
J.D. Cubillo expón a súa obra pictórica no Sporting Club Casino da Coruña (Rúa Real, 83) do 15 ao 30 de abril. As cores do ferro é o título co que o autor denomina a súa propia obra, froito de dous anos de intenso traballo no seu estudo; con esta exposición inicia unha nova etapa na súa traxectoria, que se volve menos figurativa e máis conceptual e abstracta. Nas súas exposicións anteriores centraba a súa pintura na reprodución de materiais de laboratorio, terras abatidas, paisaxes mineiros, construcións industriais e complexos metalúrxicos. Con esta exposición abandona eses temas e territorios e centra a súa mirada en novas temáticas.
Jesús Cubillo, salmantino nado en 1943, é médico de profesión. Formouse na Universidade de Salamanca e especializouse en Neuroloxía e Psiquiatría. Exerceu a súa profesión como psiquiatra en varios hospitais desde 1971 ata 2011, ano en que se xubilou. No hospital da Coruña, onde traballou estes últimos anos, é unha figura ben coñecida e moi respectada polo seu bo facer profesional. Home de gran cultura sente paixón por dous campos ben distintos á súa profesión: a química e a pintura. A isto último dedícase intensamente na actualidade.
A súa dedicación á pintura iniciouse na mocidade; nos anos de Universidade participou en varias exposicións colectivas de pintores universitarios. A súa primeira exposición individual realizouna en febreiro de 1981 na sala da Caixa Postal de Aforros da Coruña. O crítico de arte Fernando Mon escribiu naquela ocasión no Ideal Gallego sobre a súa obra: A pintura de Cubillo é dona dunha recia textura, con masas, rugosidades e equilibrios conceptuais que a singularizan ampliamente. Non só domina as formas, senón a cor, que alcanza a xusta medida da coherencia formal. Pintura, en suma, moi estimable e de ampla comunicabilidade.

Pasaron bastantes anos ata a súa seguinte exposición individual. En 2008 expón a súa obra pictórica na sala de Portas Ártabras baixo o título Naturezas mortas, construccións e paisaxes, integrada por unha treintena de pinturas con diversos motivos entre os que destacaban as composicións con material de laboratorio de química, matraces, vasos, crisois, construcións industriais e paisaxes de territorios mineiros. En 2013 regresa a Portas Ártabras con novas obras que expón baixo o título Novas naturezas mortas, construccións e paisaxes. Presenta unha treintena longa de pinturas de material de laboratorio, complexos siderometalúrxicos, altos fornos, poboados minieros, pozos e castilletes.
A exposición actual, As cores do ferro, recolle o esencial da súa obra dos dous últimos anos. Significa unha ruptura coa liña anterior e, dalgún modo, un retorno ao tipo de pintura dos anos 1979 a 1981. Máis afastada da figuración e con maior énfase na cor e a textura, tamén incorpora o que Fernando Mon chamou no seu día materiais extrapictóricos que, nesta ocasión son, ademais de madeiras, pezas metálicas máis ou menos oxidadas; todo iso unido á utilización preferente de pigmentos constituídos por óxidos e hidróxidos de ferro, que dan título á mostra.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/