Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (58)

miércoles, 29 de abril de 2015
Como eran as vodas en Galicia nos anos corenta


Sendo nova, casouse miña irmá. Recordo que, cando se pedía unha moza para casarse, viña o pai co mozo á casa dela. Falaban da roupa, poñían día para comprala. Acostumaban a pagala os pais do noivo. Facíase á medida. Case sempre era de color negra, tanto para a noiva como para o noivo.

O domingo seguinte da pedida, líanse as amoestacións na misa parroquial; tamén se poñía o día para a voda. Que invitados se chamaban. A invitación facíase persoalmente.

O convite facíase no campo da noiva. Cocíase un cocedoiro de molete. Matábase unha ovella ou un carneiro, algún polo, se o había na casa. Traíase unha muller para facer a comida. Sempre había algunha que cociñaba ben. As casas eran vellas, pero, como era pouca xente, todo se ía arranxando, pois os invitados eran os máis achegados. Os pais non ían á igrexa á voda dos fillos.

De comer, facíase cocido, callos, asado. Para o postre, a madriña da noiva traía unha tarta con varios pisos. Os da casa compraban moito doce, roscas. Logo, sobraba, e dábase o sangaño, que era levar doce á casa dos familiares, amigos, veciños, etc. Este costume xa foi desaparecendo.

Os regalos non eran en cartos; regalaban mantelerías, sabas, xogos de café. Os homes acostumaban levar un par de botellas de coñac.

Cando a moza ía para a casa do noivo, xantábase na casa dela. Logo, á noite, ía toda a xente cear á casa del. Ela quedaba alí, co seu home e familia. Ser de comenencia era ter o pan asegurado. Había que facer vida cos sogros e cuñados, pois, case sempre era para a casa o fillo máis vello, xa que era o que lle sacaba o traballo máis duro ao pai.

Fundar vida era máis difícil. Non había moitos traballos. Se collías un lugar pola renda, tiñas que traballar para o amo, pagar o terzo da colleita e era moito. Os pais que podían axudaban moito aos fillos. Dábanlles pan, patacas para todo o ano. Antes, ter comida valorábase moito. Hoxe, teñen piso, coche e, antes de casarse, xa miran de ter bo traballo. E as parellas non duran toda a vida. Antes, debía ser un amor inmenso, pois duraba toda unha vida.

Cando a moza ía para a casa do noivo, había o costume de levar un regalo para cada persoa da familia. Aínda recordo cando se casou meu irmán, miña cuñada regaloume a tea para facer un vestido. Era de color rosa. Disto xa hai máis de cincuenta anos. Cousas que che quedan no recordo.

Antes, as vodas eran de negro. Hoxe, son de branco. Eu só desexo que sexan por amor e para toda a vida.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES