Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Todos somos Tomé

lunes, 24 de abril de 2006
A persoa humana (e todos/as os/as cristiáns/ás) temos moito daquela actitude dubitativa de Tomé, cando di: “se non vexo, non toco...non creo”. Ao que o Resucitado, ante o seu teimudo razoamento invita a tocar:”non sexas incrédulo, senón crente”. Axiña troca a súa actitude cun acto expreso de fe: “¡Meu Señor, meu Deus!”. O Resucitado, pensando en nós, afirma con claridade: ”¡Ditosos os que crean sen ter visto!” (Xoán.20, 19-31)

Esa é a nosa fe. A nova situación, nada na Pascua. A actual dos crentes no Resucitado. A dos que arriscan, confían e se fían no testemuño dos apóstolos. Porque a fe baséase no testemuño dos apóstolos; eles son as únicas testemuñas do Resucitado. A fe non depende das aparicións e dos milagres; a fe sucede (acontece) no encontro con Cristo, na escoita da súa Palabra e na vida vivida/compartida en fidelidade a Deus e aos irmáns na comunidade. Quen se fía e confía en Deus vive/está na raíz/esencia da fe cristiá. Desta Boa Nova nace a esperanza da vitoria final do amor en nós e na humanidade.

De todos os xeitos, temos de ser realistas. No ambiente cultural actual todo nos invita (e incita) a non crer se non vemos, palpamos ou experimentamos por nós mesmos. Incluso a non aceptar o que non podemos probar racionalmente. ¡Que incoherentes e ilusos somos, ás veces! A nosa vida cotiá é “tamén unha cuestión de fe”. Humana, pero fe. ¿Non precisamos fiar/confiar cando nos sentamos nunha cadeira, imos o médico ou á farmacia, á perruquería, a mercar pan/comida, de viaxe en coche, en tren ou avión!?. Precisamos fiarnos, confiar. Do contrario, estamos perdidos. Estamos en mans alleas. Por outra banda (¡volven as contradicións!), os humanos superamos situacións só con crer. Asústame ver en que cousas cree a xente. Incontables os que cren nos magos, nos videntes, nos/as meigos/as e meiguerías, horóscopos. Hai mercado abondoso. É incrible o que a xente chega a crer. Deberiamos preguntármonos por tantas incoherencias. 

Para nosoutros segue a ser válida a escena do Resucitado con Tomé. Por aí pode e debe ir o noso testemuño. O de todos os cristiáns/ás. Ten de se notar que nós estamos/somos resucitados/as.“A dúbida é un sinal de confrontación interior e un indicio de busca”. Tomé un bo modelo. O importante non é que vira e que tocara, senón o que aconteceu na súa alma. O encontro é un acontecemento interior no que Xesús da o primeiro paso. Tomé xa non tocou. A fe pascual procede do encontro co Resucitado. Gravemos o detalle: El é o que quita as dúbidas. É doado identificármonos con Tomé, pero hai unha gran diferenza: Tomé viu e creu ( “Porque me viches criches, Tomé”. dille Xesús)

Nosoutros non podemos basear a nosa fe no “ver/tocar”. Deixóunolo dito con meridiana claridade Xesús: ” ¡Ditosos os que crean sen teren visto!”.¡Eses/as somos nosoutros/as!
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES