Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guxeva, na burata da vida longa

martes, 28 de abril de 2015
Non hai moito que unha web facilitou votar o nome mais orixinal dunha aldea do concello de Chantada. Das 266 aldeas espalladas polas 36 Guxeva, na burata da vida longaparroquias que compoñen este municipio, o topónimo da aldea agraciada foi Guxeva, acochadiña, recollidiña no colo celmoso da nosa ribeira miñota, na parroquia de Santiago Darriba -como a denominamos os chantadeses- mais a podiamos normalizar como Santiago de Riba, tal como aparece nun documento de 1094, Sanctus Iacobus de Ripa. E noutro de 1309 como Santiago de Riba.

Verdadeiramente Guxeva é un nome delicado e sonoro que apetece ir ás orixes do mesmo, e ninguén mais que o noso excelente rigorista en toponimia como é D. Nicandro Ares Vázquez que revela o seguinte: “Guxeva procede do xinecónimo godo Gudigeva”. Gudixeva foi nome feminino moi común entre a nobreza galega dos séculos X e XI. Unha sobriña de S. Rosendo tiña ese nome.

Guxeva é o único e xenuíno topónimo que hai en Galiza. Un nome ben antigo para un recuncho de terra acazapado ás orelas do Miño, que non se fai visíbel desde a cimeira da estrada de Nogueira de Miño nin desde as rentes do río. Caxato en mao e cámara fotográfica ás costas, trepei corredoira de ribeira desde a ponte de Belesar por unhas paraxes de viñas, soutos e carballos druídicos. A verba poética no cantar dos regueiriños de ribeira; vimbios a danzar ao son do ar e servindo de coral, nunha espesa vexetación que nos libera. Por esta inmensa soidade implora un sentimento panteísta, nunha tarde de sol que aloumiña o río con danzarinas cores que cativan o ollar.

Florecen as cerdeiras e os pexegueiros; as cepas xermolan froito, ben atadas ao vello uso con vimbio groso á estaca que conforma unha escultura cambiante até a chegada da vendima. Os espazos de Guxeva están ben partillados e en comedidas cortiñas para producir viño e hortalizas. Os primeiros froitos que acugulan a praza da vila diariamente e nos días de feira, veñen da ribeira e seus produtores que denominan Guxeva, na burata da vida longarianxo. Á nosa ribeira non entra o arado, só o sacho, eixada e legón que temperan as maos áxiles e ásperas de mulleres e homes de suor a cachón que se converte en sorriso fraternal.

Na entrada de Guxeva, pola banda norte, un can vén cara a min e sube todo contento e expansivo, mentres unha voz feminina advirte: “Non lle fai nada, é un cadelo novo e gústalle brincar”. Serviume de compañeiro polo rueiro de Guxeva. Todo silencio, parece que só viven cinco persoas, mais a decadencia do noso rural, aquí non é declive. Aínda que se manifesta o deterioro do cal, reluce o branco, en casas de fartura que exhiben soleira e balconadas. Casas a feitura do que se consume e do que é excedente, con adegas enormes que recenden ao que a videira ordena. Pallares de barrotes para secar herba e palla: a medida xusta do que se precisa conservar para a mantenza de gando groso e de miudanza.

En Guxeva percíbese o prodixio dunha terra fértil, envolta e tapizada por unha paisaxe incomparábel, que tempera a súa personalidade individualizada, tan súa e tan soia como ofrenda das divindades. A imaxe que nos dá esta aldea é comparábel a aquela terra de promisión que encontramos no libro de Deuteronomio 8, 7-9: “Olla que o Señor, o teu Deus, vaite levar a un país bo, terra de regueiros de auga, de fontes e piagos que saen das veigas e das montañas; terra de trigo e de cebada, de viñas, de figueiras e de romaceiras, terra de aceite e de mel; terra onde has de comer o pan á mesquindade, onde nada che faltará”.

O cadelo e mais eu percorremos Guxeva sen ver a ninguén mais que a señora da advertencia. A demografía aquí tamén está de rebaixa, aínda que unha casa de estrea, con vistas ao Miño e ás terras de Diomondi e Mourelos, no Saviñao, testemuña a presenza identitaria do que non debemos perder: o herdo de tódalas emocións posíbeis ilústranos neste recuncho paradisíaco coa presenza activa dunha cultura e, aínda, dun espazo cultual que nos xustifica ser galegos e amar esta terra pródiga, aínda en súas decadencias. Guxeva ben merece unha camiñada, unha reflexión e, como París, unha misa.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES