Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (28)

jueves, 09 de abril de 2015
Ano 1927 (III)


Sindicato de Xermade. Nunha carta sen rúbrica que se publica no «Heraldo de Villalba» do 28 de xullo, móstrase o agradecemento, unha vez máis, ós emigrados en Cuba pola súa contribución para rematar a sede social do sindicato agrícola de Xermade. O edificio iniciárase en 1922 por iniciativa de Tomás Martínez Riguera, cunha achega de fondos da Habana de 840 ₧, pero por mor das baixas cotas dos asociados e da pequena utilidade da cooperativa, non fora posible rematalo en condicións. Ante o novo chamamento, chegan desde Cuba outras 2.494 ₧ malia a delicada situación que se vivía nas Antillas.
Da extensa relación de doadores, destácase que, ademais de veciños de Xermade, figuran persoas de Vilalba, As Pontes, Guitiriz e cubanos de segunda xeración. Todos con pequenas cantidades. A maior delas foi enviada por sociedade «Progreso de Lousada».
O hospital asilo de Vilalba (28)
Encontro do «Mondoñedo F.C.» e o «Sporting Club Villalbés». Celebrouse o domingo 17 de xullo no campo dos Lodeiros de Mondoñedo. O resultado foi de 3-1 favorable ós locais. O asunto sería de normal competencia deportiva a non ser que os últimos cinco minutos do partido transformáronse nunha confrontación persoal. Un gol anulado ós vilalbeses provocou que estes se retirasen do campo. De regreso producíronse duras entradas, expulsión de Pepe Bellver e agresión a este último por parte dos locais. O cronista négase a narrar polo miúdo os detalles de tan desagradable incidente e clama para que se suspendan os partidos se con eles se transforma a cordialidade que sempre houbo entre as dúas vilas. Finaliza referíndose a que na actuación do árbitro debeu influír que un seu irmán xogase no Mondoñedo. Hai cousas que non cambian!

† José Somoza Eiriz. Mestre xubilado, morreu o 9 de agosto. Na necrolóxica que del se fai destácase a súa bonhomía, o labor recto e xusto, e o seu servizo á xente de Vilalba tanto como vogal da Unión Patriótica como concelleiro e tenente de alcalde. Ademáis de nestas actividades tamén o vimos acudindo ós exames da escola «Liga Santaballesa» que comprobaban os progresos do alumnado. E sempre con total altruísmo. Era o avó de Domingo Somoza, que á súa vez foi durante varios anos membro do Padroado da Fundación Hospital Asilo ata o seu falecemento.

Pontes e camiños. Baixo este título reflexiona «Heraldo de Villalba» de 25 de agosto sobre a importancia das boas comunicacións para o progreso dun país. As terras de Vilalba, fundamentalmente agrarias, non dan saída á produción porque non hai boas vías de comunicación. Rematadas as esperanzas de que chegase o ferrocarril Central Galego, cumpría dirixir as esperanzas a renovar e mellorar as estradas que puxesen en contacto as parroquias entre si e que permitisen o acceso a feiras e mercados dos produtos do campo.

Banco da Coruña en Vilalba. Será o primeiro establecemento bancario que se estableza na nosa vila. O emprazamento elixido situouse no baixo da casa propiedade de don Manuel Fraga Bello na avenida Rodríguez de Viguri, onde ata daquela se situaba a casa «Singer». Para dirixilo contábase con don Manuel Pena Vidal, tenente coronel de Infantería. A sucursal sería inaugurada definitivamente o 26 de outubro.

San Ramón de 1927. Este ano non houbo comisión que se encargase da organización das festas, polo que foi o propio Concello quen tomou a iniciativa. Polo demais resultaron coma sempre, animadas e xoviais.

Vilalbeses en Cuba. Na crónica enviada por Manuel Otero Carreira desde A Habana, destácase que o «Comité Federativo das Sociedades de Instrución, Beneficencia e Recreo do partido xudicial de Vilalba», emprendeu unha campaña para lograr que o ferrocarril Central Galego pasase por Vilalba e para potenciar o ensino nas nosas aldeas. Tamén informa dun multitudinario banquete de homenaxe que a colonia cubana dedicou a Eulogio Coira, destacado dirixente da «Unión de San Simón e Samarugo». Estaban presentes relevantes membros do Centro Galego e directivos e membros das sociedades da comarca.

Asuntos escolares. O pleno do Concello do 22 de setembro acorda:
–Conceder a gratificación por vivenda ó mestre de Vilapedre, Francisco Fornés.
–Conceder 600 ₧ para os primeiros gastos de instalación e de material escolar a cada unha das escolas que se acaban de crear en Sancovade, Insua, Rioaveso e Corvelle.
–Subvencionar con 1.000 ₧ a construción dunha escola en Román.
–A proposta do mestre e concelleiro Moltó, cómpranse exemplares do Quijote e doutras obras para que as escolas poidan celebrar o día do libro.
–Igualmente a proposta de Moltó acórdase solicitar a creación de escolas en Nete, Santaballa, Costa, Goiriz, Lanzós, Oleiros, Árbol, Codesido, Boizán e unha de párvulos na localidade.

Información deportiva. Por mor da súa marcha a Madrid, deben abandonar o «Sporting Club Vilalbés» os irmáns Bellver. A súa ausencia vai ser moi sentida.

De instrución pública. Foron nomeados mestres para as escolas nacionais de Santaballa, Mourence e Costa; respectivamente, Juan Garrido Eirín, Luís Crespo Almón e José Álvaro Rey Alar. Para a da Liga Santaballesa, Heliodoro Paz Carballeira e para a de Progreso de Lanzós, Jesús Castro López.

Inauguración da escola de San Simón e Samarugo. Tivo lugar o día 30 de outubro con magna celebración. O espléndido edificio débese ós esforzos da «Unión de San Simón e Samarugo» que na actualidade preside Eulogio Coira.

Loterías. Por parte do ministerio de Facenda, foille adxudicada a Administración de Loterías da localidade a Daniel Vérez Pico.

Obras en Vilalba. Recollendo as peticións do Heraldo numéranse as necesidades da vila.
–Precísase cubrir os dous lavadoiros públicos, para que no inverno as lavandeiras poidan soportar as inclemencias meteorolóxicas.
O hospital asilo de Vilalba (28)–Xa está rematada a beirarrúa que vai desde a parte de abaixo do campo da feira ata o edificio escolar.
–Estase amañando a praza de San Xoán. Parece que van ser os veciños os que constrúan as beirarrúas.
–Cómpre realizar amaños no pavimento da rúa Maior.
–Cómpre mellorar a praza do Castelo, sobre todo tendo en conta que se lle pretende dar o nome de Alfonso XIII.
–Con motivo do amaño que se realiza no firme da estrada, no tramo da rúa Rodríguez de Viguri, entre Campo de Puente e a rúa Primo de Rivera -antes Cos-Cayón- caeron moitas das acacias que eran adorno da vía. Descoñécese se van ser repostas ou se van ser cortadas as que quedan. En todo caso sería necesario instalar un bo alumeado no centro da avenida e suprimir as lámpadas existen tes na actualidade, a un lado e outro da vía.
–Cómpre non esquecer o asunto do Central Galego. Outras poboacións queren apartalo da nosa vila e unir Lugo con Vilaodriz a través de Meira. Vilalba sen as necesarias infraestruturas viarias non pode progresar.

Aniceto Parga. Oriúndo de Burgás, Xermade, ocupa, decembro de 1927, o cargo de secretario da «Sección de Propaganda do Centro Galego» da Habana. Está casado con Virgina Castaño. Sendo presidente da sociedade de instrución «Burgás y Candamil» construíuse un fermoso edificio para a educación de xeracións futuras. É propietario do hotel mellores da Habana, que administra o seu irmán José. Na actualidade está recollendo fondos para construír o edificio que dará albergue ó sindicato agrícola de Xermade. Os esforzos feitos desde A Habana en favor do concello de Xermade non se viron correspondidos, polo que os cubanos se viron na obriga de destituílos e poñer no seu lugar ó párroco de Burgás, Gumersindo Couto Sanmartín, e ó oficial primeiro do Concello, Luís López Seco.

Banco Pastor. Vai ser instalado a primeiros de decembro na avenida Rodríguez de Viguri, no 17.

Banquete de despedida. Tivo lugar o 25 de novembro en homenaxe a Rosendo González Otero e Antonio Tenreiro Piñeiro que regresaban a Cuba. Celebrouse no acreditado establecemento de don Ángel Rego e a el asistiron as forzas vivas de Vilalba xunto con compañeiros da emigración e os directores dos xornais locais.
Na sobremesa houbo discursos. Foi, naturalmente, Cosme Sacido Ramil quen fixo loanza dos homenaxeados e manifestou abertamente que ser, como era o caso, secretario de Apoderados e apoderado do Centro Galego era tanto ou máis que ser concelleiro ou deputado provincial. Domingo Goás manifestou sentirse un habaneiro máis pola súa ascendencia e tivo emocionadas palabras de recordo para a súa defunta nai, engadindo que aquel que non é bo fillo non pode ser bo patriota nin bo cidadán. Evaristo Cuena, mestre nacional de Tardade, expresouse en galego recordando a necesidade da educación, mesmo para emigrar, e fixo un chamamento para que desaparecesen certas rivalidades que existían entre as sociedades cubanas e así conseguir a prosperidade da terra, igual que fixeron os homenaxeados interesándose en Madrid para que o Central Galego pasase por Vilalba. Rosendo González contestou en nome propio e de Antonio Tenreiro expresando a gratitude de ambos e facendo constar que nos seus corazóns quedaría gravado para sempre este acto fraternal. O señor Coira leu unhas follas nas que se exhortaba ós conterráneos para que axudasen nas obras finais do hospital asilo.
Xa rematando o xantar, os comensais fixeron saír ó propietario do establecemento en medio de eloxios e aplausos polo menú degustado. E finalmente houbo café, habanos e brandy «Fundador» para todos.

† Francisco Basanta Silva. Subdelegado e farmacéutico titular de Vilalba faleceu o 9 de decembro de 1927 ós 40 anos de idade. Era membro da Comisión Executiva para a construción do edificio destinado a hospital asilo. Na necrolóxica destácase del o seu carácter enérxico, pero recto e xusticeiro, de corazón sinxelo pronto ás grandes obras. Como presidente da «Xuventude Antoniana» participou en multitude de conferencias e veladas, organizou a súa biblioteca e o rouperiño Antoniano. Tamén impulsou o Casino. O enterro constituíu unha auténtica manifestación de dolor e o cadáver foi acompañado por moita xente da comarca.

Comisión Executiva de 15 de agosto. Na casa Díaz Lage da Coruña, mércanse vidros biselados tanto para o portier como para portas interiores. Encárganse a Francisco Santalla e José Paz dar cales interiores na á dereita e nas escaleiras a razón de 2,90 ₧ o metro. Como eran 1.510 metros resultou un total de 4.379 ₧.

Comisión Executiva de 30 de outubro. Renóvase o seguro do edificio coa compañía La Unión y el Fénix.
A «Unión Villalbesa y su comarca» comunica ó presidente desta Comisión o envío dun xiro de 2.941,25 ₧ para o remate das obras.
O veciño de San Simón da Costa, Ramón Santomé fixo unha doazón de 1.000 ₧ para a mesma finalidade.

Comisións Executivas de novembro e decembro.
–Pídense orzamentos para o enreixado que se vai colocar por riba do valo de pedra diante da fachada principal.
–Ábrese concurso entre albaneis para a construción do valo exterior de peche. Adxudícaselle a Francisco Maragoto a razón de 4 ₧ o metro cadrado.
–Na sesión do 21 de decembro dedícanselle frases de sentido eloxio ó defunto Francisco Basanta Silva, tesoureiro da Comisión.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES