Galicia vai ben
Editorial - viernes, 21 de abril de 2006
Os gobernantes tenden a xeneralizar, a mirar con bos ollos a situación, e a proclamar como verdades as que poden selo pero especialmente son bos desexos.
Foi José María Aznar o que acuñou a frase de España va bien, que foi argumento de aval ou crítica para toda unha época política desta nación, estado ou gran comunidade que nos engloba.
Agora, o Presidente Touriño lanza unha similar mensaxe, resumible en Galicia vai ben, para presentar os resultados económicos da autonomía galega da que se ven de facer público que medrou (P.I.B.) o 2,69% desde o ano 2000 ata a actualidade, mentras que o resto do país subía un 3,1%.
Visto así parece que serían unhas decimas de nada, pero resultan ser ó cambio moitos millóns de euros, especialmente tendo en conta que os diñeiros de Europa tiveron especial incidencia na economía deste noroeste.
Parece que, na actualidade, a bonanza se impón en termos económicos sobre Galicia, e baixa o paro un dez por cento, e imos medrar este ano máis ca o resto das comunidades, co que a diferencia vaise reducir aínda que sexa de xeito mínimo.
Para que ningunha ascua quede sen aproveitar, o Presidente galego afirma que Galicia vai ben, especialmente nos dous últimos anos, que veñen coincidir coa presidencia de Zapatero ó frente do goberno nacional.
En fin, que xa queda claro: Iamos mal, agora vamos ben; pero vamos ben desde que temos goberno progresista que mira por nós. ¡Pois mira que ben!.
Claro que realmente o que importa é ir ben. Non esquezamos aquelo que proclamaba un correlixionario do Sr. Touriño: Gato branco ou gato negro, é igual. O que interesa é que cace ratos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora