Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón da Esperanza

sábado, 15 de abril de 2006
¡Feliz Pascua de Resurrección para todos e para todas! Para crentes e non crentes. Que a Pascua traia a paz, a irmandade e a harmonía/felicidade a esta sociedade desnortada do 2006. Oxalá faga revivir unha esperanza firme e renovada. Coa resurrección de Xesús resucitamos todos. Non só ao fin dos tempos, senón agora. Esa é a Boa Nova da Pascua.

A xeito de pregón, comparto gozo e invito a todos a sermos conscientes da situación e a estarmos agradecidos ao Deus que resucitou a Xesús enchendo de senso e felicidade toda vida humana. A pasada semana reflexionamos sobre “a meirande historia de amor” vivida por Xesús, o Fillo de Deus, crucificado, morto e sepultado por amor e fidelidade a Deus e a entrega aos irmáns. Hoxe, coma os apóstolos, María (súa Nai) e as valentes mulleres do Evanxeo, ao contemplar o novo rostro de Deus, queremos ser tamén os/as testemuñas e pregoeiros do novo rostro de Deus resucitado no medio da sociedade.
 
Temos que berrar ben alto (para que o escoiten os durmidos e adormecido desta nosa sociedade consumista) que despois da Resurrección de Xesús resulta evidente: que “Deus é Amigo da vida (foi o Valedor de Xesús); que é o Deus dos pobres (o último defensor dos que non contan), que é o Deus que resucita tamén aos crucificados de todos os tempos (os/as vítimas da fame, das violencias e das guerras) e que tamén é o Deus capaz de secar todas as bágoas da Humanidade”. O noso Deus “é un Deus de vivos, non de mortos”. O Príncipe da Paz, o Señor Resucitado, non está morto; vive e está connosco!. Anda nas nosas vidas, nos nosos camiños e nas nosas xuntanzas. Segue animando e empurrando a todos os homes e mulleres que loitan pola reconciliación e a paz, pola xustiza e a fraternidade, por que todos teñan pan que levar á boca. Temos que berrar que a tristura, a soidade, a dor e o mal xa non teñen sitio ante o Resucitado. 

Entre todos somos quen de reconstruír un mundo distinto, unha sociedade pacífica, irmandada, sen crispacións, sen ira, sen violencias, sen terrorismos, sen guerras, sen fame, sen inxustizas, sen laios, sen medos... Se o intentamos veremos agromar a paz no Iraq, en Palestina , nos países en conflito e tamén no noso e mesmo celebrar a fin da ETA. E que podan comer todos os famentos e se lles abran as portas de Europa e de América do Norte aos millóns dos novos escravos africanos e do Sur/Centro América.

Un mundo distinto, novo e mellor é aínda posible. Temos que loitar por acadalo. Dun xeito activo. “¡Canto cambiarían as cousas se olláramos máis ó Ceo, cara aos irmáns e viramos menos televisión!” O que busca, atopa e o que espera verá colmada a súa esperanza”. É posible a Humanidade nova, renovada, transformada... ¡Resucitada!
 
¡¡Felices e prolongadas pascuas de Resurrección para todos e para todas!!.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES