Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De cans e móbiles

jueves, 16 de abril de 2015
Hai eventos na sociedade que, ocuparse deles, parece unha bagatela e algún lector ata dirá que é perder o tempo. Ben. Estamos nun ámbito de opinións e eu penso que todas elas deben ser ben vidas: As que cualificamos de boas, interesan, e as que son malas, cando menos, podemos criticalas e rexeitalas, que non lles é pouco, porque nos permiten exercitar o noso sentido común, que ándalles moi escaso.

Adoitamos dicir dalgunhas persoas que lle sacan pé a todo e dan a leria de tal maneira que acaban facéndose insoportables. Aínda que todo isto son versións da conduta allea moi subxectivadas, penso que tamén merecen unha reflexión. Eu vou empezar por iso de “sacar pé a todo”, tomándoo como impulso desta colaboración e ben quixera non ser o que se di un chumbo. Precisamente na acepción de buscarlle algunha razón de fondo os eventos máis triviais. Tómeno, se o desexan, como unha deformación profesional. Pero esperen uns parágrafos antes de volver a isto.

Sen meternos en consideracións que corresponden a outro lugar e, por suposto, a outras competencias, eu intento traerlles aquí algo sobre o fenómeno radical da convivencia, preguntándome cómo convive o animal cos integrantes da súa especie e cómo convive o home. Tanto nun caso como noutro hai algo en común, un NEXO, pero tamén unha diferenza radical, porque o nexo entre os seres humanos non é constitutivo da convivencia, é consecutivo: Hai nexo porque hai convivencia previa, ou se o prefiren, hai un nexo derivado desa convivencia previa.

Leamos o que nos di Zubiri ao respecto, que se entende ben: “O home está vinculado os demais homes, cousa que non lle pasa ás avellas ou as termitas, que quedan puramente “entreveradas” na labor que instintivamente realiza cada unha pola súa conta, e da que resulta a posibilidade de que vivan os demais animais”. É dicir, os animais non teñen unha convivencia previa, só hai un nexo entre eles, xerado instintivamente pola converxencia na súa “labor” biolóxica: Non COLABORAN, “conviven” como se colaboraran. Aquí o nexo non deriva dunha convivencia previa, deriva esta dunha converxencia (nexo) só instintivamente achada.

Isto é esencial, porque os animais non senten NOSTALXIA, mentres que o home si a sente cando lle falta algo dos seus semellantes, e sente señardade, morriña, BOTA DE MENOS e séntese diminuído, necesitado, e este sentimento lévao a buscar substitutivos. Non confundamos, pois, as respostas instintivas ás ausencias e carencias co ton vital elevado a orde do real racionalizado: non é igual mera afección dun estímulo que sentimento, aínda que desencadee manifestacións que parezan reflectir o mesmo.

Seguramente que o que “bota de menos” o home dos nosos días é a carencia dun sentimento satisfactorio dos grupos primarios (familia e amigos) e tampouco se sente cómodo no seo dos secundarios. Entón o substituto que dea resposta a estas carencias pode ser o can, que como non ten a propiedade de sentir a convivencia cos semellantes da súa especie, encóntrase “feliz” converxendo instintivamente co home, e este aprende a súa linguaxe emocional, vese mirado por uns ollos de fidelidade e está disposto a todas as consecuencias que se deriven diso.

Si, “a todas as consecuencias”, que non son poucas: por estar especialmente vertido ao corpo, ao fisiolóxico, o sinxelamente instintivo, e menos á mente, non é estraño que se incline a pensar irracionalmente por rexeitamento voluntario das referencias socioculturais. Aquí están presentes o que os estudosos chaman mecanismos de defensa, que comportan un certo illamento. Non se trata de enfermos, nin sequera extravagantes; pero tampouco se exclúen, porque estes animais son ben vidos tamén como recursos terapéuticos. Isto fai que, nalgúns casos, os cans son mellor tratados que os anciáns.

Máis aínda. Non descartemos un importante problema existencial: A incomunicación reina dende moi antigo entre os humanos, que cruzaron con ela á esgalla os tempos históricos, como froito dos modelos falidos de interacción nos mesmos grupos sociais. Pero, por outra parte, as tensións, ansiedes e depresións, tributarias das señardades, parece que se ven atenuadas en virtude desa substitución de convivencia, onde o instintivo releva o racional ou razoable.

Xa Noé levou consigo na barca as parellas de animais. Xustamente por isto, hoxe estase a falar de que as nosas sociedades padecen o Síndrome de Noé. Parece que é a xente de idade avanzada, a máis afectada por esta síndrome: Prefire pasear polas rúas cun par de cadeliños que cun par de amigos que dean a lata. Pero isto ten un prezo: Un desgarro da convivencia.

E xa que falamos da incomunicación, recordemos que os aparellos de tecnoloxía dixital, na mocidade, pero tamén nos que contamos anos, aínda sendo moi útiles para a comunicación, son causantes DE e súmannos Á indiferenza persoal, e ofrécenos o seu abuso, con paradoxo, bos exemplos de incomunicación.

Eu mesmo son testemuña de excepción, porque cando participo en comidas de varios comensais, como oio mal, dáme a impresión de estar nunha central telefónica: Os móbiles póñense todos en servizo, cunha linguaxe esaxeradamente descoidada e buliciosa, polo uso simultáneo dos dispoñibles. Por conseguinte, os espazos para unha conversación sosegada e de diálogo, non son facilmente aproveitables.

Non obstante, o que máis debera de preocuparnos é determinar ata que punto a incomunicación, que se estende dende a persoa a sectores moi importantes da sociedade (lembren que xa se fala de que os partidos non saben comunicar co pobo) nos está afectando; que consecuencias directas e colaterais son xa operativas nas nosas sociedades actuais; que tendencias se están incoando cara ao futuro nos ámbitos e institucións do ensino, e que relación de proporcionalidade hai entre este fenómeno e o da substitución referida máis arriba, entre o incremento das condutas espurias e as dotadas de coherencia racional e razoable.

Porque, amigos lectores, aqueles eventos que parecen máis triviais, por aparentemente carentes dunha importante significación social, e cuxa análise dos mesmos semella irrisoria, merecen unha atención seria, xa que, cando menos, é plausible pensar que emerxen dunhas raíces nas que están as razóns da súa existencia, ás que non parece prudente renunciar a coñecer en profundidade.

En realidade, non parece desacertado pensar que nas nosas sociedades reina un sorprendente e desconcertante paradoxo: Encontrámonos con xente altruísta, que se entrega ós demais; pero tamén abundan os que se empeñan en falar de si mesmos, e aburren aos que os acompañan, que igualmente desexan falar deles mesmos, como nos diría chistosamente Jean Cocteau.

E nestas situacións, tampouco hai que descartar a graza dun canciño ou o recurso ao móbil, que tamén son terapéuticos nas angustias que provocan os duelos egoístas. Pero o verdadeiro problema está en que isto último alimente unha tendencia operativa en ámbitos menos banais, arriba referidos.

Pois ben, toda esta leria que lles soltei, élles o meu intento de “buscarlle pé” a esas rechamantes manifestacións da incomunicación, que, por frustrante que sexa (o intento), cando menos, supoño que pode ser aceptado como invitación a outros máis documentados: En todos os eventos da vida social tamén cabe unha pouca de filosofía, aínda que non sexa moi “scholastica”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES