Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso, xermolo de paz, progreso e liberdade

miércoles, 15 de abril de 2015
Ben querido Alfonso,
Hai uns días déchesnos un susto tremendo que nos achegou aos campos da orfandade pensando que perdiamos unha fonte máis da que beber conciencia.

Entón, contamos os segundos para recibir novas do HULA que nos dixeran que volvías en ti, que volvías con nós. Foi un susto grande que se xustifica nun feito evidente e é que ti es un dos imprescindibles que fai a vida mellor, tecendo ledicias e sementando liberdade nos ermos máis escuros. Ti es un dos grandes desta terra, social e culturalmente pero, sobre todo, es un dos grandes do humanismo galego que non se fai con verbas nin con teorías senón con feitos que recorren palmo a palmo o país para legar un progreso sempre engaiolado naquel fermoso poema do teu amigo Díaz Castro.

Toca celebrar a vida, toca celebrar que ti segues con nós e ti transcendes os eidos da amizade ata facerte imprescindible na visión de pobo e colectividade que mira cara o porvir. O teu apostolado multiplícase por feitos que forxan ocos para as minorías excluídas. No fondo, pertences a unha xeración que deu todo polo colectivo e o que abre a man como vós o fixestes xamais é quen de pechala; por iso, o teu apostolado é infindo e faise alicerce en moitas vidas que de ti son capaces de construírse en proxecto.

Nunca serei capaz de dicir todo o que es, nin son eu quen para facelo pois tes grandes amigos que son señores de versos precisos nos que te retrataron e, probablemente, te sigan retratando pero ben sei que terás acollida para as verbas dun novo amigo que te admira e, sobre todo, te quere polo que es e sabe que terte cerca, saber de ti e participar do que ti fas é un auténtico agasallo que constitúe a oportunidade de crecer como persoas.

O teu nome garda moitos nomes como Xermolos, Pardiñas, Manuel María ou Díaz Castro e, tamén, garda moitos seres e profesións como a de sacerdote, animador, labrego, editor, veciño, amigo, irmán, man tendida, solidariedade encarnada, vínculo cunha vida que se soña ceibe, Galicia feita home, Terra Chá, quenlla dos muíños que fan o pan dos pobres ou leiras extensas de millo verde. Es Alfonso a forza dos que nos pensamos donos de si, dos que queremos ser homes e mulleres e facer unha terra á altura dos soños. Es Alfonso e necesitamos que sexas moito tempo.

Agora que Xulio Xiz vente de canonizar en vida, necesitamos dinamizar todos os soños para facer en torno a ti o soño común do progreso, da paz e da liberdade que sementas en cada acto.

Voume despedindo, meu amigo, sabedor de que non teño verbas suficientes e de que o importante é actuar así que, simplemente, te agardo agardando que contes comigo para facer en mans abertas unha terra ceibe, solidaria e capaz de mirarse a si mesma e forxar un porvir á altura de todos os corazóns.
Unha fonda aperta.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES