Lembranzas dunha vida (56)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 15 de abril de 2015
A paredilla do Mandeo
Nos anos corenta e corenta e cinco, a vida do pobo galego era moi diferente a de agora. A xente xove axudaba aos pais en todas as faenas. Recordo, sendo nena, ir con miña nai a Betanzos a vender o que sobraba na casa, pois vivíase do campo. Collíanse patacas, fabas, maínzo, centeo, trigo, etc... O que sobraba vendíase. Con ese diñeiro traíase aceite, xabrón, roupa, azucre; pagábase a contribución.
Logo, cando se vendía un cuxo, ese diñeiro era para comprar leiras ou montes, pois ter terras propias para traballar era todo un luxo. Algúns pagaban o terzo da colleita por leiras que levaban pola renda.
Había xente que tiñan varios lugares e vivían sen traballar. Estes chamábanse señores, pois vivían como tales. Había moitas diferencias. A vida foi cambiando. Os pobres empezaron a estudar, aprender oficios. Os señoritos das aldeas foron desaparecendo. Agora, hai outra clase de señoritos: empresarios e políticos. Os primeiros explotan aos empregados; os segundos sóbense o soldo ata onde queren, anque a algúns descóbrenselles as falcatruadas.
A paredilla do Mandeo aínda está alí, á beira da estrada, onde miña nai me facía o molido para que me aliviara a cabeza do peso da paxeta.
Cando paso no coche, ao lado da paredilla, que é un valado de cemento, aínda me recordo do meu pasado, que tampouco foi tan malo. Había menos cousas, pero as que tiñamos eran moi apreciadas. Agora, os rapaces teñen de todo e non lle dan importancia. A estrada do Mandeo, os martes, os xoves, os domingos pasaba chea de xente vender ao mercado. Tamén era un acto social, pois andábase a pé. Pasabámolo moi ben.
Un recordo para toda esa xente.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora