Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Ateneo Ferrolán

sábado, 11 de abril de 2015
Recibo unha carta do Ateneo que convoca unha asemblea ordinaria na que se vai a pedir autorización aos soci@s para vender patrimonio e avalar o importe do almacenamento que se debe a unha empresa de mudanzas onde se depositou toda a documentación: biblioteca, hemeroteca, etc... no prazo que duraron as obras de rehabilitación da sede de Magdalena e até hoxe, a pesar de que o inmoble leva tempo operativo. Non acerto a entender o desencontro que arrastran a entidade e a área de Cultura do Concello de Ferrol.

Creo que debe respectarse aos ateneos como células dinamizadoras da cultura, como masa social e como legado histórico de raíces decimonónicas no caso do ferrolán. Non hai respecto pola historia, non hai respecto polo acervo cultural cando a todo se lle aplica o cristal ideolóxico establecendo as barreiras infranqueables do estás comigo ou estás contra min. A área de Cultura do Concello rexido polo PP amosouse no seu día belixerante co Ateneo, reparcelando por "decreto" a súa sede da rúa Magdalena para dar cabida a outras entidades, cuxas necesidades de espazo non dubido, mais cuestiono a forma na que se levou a cabo. Pero, ademais, dáse a circunstancia de que ninguén pode consultar, ninguén pode facer uso dos recursos de que dispón a sociedade porque están "secuestrados" e o Concello négase a botar unha man ante a impotencia do Ateneo de pagar o que debe e poder liberar o seu patrimonio.

E isto vaise a solucionar vendendo cadros e outros obxectos de valor de titularidade da propia sociedade cultural? Incrible. Case diría que resulta escandaloso. É verdade que tampouco observo sensibilidade algunha por parte da empresa que custodia o material que tamén podería atopar unha fórmula de pago aprazado, cómodas cotas, ou o que sexa, e desa maneira envolver en certo brillo de mecenado ao propio negocio de mudanzas, pero se cadra é moito pedir.

Emprazo serenamente ao alcalde a que desfaga este agravio, a que deixe en bo lugar o papel da primeira institución local e non permita que esta situación se enquiste máis e alcance notoriedade en detrimento ou desprestixio do nome de Ferrol. Apelo á miña condición de socio fundador do Ateneo, de xornalista e cidadán que tamén exerceu modestamente o seu compromiso coa cultura desta cidade nas últimas décadas, para demandar unha solución amigable que permita á entidade cultural liberar o seu valioso fondo documental sen necesidade de polo parcialmente en venda, quedando así a disposición de estudiosos e investigadores, como foi sempre. Estou convencido de que existen vías de entendemento. Só ten que haber vontade política.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES