O deber é o deber
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 13 de abril de 2015
Doce e sete minutos da xa madrugada do domingo. Aínda que, para un servidor, segue sendo sábado pola noite. Mentres non me deite será sábado pola noite. Estou canso. Pero, ante todo, o deber. O deber de ter que escribir o relato para o luns. Odio as fins de semana!, principalmente os sábados. Póñenme nervioso aquelas persoas que, nas redes sociais, publican con carantoñas e trapalladas aquilo de por fin xa é venres! ou empeza a fin de semana! e despois os luns volven ás andadas co lado negativo do inicio semanal. Veña xa, home; co bonito que é ser funcionario! Cafés! Xornais! Compras! Rañando a barriga!
Hoxe o café tomeino ás nove menos cuarto da noite, á mesma hora en que empecei a ler os xornais, e, claro, ó ler os xornais, non lle puiden prestar atención ó partido Sevilla-Barcelona. Despois, para máis aquel, ó chegar á casa, máis fútbol. Tocoulle a quenda ó Celta-Raio Vallecano.
Menos mal que aquí descarguei moito desa angustia que sinto pola fin de semana, grazas ós seis goles que o Celtiña lle encasquetou ó pobre Raio. Escribo moi tarde, pero o deber é o deber. Aínda que non podo coa alma, escribo con gusto. Co mesmo gusto co que escoitei a música polos auriculares mentres traballaba. É a única recompensa que teño na fin de semana: a música. E algún que outro ratiño de lectura
da casa á finca e da leira á casa. Odio as fins de semana! Co bonito que é ser funcionario!

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora