Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (27)

jueves, 02 de abril de 2015
Ano 1927 (II)


Progreso de Lanzós. Presídea Antonio Tenreiro Piñeiro e como secretario Antonio Castro Castro. Acordaron nomear socio de honor a Graciano Otero Franco e presidentes de honor a Cosme Sacido Ramil, Jesús Cendán Ferreiro, Manuel González Tenreiro, José Pérez Fernández, Antonio González Tenreiro, Manuel Rego Orosa, Pedro Tenreiro Rivas, José García Tenreiro e Antonio Tenreiro Piñeiro. Tamén se tomou o acordo de axudar na pavimentación con cemento do campo de San Pedro e enviar 500 pesos para satisfacer os gastos que ocasione a escola.
A directiva renóvase para 1927. O 25 de maio quedou constituída como segue: Presidente, Crisanto García Prieto; vice, José García Tenreiro; secretario, Antonio Castro Castro; vice, Marcelino Martínez Paz; tesoureiro, Jesús Cendán Ferreiro; vice, Juan A. Cendán Ramil; contador, José Insua Villares; vice, Avelino Goás Fraga; vogais, Manuel Rego Prieto, Pedro Tenreiro Rivas, Antonio Tenreiro Piñeiro, Ángel Cendán Ferreiro, Salvador Gómez González, José Trastoy Orosa, Aquilino García Prieto, Emilio Otero Varela, Ramón Pérez Alvariño e Ricardo García Prieto; suplentes, Antonio Boizán Ramil, Manuel Piñeiro Cendán, José Tenreiro Gaute, José Montero e Eduardo Orosa Eimil; comisión de glosa, Manuel González Tenreiro, José Pérez Fernández e Jesús Cillero Camba.

Liga Santaballesa. Presídea Jesús Trastoy Iglesias; vice, José Gato López; secretario, Manuel González Arias; vice, Justo Gaizan Cao; tesoureiro, Manuel Sánchez Sánchez; vice, Pedro Miragaya González; contador, Rosendo González Arias; vice, Ramón Eimil Ladra; vocais, José Rivas Souto, Benilde Castro Yáñez, José López Vázquez, Eulogio Coira Rodríguez, Antonio Bello Balsa, Ramón Paredes Paz, Pedro Carballido Guizán, José López García, José R. Gato González e José Cendán González; suplentes, Manuel Fernández Cabeiro, Ramón Arias Reigosa, Agustín González, Gerónimo Ledo González, Celestino de Vicente García. Tamén contaba cunha extensa sección de propaganda.

Mina de Santaballa. Suspendéronse os traballos en marzo. Aínda que nada se di, parece que o mineral que se extraía non podía competir co doutras minas que producían máis e que dispoñían de mellores medios de transporte para os centros de transformación. E o ferrocarril sen construír!

Vanidad. Os artigos moralizadores tiñan cabida no «Heraldo de Villalba». Velaí o correspondente ó 5 de maio de 1927. Engendro ridículo de la vanidad es la presunción y la pedantería. El vanidoso hace ostentación a todas horas de su valer, de su posición, de su influencia, de las grandes dotes de que se halla adornado. Pasa por la calle solemne, grave, altivo, con paso firme, pausado. Cuando se digna mirar a sus semejantes, adquiere un aire de gran señor... Su voz es ahuecada, campanuda, sentenciosa...
El vanidoso gusta de aparecer erguido, con prendas llamativas, con algo que le destaque de los demás mortales. Cuando sale de paseo se mira dos o tres veces al espejo; coloca bien el sombrero, mira que el nudo de la corbata esté perfecto; y luego como aquel que va despreocupado lanza miradas a hurtadillas para ver el efecto que causa. Dirige a todas partes su vista escrutadora... piensa para si: todos me contemplan con asombro y admiración. Y el gran fatuo, el ridículo vanidoso, sigue calle adelante contento cien veces de haber nacido, mientras los demás sonríen comentando a su placer la vacua presunción y cómica pedantería. RÓMULO

Orzamentos municipais de 1927. Por fin puideron ser aprobados por un total de 16.300,96 ₧. Para coñecermos os gastos que se realizaban é interesante o capítulo de créditos recoñecidos, de entre os que destacamos:
–O alugueiro do cuartel da Garda Civil, 1.564,09 ₧.
–Á mestra de Santaballa, Concepción Mouronte, axuda por vi
venda, 59,90 ₧
–Amañar a costa da Roxeira, 227,70 ₧.
–Reparar o pozo do campo da feira, 193,25 ₧.
–Rotular as rúas, 144 ₧.
–Alugueiro da casa do telégrafo, 823,32 ₧.
–Alugueiro da casa₧.
Os fondos dedicados ó ensino non destacaban pola súa xenerosidade, sobre todo de comparármolos con outros servizos.

Regreso de Cuba. Fíxoo don Manuel Fraga Bello xunto co seu irmán político don José Iribari, segundo se publica o 2 de xuño.
O Hospital asilo de Vilalba (27)
Escola en Carballido. Sácase a poxa a súa construción. Dos pregos e planos dá razón o párroco don Leandro Seijas.

Comisión Executiva de 20 de xuño. Como se recibise a necesaria autorización da Xefatura de Obras Públicas, acórdase que se constrúa o valo exterior que dá fronte á estrada e que se coloque o enreixado programado, todo por medio de administración.

Cayetano Arias López. Continúa publicando os seus versos. De seguido reproducimos un poema de carácter amoroso que, aínda que probablemente el non o soubese, recorda a temática de cantares medievais de encontro entre dous namorados na fonte ó raiar o día. Está dedicado ó seu amigo Edoardo Gato López, habaneiro.
Xuramento de amor!
Namoreime dunha nena
que lle chaman Carmeliña
que abofellas é moi goapa,
moi feita, moi xeitosiña.
Ten por ollos na súa cara
dúas crariñas estrelas,
e unhas queixadas que ás rosas
vergonza lles dá de velas.
Ten uns dentes pequeniños;
non vin outros coma eles;
coma a neve son de brancos
lucindo xunto ós craveles.
Ten os labios coma as brasas;
as orellas pequeniñas;
ten un andar parecido
ó voar das anduriñas.
Deulle o sol seus resprandores;
o luceiro craridade;
as estrelas alegría;
deulle a lúa súa beldade...
Onte pola mañá cedo
fun buscar herba pra o gando
i atopeime con Carmela
na fonte nova lavando.
Moi bos días, Carmeliña!
–Hola, Xan; e madrugache.
Inda o sol non alumea
sinal que non trasnoitache.
–Carmela, trasnoito sempre;
que eu de min non che son dono;
pásoche as noites enteiras
sin pregar nada no sono.
–Séntate no lavadoiro,
que entonces virás cansado,
sin dormir e do camiño,
que che cadra lonxe o prado.
–Carmeliña, non me sento,
que afellas estou perdido,
toliño por ti de amores...
–Se calaras, conxanido!
Eu si que morro por verte!
Eu a ti si que te quero!...
–Así diraselle a todos.
–Eso pensas, puñaflero!
–Sempre cando non te vexo
teño o corazón desfeito,
os ollos cheos de bágoas
i astra relaxado o peito.
–Pro, xuras que dis verdá
no que agora estás decindo?
–Poño por testigo o ceo
i o sol que xa vai saíndo.
Tu quéresme a min, Carmela?
–Xúrocho aquí donde estamos.
E póñoche por testigo
a terriña que pisamos!
Cayetano Arias López


A escola de Fontepisón. O párroco de Santaballa, Domingo Pérez Ocampo, xunto co seu amigo e tamén sacerdote Fermín Fraga, foran os principais ideólogos de que se construíse a escola da Liga Santaballesa e de que se fundase a «Liga Santaballesa de Educación e Instrucción», pioneira sociedade cubana. Atrás quedaba, 1917, a inauguración do edificio escolar. Na parroquia había tamén unha escola estatal emprazada en Bordelle. Pero era tal a cantidade de nenos e nenas na parroquia que se precisaba outra escola máis. Foi así como puxo en marcha, outra vez, a solidariedade parroquial e don Domingo promoveu a construción dun novo edificio, con vivenda para o mestre, no estratéxico lugar de Fontepisón. En xuño de 1927 sae á luz unha lista de doadores, habaneiros, que contribúen economicamente para a nova obra.
As circunstancias do momento eran ben distintas ás de vinte anos atrás. Em 1907 eran moitos os homes novos que chegaran a próspera Habana onde o traballo dos emigrados daba xenerosos beneficios. Pero logo viñera a Gran Guerra e máis tarde a illa caribeña somerxeuse nunha serie de ditaduras militares que en nada favoreceron nin a seguridade nin as decisións necesarias para a prosperidade. As perspectivas de auxe económico eran pesimistas. Por outra parte a «Liga Santaballesa», sendo os seus fundadores vinte anos máis vellos, reorientara a súa finalidade a unha sociedade de axudas mutuas, sanitarias e laborais, para os que continuaban vivindo en Cuba. Regresaran algúns dos que fixeran grandes fortunas e non se daban as condicións para que o fluxo migratorio continuase dirixíndose á illa coa mesma intensidade que anos antes.
Así as cousas Domingo Pérez Ocampo varía de estratexia para reunir fondos. É certo que se apoia nos habaneiros para que contribúan e que mesmo inspira unha comisión dos mesmos encabezados por Antonio Pardo Villarino, Rosendo González Arias, Celestino de Vicente García, Aquilino Fernández Núñez, Jesús Rego Montero e Generoso López Miragaya coa finalidade de que soliciten e aporten fondos, pero tamén se dirixe ós veciños da parroquia para que, visto o exemplo da Liga, acheguen as cantidades necesarias e que se levante o novo edificio. Por outra parte xa non era necesario que filántropos ou veciños custeasen salarios de profesores e materiais didácticos. O edificio ofrecíase ás autoridades e a escola incluíase na rede estatal.
Porque a filosofía de fondo para crear e dotar escolas continuaba vixente: sen educación e sen instrución non pode haber prosperidade económica.
Así foi como se construíu a escola de Fontepisón, de menores aspiracións ca a da Liga, pero igualmente digno. Algúns dos actuais veciños da parroquia recordan con gratitude as ensinanzas de quen foi a súa mestra durante anos, dona Felicia Mato.

Comisión Executiva de 15 de xullo. Acórdase adquirir a cociña para o hospital asilo á casa «Corcho e Hijos», de Bilbao, na cantidade de 1.316,15 ₧, máis portes.

Controversia en «El Progreso Villalbés». «Heraldo de Villalba» de 28 de xullo dá cabida nas súas páxinas a unha carta de Evaristo Cuena, mestre de Tardade e renovador pedagóxico, defendéndose do que considera calumnias por parte do director do «Progreso Villalbés», Enríquez Chanot, por poñer no seu actuar accións falsas. O inicio do artigo é ben explícito: No he de entrar en comentarios ante la sospecha que en mi ánimo ha prendido de si «El Progreso Villalbés» parece o no tener patente de corso para verter especies insidiosas u molestas a quien le viene en gana.
Engade que Chanot pretende, entre outras cuestións non certas, descualificar ó mestre Carlos Moltó por ser valenciano; el que é andaluz! O fondo do asunto habería que buscalo nas distintas tendencias políticas nas que militaban os dous protagonistas; iso si, ambos dentro da «Unión Patriótica», o partido de Primo de Rivera.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES