Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros á espera de lectores e autores

miércoles, 29 de abril de 2015
No oficio de construírmos e lermos libros pasounos algo semellante ó acontecido coa burbulla do ladrillo. Voaron os cartos ou alguén os meteu sixilosamente no seu peto e todo se escangallou. A editoriais, librerías, autores e lectores todo iso afectounos moito. Hai agora vinte anos que a UNESCO estabeleceu a celebración do Día do Libro. Pois ben, co gallo desta celebración o pasado 23 deste mes de abril, vémonos unha vez máis na obriga de lanzar un berro ó aire por se alguén nos quixera escoitar.

Pola miña parte, fágoo esta vez en canto autor. Pois o título enteiro desta celebración é “Día do Libro e do Dereito de Autor”. Os autores somos tamén xente. Persoas que normalmente non poden vivir dos seus escritos, mais que traballan no seu oficio e lles queren ofrecer ós demais as súas reflexións, o seu modo de ver e de mellorar o mundo.

A toda persoa lle viría moi ben ter ocasión de poder mergullarse na lectura de obras ou escritos que contribuíron ou contribúen dun xeito ou doutro ó desenvolvemento científico ou cultural da humanidade. Os escritores ou autores realizan, pois, un traballo a prol dunha humanidade mellor e por iso teñen tamén, en canto traballadores, os seus “dereitos”.

Conservo viva e reconfortante na miña lembranza aquela caricatura de hai xa anos do sabio Mingote que tiven durante moito tempo espetada cun alfinete nun dos andeis entre os meus libros. Ata que a cor de letras e debuxo foi esmorecendo. Viña ser esta. Un escritor amósalle o seu recente libro a unha persoa coa que se atopa e dille: ‘Este libro significa o meu labor dun ano’. Ó que lle responde con atrevida presteza o seu sisudo interlocutor deste xeito: ‘Pero é que estivo vostede un ano enteiro sen traballar?’. Más alá dos pensamentos que suscitan denuncias sociais coma esta, a verdade é que os autores imos tamén de camiño, efectivamente, de pasármonos non só durante un ano senón durante bastantes máis ‘sen traballar’.

Como nos imos atrever a dedicar o fuxidío tempo dos nosos días ó traballo de idear, pensar e converter en palabra escrita algo que só con gran dificultade poderá chegar logo a repousar nas mans amigas dun benévolo lector? Pois a prolongada crise abrángueo todo e a ela non lle causa pracer ningún que alguén escape á súa influencia, agás naturalmente aqueles mesmos que provocaron tal crise, é dicir, os que detentan o poder económico e imperan sobre políticos e demais subalternos. Aqueles xustamente que non precisan ler nada, porque para eles os grandes billetes valen máis ca unha infinidade de bos libros.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES