'Castelán' sinonimo de 'Español'
Editorial - jueves, 27 de abril de 2006
En tempos, manexábanse a nivel coloquial as denominacións de Castelán e Español, para denominar o mesmo idioma. E o manexo podía ser natural ou intencionado.
Para os nacionalistas, o idioma común que se fala en España era o Español, para marcar diferencias; para dar a entender que o Galego non era español.
No manexo natural, o Galego é tan español coma o castelán, xa que as linguas que se falan nagunha parte do Estado son idiomas españois: castelán, galego, catalán e eusquera. Todos eles cos mesmos dereitos ca o castelán nas respectivas comunidades autónomas. Máis aínda: entendemos e enténdese que cada comunidade ten que tender á preeminencia da lingua propia sobre a común, xa que esta exalta xeitos de vida, costumes, tradicións, cultura...
Todo avance do idioma propio significa avance da comunidade á que representa; todo recoñecemento é dignificación; cada etapa recorrida é un paso de futuro.
Pois o galego ven de dar un paso atrás en Europa, sen que ningunha institución galega acuse o golpe. Catalán, galego e vasco non serán idiomas de traballo no Parlamento europeo para as comunicacións escritas, segundo ven de decidir a Mesa da institución.
Todo parecía ir ben neste sentido, mesmo a traducción a estes idiomas (no noso caso, o galego), e o Goberno español tíñase comprometido a correr cos gastos que esto supuñese, pero ó final o tema torceuse.
Non é un grave atranco para o idioma, que ten moitos outros eidos no que desenvolverse e afianzarse, pensando que nunha institución como o Parlamento europeo téndese a aglutinar ou simplificar xa que moitos son os idiomas nacionais que inciden na Cámara. Neste caso, pois, Castelán vai ser sinónimo de Español, a efectos de representación no exterior.
Pero se esa porta se nos pecha, debemos cruzar aínda de xeito máis decidido tódalas portas que máis directamente nos afectan. E conseguir que en Galicia o galego teña preeminencia.
Nestes momentos en que se está comezando a traballar no novo Estatuto de Galicia, debe ser este un tema para estudiar con calma e, xa que se nos establecen límites legais no exterior, lle demos no interior todo o valor e a presencia que merece.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora