7.- As Vilasumisas escravizadas, que el describe, terán vida cando unha minoría de xuventude arranque a viviren abrindo camiños novos na unión entre todos eles para novas experiencias de futuro.

8.- Son modélicas as figuras femininas: Luísa-Úrsula. A Madre Farruca. Mariana de Agar. Mariña, a fidalguiña. A Meiga Melania, que non bruxa, etc, E asemade todas as mozas do povo que militaron bravamente durante a loita e despois souberon seguir no avance da liberación de todos.

9.- Hai outro modo de ser crego e a xente de seren relixiosos.Eça de Queirós en O crime do Padre Amaro, presenta tamén un crego e un povo parecidos. Podería ser hoxe o Papa Francisco? Tal vez. Xa sería ben que así fose: un movemento comunitario desbotando a alienación e os opios adormentadores.

Este libro é rompedor, se se sabe ler en clave de liberación. Non é neutro, nin neutral. Toma posición, pero non con un partidismo barato.
Teño curiosidade pola orixe do mapa da Galiza en Portugal.

Amigos, o libro é dos lectores e para os lectores, para a comunidade que o debe ler intelixentemente e recrear dialecticamente e de continuo a historia.

Pero debemos mimar aos autores para que continúen a traballar. En tan pouco tempo xa estamos na segunda edición. Iso algo indica. O premio a crítica literaria tamén recoñece esta valía.

Profesor Xosé María Lema, desde aquí, grazas polo arduo e exhaustivo traballo. É unha honra.

(Este texto, leeuno o noso colaborador, Xaquín Campo Freire - Xaquín de Roca, na presentación do autor e da segunda edicion do libro).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES