Recibín unha grande alegría, cando souben, a través do amigo Xulio Xiz, do acordo unánime da corporación municipal de Begonte nomeando a D. Sergio Rábade Romeo e D. Víctor Corral Castro fillos predilectos do Concello de Begonte (Lugo).
A ese acordanza chegouse para nomear fillos predilectos da súa terra ao

Profesor Rábade (da casa de Donsión de Saavedra) e o Escultor Corral (da Casa-Museo de Baamonde). Tamén se ten decidido facer actos de homenaxe a estas persoas o día 25.
O primeiro que me veu á memoria, ao recibir a noticia, foi a traxectoria de ámbolos dous ilustres homenaxeados. Na estantería da habitación na que escribo, puiden ver e tocar as obras destes amigos. Os libros de D. Sergio foron a compañía formativa de todos os meus estudios. Os máis usados son o texto de Filosofía para terceiro de B.U.P., e a Historia da Filosofía de C.O.U ¿cantos alumnos se iniciarían nesta asignatura da man de D. Sergio? Dúas pequenas esculturas de D. Víctor fanme compañía desde que o coñecín. Unha desas estatuíñas representa un grupo de tres persoas: unha moza mestra que acubilla a dous rapaciños (nena e neno) que sosteñen un libro. O símbolo da protección da inocencia, a incentivación da lectura, e o ensino agarimoso fóronme un referente constante na práctica docente.
En pouco espazo de tempo, esa ledicia inicial foise tornando en añoranza e tristura:
- A tristura produciuse porque a última vez que puiden visitar a D. Víctor fíxeno en compañía de Xosé Luís Novo Cazón, daquel encontro xurdiu o precioso estudio de Xosé Luís sobre o escultor e a súa obra (publicado en Ophiusa). Este querido e admirado compañeiro ¡xa marchou cara a...eternidade! A derradeira vez que nos vimos foi, fai case dous anos, nunha sesión de 'quimio', no Hospital de día de POLUSA.
- A añoranza foi provocada por unha infausta coincidencia. Cando recibía a noticia do acordo de Begonte, tamén me fixeron chegar un manifesto de varios colectivos de profesores de Filosofía. Nese escrito os profesores quéixanse razoablemente da postergación que vai sufrir a área das materias de filosofía nos plans de estudios da ESO e de Bacharelato, segundo os novos proxectos da Consellería de Educación.
No escrito puiden ver un cadro comparativo de horarios en tódalas comunidades autónomas. Despois de reler as razóns e os datos, un non pode menos que pensar ¡outra vez a negra sombra que nos asombra!
Por qué esta continua marxinación do pensamento galego? Eu non atopo xustificación para tanta xordeira. Non lles abonda o que están a facer coa materia de cidadanía? Por favor, escoiten e reconsideren.
Para vencer ese estado de tristura acudo, como sempre, a traballar e
pensar. Tamén para iso sírvenos o exemplo do Profesor e do Escultor. Sobre eles púxenme a matinar na maneira de resumir os elementos nucleares das súas biografías. Ocorréuseme propoñerlles, pacientes lectores, un resume en dúas frases:
1. Os dous son escultores de pensamento e pedra, e profesores de vida e sensibilidade.
2. D. Víctor coa forza da súa sensibilidade e das súas mans fai do máis sinxelo (pedra, madeira, barro...) algo sublime e tenro. D. Sergio coa forza da razón e da palabra fai sinxelo e comprensible o máis difícil e complexo dos pensamentos filosóficos.
Gracias, señores predilectos, por ensinarnos tanto e tan variado, incluso a superar os momentos difíciles da vida. Gracias tamén aos responsables do Concello de Begonte por recordárnolo.
(Manuel Regueiro Tenreiro é Profesor de Filosofía).