Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os botellóns agroman en primavera

viernes, 17 de abril de 2015
Xa nin chaman a atención. O fenómeno xermola na primavera. Chámanlles festas universitarias, como a da Carballeira de Fingoi. Non nos queixemos, en Badaxoz, Salamanca, Valencia ou Sevilla son multitudinarias. En Granada, a marca é de 23.000 rapaces. Cervexa e viño tinto, preservativos e kit antirresaca na mochila.

E festa empeza cedo. Vodka, cava, viño e cervexa no súper. A caixa respira tranquila co carnet. Bo día para o negocio do alcohol. Celébrase un ano máis a ‘festa’ da Carballeira que como boa parte das festas galegas dexenerou en botellón, rutina que reúne a moitos centos de universitarios ou non. E tamén menores.

Como as autoridades non poden co botellón, colaboran con el. Colocan contedores de lixo que espertarán envorcados ou baleiros. Na nosa, como noutras especies animais hai que marcar o territorio, e nos botellóns hai que facelo con lixo. Escasas patrullas policiais frearán aos irreductibles que estiran a esmorga. Mesmo algún grupo máis organizado contratará un equipo musical de alta potencia. Ao día seguinte, as autoridades enviarán un exército de limpeza a retirar de mañanciña a sementeira de lixo, botellas rotas e a pradaría de plástico. O que non se ve non avergoña.

Curiosamente o día anterior ao botellón da Carballeira houbo folga universitaria contra o lamentable ministro Wert, perpetrador da lei 3x2 para expulsar da universidade aos fillos dos traballadores que non poidan pagar un máster. Contan as crónicas que se manifestaron, desvalidos case invisibles, unhas ducias de rapaces. Os que non pasaron desapercibidos foron os moitos centos que congregou o botellón.
Era visto. No Centro de Saúde onde atenderán aos excesivos colga un cartel, toda unha parábola nun país asimétrico en sentido cívico, que recolle 9 dereitos e 4 deberes dos usuarios. Os poderes políticos e os da economía do alcohol están moi contentos. Mellor o carpe diem que mentes lúcidas e críticas contra un presente de merda e o futuro de escravos que lles espera.

Graciñas aos deuses o alcohol é tan barato que semella subvencionado. O vodka custa 4,30 euros, o cava barato 2,25, o viño peleón 0,60 e a lata de cervexa 0,25. Así que o grupo do súper quitou entrada barata para o paraíso efémero e para encher, e baleirar impunemente, varias veces a vexiga. As autoridades civís e militares dormen tranquilas: o alcohol controla ao rabaño.

Os carballos gardan silencio e retardan o que poden a primavera. Os corvos, xente intelixente, as asisadas pegas, estorninos e pombos deixan campo libre á troula.

O Mércores de Botellón abre as vacacións de Semana Santa. E, que mellor celebración que xuntarse cos colegas ao calor frío do alcohol sobre unha alfombra de cristal, plástico e ruído. Si, en primavera agroman os botellóns.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES