Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (30)

jueves, 23 de abril de 2015
Ano 1928 (II)


Ferrocarril a Baamonde. Anos antes o Concello e as forzas vivas clamaban polo ferrocarril Lugo-Mondoñedo. Logo polo Central Galego. No mes de maio, e á vista de que ningunha das opcións manexadas se fixera realidade, o pleno do Concello ofrece os terreos precisos para que se constrúa unha liña de Vilalba a Baamonde que enlazase coa do Norte.
Fútbol. Nos meses centrais do ano xóganse diversos torneos entre equipos de vilas próximas. Para manter o espírito deportivo en todas elas proponse que se celebre unha liga de verán entre os respectivos equipos de Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e A Veiga, con primeira e segunda volta.

† Francisca Arias Alonso. Á idade de 93 anos faleceu en Santaballa. Era a nai dos López Arias. O seu enterro e funerais foron moi concorridos.

Homenaxe nacional a Primo de Rivera. En xuño o comité local do partido do marqués de Estella fai un chamamento para que todos os cidadáns se adiran a esta homenaxe.
A relación de cargos a adhesións resulta moi significativa porque nos informa dos nomes dos principais dirixentes e forzas vivas da Vilalba de 1928:
Alcalde, José Novo Pardo.
Xuíz de primeira instancia, Cesáreo Pardo y Esperanza.
Cura rexente, Ramón Jiménez Fraga.
Tenente da Garda Civil, Dionisio Abelairas Mouriz.
Rexistrador da Propiedade, Alfonso Fernández y Fernández.
Notario, José Roán Tenreiro.
Secretario xudicial, Marino Burgos Cruzado.
Xuíz municipal, Juan Fernández Abelleira.
Fiscal municipal, José Enríquez Chanot.
Secretario municipal, Luís Campos Goás.
Subdelegado de medicina, Eugenio Basanta Silva.
Médico e inspector municipal de Sanidade, Eliseo Díaz Anllo.
Inspector de hixiene pecuaria, Joaquín de Castro González.
Farmacéutico titular, Alejo Prieto Sánchez.
Secretario do Concello, Víctor Basanta Silva.
Cabo do somatén do partido, José Valdesuso Caleiro.
Xefe de Correos, Alfonso Calvo Penarrocha.
Xefe de Telegráfos, Román Montesinos Álvarez.
Avogado, Calixto Soto Fernández.
Procurador, Joaquín Gayoso Noche.
Profesor de Instrución Primaria, Carlos Moltó Gargori.
Xefe de Prisións, Narciso Álvarez García.
Director do Banco da Coruña, Manuel Pena Vidal.
Director do Banco Pastor, Guillermo Orosa Álvarez.
Presidente do Casino, Domingo Goás Canto.
Vicepresidente do Centro de Artesáns, Antonio García Hermida.
Pdte. da Unión Comercial Villalbesa, Pascual González Rouco.
Pdte. do Sporting Club Villalbés, José Manuel Cacharrón López.
Vicepresidente da Unión Ciudadana Anticaciquil, Tomás Otero Muras.

Antonio Quintela Ferreiro. Este vilalbés de 16 anos rematou en Santiago os estudos de maxisterio en 1928. A súa persoa aparecerá en anos sucesivos asinando artigos de prensa tratando cuestións relixiosas, pedagóxicas e poéticas. Foi mestre da Liga Santaballesa desde 1932 ata 1936, ano no que foi mobilizado. Del quedou un magnífico recordo entre os seus alumnos que destacan o seu labor pedagóxico consistente en premiar o esforzo de aprender, non castigar e democratizar a aula permitindo que fosen os propios alumnos os que se organizasen para solucionar conflitos. Sabemos que foi autor de varias pezas teatrais para representación escolar aínda que non puidemos dar con ningún dos manuscritos que no seu momento debeu haber. Tamén escribiu un libro de poemas e unha novela.
Por moi breve tempo, de marzo a xullo de 1936, verémolo como director de «El Faro Villalbés», xornal no que viña colaborando cos seus escritos.

Banquete de 26 de xuño de 1928. Foi organizado como homenaxe ó alcalde José Novo Pardo, ó xuíz Cesáreo Pardo Esperanza e ó médico Domingo Goás Canto para celebrar o seu nomeamento como socios de honor da habaneira sociedade «Unión Villalbesa y su Comarca» Presidiuno o gobernador civil e formaron parte da comisión organizadora do evento Agustín López Arias, Manuel Pardo Villarino, Marcelino Martínez, Jesús F. Verdes, Juan Fraguín, José Cendán e Cosme Sacido. Durante o xantar, servido nunha das salas do edificio do hospital, unha orquestra formada por Pepita García Marto, piano; Víctor Mato Grandío, Santiado Mato Grandío, Antonio García Hermida, violíns; Justo Mato Grandío, frauta; deixou oír selectas obras, tanto internacionais, Mozart ou Verdi, como galegas, Chané ou Veiga.
Na sobremesa houbo discursos. Os homenaxeados agradeceron o recoñecemento e loaron o labor dos americanos. Pola comisión organizadora falou, como non!, Cosme Sacido quen coa súa oratoria arrincou sonoros aplausos dos asistentes.

«Unión de San Simón y Samarugo». Chegaron noticias da formación da nova directiva desta incansable sociedade habaneira. Para 1928-1929 quedou integrada por: Ramón Yáñez Orosa, presidente; Juan A. Vázquez Gacio, vice; Jesús Carballeira Gacio, secretario; Pastor Yáñez, vice; Ángel Pérez Yáñez, tesoureiro; Santiago Prieto Rego, vice.

«Farmacia Moderna», da que é titular Alejo Prieto Sánchez, ten o seu novo domicilio e despacho farmacéutico en Campo de Puente, a carón da casa de Agustín López.

A estación de teléfonos. Trasladouse da avenida Rodríguez de Viguri ó Campo de Puente, quedando instalada na casa do señor Apenela onde ata hai pouco se emprazaba a farmacia de Alejo Prieto.

Visita dun vilalbés de Bos Aires. O «Heraldo de Villalba» de 10 de agosto informa de que o tesoureiro do «Centro Villalbés» de Bos Aires, Eugenio Lozano, realizou unha visita ás obras do futuro hospital e que se congratulou de que axiña puidesen estar rematadas. Mesmo apuntou a idea de darlle o nome de «Centro Villabés de Buenos Aires» a unha das salas coa seguridade de que os vilalbeses residentes na Arxentina haberían equipala e sostela.

«Progreso de Lanzós». A nova directiva para o ano 1928está formada por: Crisanto García Prieto, presidente; José García Tenreiro, vice; Jesús Cendán Ferreiro, tesoureiro; José Pérez Fernández, vice; Antonio Tenreiro Pieñeiro, secretario; Marcelino Martínez Paz, vice; José Insua Villares, contador; Avelino Goás Fraga, vice.

Para o señor alcalde. Chamamento á autoridade municipal desde o «Heraldo de Villaba» de 16 de agosto. Ás catro da madrugada do sábado pasado, varios individuos produciron un forte escándalo na rúa de Primo de Rivera dando grandes voces que alarmaron a veciñanza ata o extremo de que algúns abandonaron o leito pensando que ocorría algo grave.
Non é a primeira vez que se producen semellantes escándalos nin que se chama a atención do alcalde para que se corrixan tales abusos que molestan os veciños e que non son propios de xente con cultura.

O ferrocarril Central Galego. Aproveitando o veraneo de Primo de Rivera en Mondariz, unha comisión de Mondoñedo e Vilalba desprazouse ata aquela vila para interesarse diante do marqués de Estella sobre o tan ansiado medio de transporte. Tamén se lle expuxo a petición de que os carros do país non paguen imposto de rodaxe.

Comisión Executiva de 28 de agosto. Deuse conta de que se instalara un depósito de 1.000 litros para a auga e de que se fixera a obra de acometida de auga na cociña e nas zonas sanitarias. Acéptase o donativo de Antonio Díaz-Requeijo Ventre consistente nun grupo electro-bomba “Bloch”.

Festas de San Ramón. A tan ansiada Liga de Amigos que organice as festas non se constituíu no presente ano. O Concello debeu facerse cargo das patronais. O previsto era que se limitasen ós días 30, 31, 1 e 2 coa actuación da «Nueva Lira», gaitas do país, comparsa de cabezudos, paseos de moda e bailes, tanto públicos coma privados.
Por informacións posteriores coñecemos que as festas resultaron lucidas. Houbo partido de fútbol e a banda do rexemento Zamora estivo presente amenizando o paseo. Pero foron as dúas bandas de Vilalba, a «Nueva Lira» e a «Antiga Banda Municipal» as que incansablemente puxeron música. Das diversas pezas interpretadas destácase a clásica e emotiva «Os Cantares de Vilalba», do malogrado mestre vilalbés Santiago Mato Vizoso, que debeu ser repetida reiteradamente.

Demisión no Concello. Agustín López Arias presentou a súa renuncia ó cargo de concelleiro a mediados do mes de setembro.

Luís Bello en Vilalba. En setembro o xornalista e pedagogo madrileño visitou escolas de Vilalba en compañía de amigos, inspectores de Educación e mestres da comarca. Procedía a comitiva de Monforte, Lugo e Begonte onde observou o estado dos edificios escolares e materiais pedagóxicos existentes. No concello de Vilalba detívose nos de Alba, Tardade e no da vila que rexentaban Carlos Moltó e Encarnación Vázquez. Levaba un lamentable concepto do estado da escola de Alba á que cualificou de piscina pola cantidade de auga que había no seu interior e eloxiou as da vila e a de Tardade, onde os nenos dispoñían de libros. Libros e familia eran luxos que non podían permitirse os mestres. Desde o «Heraldo de Villalba» laméntase de que non xirase visita ás de Lanzós, Santaballa e Costa, modélicos edificios debidos á iniciativa dos emigrados.

Escola de Fontepisón. Un grupo de entusiastas santaballeses da Habana realizou a primeira contribución para construír un edificio escolar en Fontepisón-Santaballa. Era o terceiro dedicado á instrución dos nenos que se edificaba desde que en 1907 se iniciaran as obras da Liga Santaballesa. Detrás deste movemento parroquial destácase o poder dirixente de Domingo Pérez Ocampo, quen tamén tomou a iniciativa de crear un sindicato agrícola parroquial. Tres edificios escolares e a unión dunha cooperativa agrícola con seguros para o campo en pouco máis de vinte anos di moito en favor dun párroco que soubo motivar a veciñanza.

As poesías e Chao Ledo. Nun artigo da probable autoría de A. García Hermida, o «Heraldo de Villalba» de 18 de outubro faise eco da idea do «Centro Villalbés» de Bos Aires de editar as poesías completas do poeta e párroco de Mourence, xa falecido, José Mª Chao Ledo. Debía ser unha edición sinxela, como a vida do poeta, para que chegase a gran número de persoas. O proxecto era posible porque en Mondoñedo existía un manuscrito onde se recollían os poemas do autor. Retomábase a iniciativa que anos antes a Irmandade da Fala non conseguira levar a cabo. Como se dirá máis adiante, o proxecto levouse puido levarse a cabo. Os recursos económicos que se obtiveron da venda do poemario destináronse ás obras do hospital asilo.

Comisión Executiva de 24 de novembro. Encárgase a pintura dos sesenta e seis portas e ventás do edificio do hospital asilo. De cor branca as contras e a parte interior das ventás; imitación a madeira as portas e o exterior; as demais luces da cor que elixa o presidente. Daráselle silicato de potasa ós antepeitos, quedando de lapidol ou pedra alacantina a parte do portier. Todo iso polo prezo único de 1.030 ₧.

Obras necesarias. A finais de ano, e con vistas ó novo orzamento municipal, son varias as intervencións que se consideran de necesidade imperiosa: o empedrado da praza de Alfonso XIII -contorno da Pravia-, amaño da rúa Maior -Porta de Cima-, construción de cubertas para os lavadoiros públicos, amaño e empedrado da Chouzana, ampliación do cemiterio,... máis bancos na alameda!

Escola de Mourence. Foi trasladada do antigo local que ocupaba ata o novo edificio coa presenza do inspector de Educación.

Comisión Executiva de 20 de decembro. Acórdase que se fagan os trámites oportunos diante de «Hidroeléctrica del Tronceda» para que se ordene a instalación de luz e forza para o motor da auga e que se prolongue a liña trifásica ata o edificio do hospital asilo.

«Os Cantares de Villalba». Compostos en 1897, a música e a letra débense ós irmáns Mato Vizoso, respectivamente Santiago e Manuel. Durante moitos anos, e sobre todo no primeiro terzo do século XX, foi peza que orfeóns e bandas de Vilalba interpretaban obrigatoriamente por ser moi do agrado da concorrencia. Mágoa que o seu recordo se perdese e hoxe case ninguén os lembre! Vaia no seu honor a reprodución da súa parte final, «O maio», coa esperanza de que algún día volva lucir como noutrora luciu.O Hospital asilo de Vilalba (30)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES