Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Concerto de Primavera

lunes, 06 de abril de 2015
A primavera chegou con bo pe no que respecta á música; non podemos dicir o mesmo no concernente ó tempo meteorolóxico. E digo que musicalmente comezou ben porque o pasado xoves tivemos ocasión de escoitar a Orquestra Sinfónica de Galicia nun sensacional concerto e a un extraordinario pianista que deleitou ó público coa súa fascinante interpretación do “Concerto nº2 para piano” de Prokófiev. Pero imos por partes.

A OSG trouxo un concerto poliédrico, pois abordou tres estilos absolutamente diferentes. Comezou cunha composición do autor catalán Héctor Parra titulada “Lumiéres abyssales-Chroma”, un título que avisaba do que viña detrás: música de vangarda, música que aparece no panorama a partires da metade dos anos setenta, sustentada en conceptos de atonalidade con harmonías que en liñas xerais no entran ben nos ouvidos dos que aínda non estamos acostumados ós parámetros afastados do clasicismo ou ó chamado modernismo musical. Trátase dun estilo que require esforzo, que ó principio renxe e descoloca, nunha sensación semellante á que sentimos cando estamos diante dun cadro abstracto. É a antesala da chamada música conceptual liderada hoxe polo compositor John Cage. Haberá que acostumarse.

Logo apareceu a tormenta pianística perfecta que incluía a substitución do solista anunciado por outro chamado Nicolai Demidenko que resultou ser á sorpresa da noite coa súa impecable interpretación do “Concerto para piano nº 2” de Porkófiev. Técnica depurada, forte carácter interpretativo e un virtuosismo levado á máxima expresión foron as súas cartas de presentación. O piano foi o rei da escena, falando cun ímpeto incrible con frases de escalas interminables que de súpeto pasaban a se cortar con compases sincopados pendurados dos baixos que a min facíanme recordar ó “modus” jazzístico. Algúns pasaxes da peza poderían ser puro jazz. A orquestra solemne e perfectamente axustada ó discurso do piano, un steinway que debeuse sentir compracido e nalgún momento atafegado polo falar constante nas mans poderosas de Demidenko. Os fortes aplausos e algúns esporádicos bravos obrigaron a saír ó pianista varias veces a saudar e, cousa que non é frecuente, a ofrecer un bis cunha peza que podería titularse: “agora ides ver o que é virtuososimo”. Puro e duro lucimento: fantástico.

E logo da tormenta chegou a calma completa: “Sinfonía nº 8 Inacabada” de Schubert. A nostalxia e o sentimento melancólico en estado puro. Din que o compositor, cando a escribiu, xa estaba enfermo pero de non ser así, digo eu, podería estar namorado, porque so se pode compor algo así estando preso dun forte e melancólico estado de ánimo. Unha música para deixarse levar, unha música para viaxar polos máis recónditos currunchos dos sentidos, unha música elevada ás alturas polo compositor e como non, pola grande orquestra que é a OSG, dirixida por Michail Jurowski que estivo, como sempre, á altura das circunstancias. Calquera cousa que se diga desta formación non é nova: un orgullo para os que amamos a música e un orgullo para os galegos por tela aquí connosco.
A primavera xa que logo entrou con bo pe polos ouvidos. Mil primaveras máis para a Sociedade Filharmónica e tamén para a música.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES