A canción de Manuel
Santalla, Iago - miércoles, 22 de abril de 2015
Hai pouco descubrín un novo proxecto audiovisual arredor da diversidade e puxando pola inclusión. Trátase do perfil de youtube A canción de Manuel onde Olga Lalín e Seso Durán fan cancións con videoclips que, en certa medida, intentan explicarlle o mundo ao seu fillo Manuel, un neno con autismo.
Son cancións cheas de tenrura, acompañadas de imaxes de Manuel onde se observa a un neno aprendendo o mundo da man agarimosa do seus pais.
De novo, estamos ante unha iniciativa visualizadora que se suma á loita pola inclusión dunha maneira tenra na que as emocións toman forma de verso e música. Con este proxecto, Olga e Seso contan a súa propia historia pero, nela, están os lazos comúns nos que se recoñecen moitas das historias que contan pais con nenos que teñen diversidade funcional. Particularmente, gústame o xeito poético que tiveron Olga e Seso de transmitirlle a Manuel as nocións da realidade porque a vida pódese transmitir nunha canción ou nun poema e, neles, os nenos aprenden a camiñar. Esta é a razón de ser que levaron ao éxito a María Fumaça ou A Nena e o Grilo e estou seguro que ese mesmo éxito vai ser A canción de Manuel porque, de novo, unha familia abre as veas da súa experiencia para enriquecer á sociedade, unha sociedade que non pode permanecer máis allea a súa propia diversidade senón quere mirarse no espello do absurdo...
A canción de Manuel, preséntanos un xeito de coñecer o mundo que reivindica igualdade e solidariedade pero, ao mesmo tempo, tamén nos ensina que podemos ser felices na autoaceptación para facer unha realidade que teña a medida dos sorrisos e que, día a día, vexa un logro en cada paso valorando ás persoas polo que son e polo que loitan sen construír arrabaldes de ignorancia. Gústame ver como agroman alternativas de inclusión que queren e constitúen un acicate para impulsar a actuar ao poder político e isto é o que pretende A canción de Manuel: cantar á vida facendo ver que todos temos un dereito real á mesma e que ese dereito real, implica forxar socialmente unha igualdade de oportunidades e un compromiso co desenvolvemento e mantemento da mesma.
Deste xeito, o proxecto de Olga e Seso vai moito máis alá da canción, do verso e da emoción que latexa en cada vídeo e adquire unha transcendencia social que demanda un modelo de atención integral.
Olga e Seso son dous artistas que, dende o seu amor a Manuel, crean un proxecto digno de transcendencia que ten que darse a coñecer como alicerce dunha sociedade inclusiva capaz de valorar a cada persoa polo que é, dándolle ferramentas para o desenvolvemento dunha vida digna e plena. Tamén hai que dicir que os vídeos publicados ata agora teñen un fondo traballo de montaxe e maquetado no que todos os temas están subtitulados en castelán e inglés.
As imaxes dun Manuel loitador e explorador da vida ensínannos que toda persoa merece unha oportunidade á altura das súas posibilidades e unha sociedade que se quere democrática e igualitaria non pode cometer a inxustiza imperdoable de negarlla.
Parabéns a Olga, Seso e Manuel e longa vida ás cancións que nos ensinan a medrar como persoas.
https://www.youtube.com/user/olgaeseso/about

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora