Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (59)

miércoles, 06 de mayo de 2015
Recordando o liño ao principio do século XX

Sendo nena, na miña casa, sementaban liño nunha leira chamada “A Gateña”. Non era moi grande. Mandábanme ir mondalo. Tería oito centímetros de alto. Non me gustaba moito, pero viña comigo unha nena veciña e pasabámolo ben. Cando xa floreaba, logo saía a semente, chamada a bagaña. Arrancábase cun aparello que parecía un peite. Ripábase para quitar a semente. Logo, en feixes, levábase ao río. Xa tiñan uns pozos feitos a propósito. Poñíanlles unhas pedras enriba.

Así, uns días. Despois, estendíase nun campo como vinte días, aproximadamente. Logo, despois de sacar o pan do forno, metían o liño nel. Para o outro día, amazocábano cun aparello que lle sacaba as arestas máis grandes. Este era un traballo de homes. Ao lado do que estaba amazocando, estaban as tascadoras, sentadas en bancos, diante dunha táboa afiada por un lado. Poñíase vertical, diante da tascadora, apoiada no banco, que xa tiña un burato para asegurala. Alí, tamén lle saían máis arestas.

O traballo seguinte era o restrelo: separar os cerros das estopas. Este era o traballo máis bruto do liño. Dos cerros, sacaban o fío máis fino e mellor. Logo, fialo. Co sarillo, facíanse as madeixas. Lavábanas. Poñíanas ao clareo. Xa lavadas e brancas, había a devanadoira, onde se poñían as madeixas e facíanse os novelos. Con estes, íase á tecelá. Recordo, de pequena, ir con miña nai. Poñían unha tarde para urdir. Mamá levaba molete e queixo para merendar. Pesaban os novelos; así, xa sabían as varas que facían. Anoaban os fíos para empezar a tecer. Era un oficio que tiña o seu valor.

Cando acababa a tecelá, traía o traballo á casa, e xa lle pagaban. Cando se estreaban as sabas, picaban, pois sempre lles quedaban algunhas arestas. Recordo, sendo nena, miña nai poñíame un mandil debaixo para que non me picaran.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES