Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel Masdías, un exemplo de humanismo

viernes, 03 de abril de 2015
Isto de remover portadas de xornais do primeiro terzo do século pasado adoita provocar achados curiosos, ademais do propio contido informativo. Fíxome moitas veces na mercadotecnia da época, as publicidades que entón se inserían. Por exemplo, atopeime este día un anuncio do "Centro de Enseñanza Xeral, fundado por D. Manuel Masdías Sánchez, licenciado en Filosofía e Letras e Mestre Nacional". Moitos ferroláns dos que peitean xa abundantes canas saben a que personaxe me refíro. De feito, unha rúa leva o seu nome, o CEIP de Caranza tamén, un concurso de poesía da SAF, o mesmo, en fin, que está na memoria histórica e colectiva do pobo ferrolán.

Pois ben, fixeime nalgúns criterios que destaca a propia publicidade do centro ao que aludo no encabezado destas liñas. Di así: (traducido ao galego) "Para que poida formarse idea da nosa acrisolada moralidade e disciplina, transcribimos a continuación algúns artigos do réxime interior do Colexio, todo o cal se cumpre exacta e rigorosamente:

Art. 3º.-A maior falta que pode cometer un alumno deste Colexio é o pintar as paredes da clase ou molestar o máis mínimo ás nenas; pois unha e outra falta son reveladoras de incultura e grosería e desterrar unha e outra son os dous postulados deste Colexio.

Art.4º.-A moralidade e a preferente atención sobre as nenas ha de ser algo que raiará case na esaxeración; por iso é importantísimo que as nais estean tranquilas, confiadas e convencidas de que as horas de estancia das súas fillas no colexio son unha prolongación das do fogar onde nada han de ver nin ouvir e cuxo trato non por deferente ha de ser exento da debida severidade.

Art.7º.-Prohibirase a estancia dos alumnos tanto no portal da clase como nas súas inmediacións; pois unha vez dadas as materias deberán alonxarse do colexio para non molestar á veciñanza, meténdose nos seus portais e dando unha sensación de folgazanería que non é certas moitas veces, pero que o parece. Para os intervalos de clase a clase habilitarase sitio adecuado para estar.

Art.15º.-O castigo de obra está desterrado neste Colexio por antipedagóxico e antinatural. O alumno ha de obedecer por comprensión e nunca por medo ao castigo material. Se chegase o caso lamentable de ter que castigarlle de obra o profesor, por rebelarse e indisciplinarse abertamente, entón a expulsión do Colexio será inmediata".

As claves do réxime interno do centro responden, naturalmente, a unhas circunstancias e a unha época da historia e reflicten doutra banda a talla humana do fundador do colexio, aspecto do que quen isto escribe pode dar fe por coñecelo como docente e formando tribunal de exames no instituto Concepción Arenal, iso á marxe de que era un veraneante asiduo de Cobas, agora Covas, por onde lle vin pasear en innumerables ocasións.

Don Manuel Masdías faleceu un 11 de xaneiro de 1971 e ao cumprirse o décimo aniversario do seu óbito, o xornal local Ferrol Diario sinalaba "Home coñecido en toda a cidade, estimado polas súas dotes intelectuais, polo seu carácter, polo seu trato, a súa afectuosidade... Non era ferrolán -nacera en Irixoa en xaneiro de 1899- pero corenta anos da súa dedicación á docencia e o contraer matrimonio en Ferrol, deulle dereito a chamarse ferrolán, velaí que o tratemos como a un distinguido veciño", remarca o rotativo ferrolán.

Ademais da dedicación ao ensino, don Manuel Masdías realizaba traballos poéticos e compuxera libretos de varias zarzuelas sobre temas da cidade, que foron representadas na súa época, sen esquecer que boa parte das letras das cancións ás "Pepitas", tan de actualidade en días pasados, compúñaas el.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania