Irene Vergara Vilariño
Celeiro Álvarez, Luis - jueves, 16 de abril de 2015
Tristeza. Hoxe, en Santalla de Lóuzara, choran os paxariños, as castiñeiras e os castiñeiros dos soutos, os carballos, as uces dos tesos, os penedos e a fonte da Cova garuleira. Choran as xentes que están e as que se foron e choran por ti, Irene nosa, Irene Vergara Vilariño, nena miña dicía o gran Fiz que tamén nacera en terra xabreira.
Manolo, María, Imelda e Antonio, a outra Irene túa e todos, todos choramos cun salouco de morte, de rabia, de pena e tenrura. Coa coraxe necesaria, coa mesma que ti pelexaches sempre contra das inclemencias de calquera tipo.
Esta tarde iremos a Santalla de Lóuzara, miraremos para os altos cumes dende o fondo, veremos pasar o río sosegado remanseando, escoitaremos atentos a conversa da natureza, e despois, seguiremos gardando a bo recaudo a túa memoria. Xa o sabes, sempre con nós. Novoneyra dicía nun dos seus poemas: ... Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra sólo en ti me fundo: / é a certeza que trago.
Ti, Irene, xa se ten falado noutras ocasións, dende Santalla de Lóuzara, coas mans todas xuntas, contribuirase a cambiar o mundo.
Outra vez tristeza nos eidos da bremanza. A soidade agrándase en cada casa, na dos Casares, na do Ricardo, na de Requetrún, na de García e nas de Santalla de Arriba. En Gamiz non hai ninguén, pero o aire que zoa aos catro ventos levaralles a idea dese cambio aos de Parada e Cortes, aos da Casela e Vilar do Robledo, a tódolos da Redonda, dende Seceda a Carqueixeda, pasando por Santa Mariña, por Gundriz e Portela; aos de Trascastro e Vila do Castro, da Ponte, San Isidro, Bustofrío e Praducelo. Aos de San Xoán todos, tamén aos poucos de Paredes e Vilela.
Ao vento, querida Irene, por ventura, non se lle poden poñer cancelas, cómpre deixalo seguir co seu paso por tódolos lugares de San Cristovo, dende Outonín, por Frexulfe, Castrelo, Quintá, Chaos e Chelo, por xunto do Castro de Mouras, ata Airapadrón, onde comeza a ruta literaria e escultórica dedicada ao Fiz louzariño, onde se deteñen as xentes viaxeiras para mirar a magnitude do horizonte.
Malaia o demo! Ti ben que moumeabas e renegabas do malfeito. Agora segue contando con nós e nós contaremos sempre contigo para pelexar e batallar indefinidamente, incluso despois da morte, por ese mundo que queremos mellor. Seguiremos, prezada Irene, todos os de Lóuzara e os amigos xuntos na loita contra a maldade, as desigualdades e contra a miseria.

Celeiro Álvarez, Luis