Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un sorriso permanente

lunes, 04 de mayo de 2015
Baixo o título de "Unha mala noticia", predispúñame a escribir sobre esa nova xudicial que nantronte fixo abanear a oficina electoral de Vázquez Barquero, así como sobre a situación de paradoxo que se pode dar se, de aquí ó día 24, o xuíz acaba botando man dos argumentos do fiscal e decide imputar -palabra maldita- ó candidato socialista, o cal -seguindo o catecismo do PSOE- pode acabar xerando un singular contrasentido ou, mellor dito, un desenlace de vodevil se a Vázquez Barquero se lle da por dimitir, cousa que convertería en candidata -se é que ela non dimitise- á persoa que indirectamente provocaría a imputación do candidato actual á alcaldía de Ourense.

Predispúñame a escribir sobre iso, entendendo que a intromisión da xustiza nunha campaña electoral nunca é unha boa noticia, cando un dos habituais actos reflexos que me fan consultar a rede mentres escribo, levoume a ler no facebook un comentario do meu amigo de vello, Afonso Vázquez-Monxardín, que me zarabateu coa pésima nova do inesperado falecemento da profesora de Historia Medieval do campus de Ourense, a moi querida, para min, Mercedes Durany Castrillo.

Foi no ano 1997 cando (por mor da familia do que fora párroco de Celanova, don Manuel Iglesias, se constituíu o premio de investigación que aínda hoxe leva o seu nome da man da Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo) eu comecei a tratar a Mercedes Durany, xunto cunha nova investigadora, tamén medievalista, Beatriz Vaquero Díaz, que andaba daquela a transcribir toda a documentación que se conserva en diferentes arquivos, do mosteiro de Celanova, máis ala do libro tombo que xa publicara daquela outro prestixioso medievalista -neste caso da Universidade de Santiago- José Miguel Andrade Cernadas.

Mercedes Durany non centrou as súas investigacións na rica historia celanovesa (aínda que si deu a coñecer, xunto con Bea Vaquero e Paco Pérez Rodríguez, algún traballo ó respecto), senón na súa terra nativa do Bierzo, así como noutras comarcas ourensás, como as terras de Allariz ou a ancha planicie da Limia.

Son grandes os afectos que o seu sorriso permanente e a súa sempre predisposta bonhomía xerou, ó longo de todos estes anos, entre a sociedade ourensá. E profunda -polo tanto- a dor que a súa precipitada marcha provoca entre todos cantos lle queriamos ben, que eramos lexión.

Quixen deixar o titular que escribira antes de coñecer a mala nova, pero -para mitigar a dor que agora sinto- prefiro rematar lembrando o seu sorriso permanente.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES