Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (54)

miércoles, 01 de abril de 2015
A guerra civil, recordada por unha muller, que naquel tempo, tiña seis anos

Era moi pequena, pero quedaron en min moitos recordos que quero contar, para que os novos vexan o malo que aconteceu. Eramos oito irmáns. Os tres máis vellos foron á guerra. O máis novo deles tiña dezaoito anos. Botou Lembranzas dunha vida (54)tres anos na guerra, e, logo, tres anos máis. En total, seis anos. Perdeu o tempo de aprender un oficio. Recordo acompañalo á estación do tren, a Betanzos, coa miña irmá maior, que lle axudaba a levar a maleta. Nela, levaba a roupa, algúns chourizos, pan, queixo, algo de comida que lle poñía a nosa nai.

Un día, que chegaba o tren no que subiría el para marchar ao frente, soltou esta palabra: “Cabrón, ti lévasme, e igual nunca volvo”. E chorou. El tivo a sorte de volver; outros non. Recordo un primo noso, que foi ferido no Ebro, veu facernos unha visita. Tiña unha ferida na espalda. Cando, ás noites, ladraba o can, dicían meus pais: “Virán aí os rapaces?”. Algunhas veces, acertaban. Poñíanlles de cea mel con pan. Os da casa tiñamos alegría. Eles contaban as cousas que lles pasaban.

Unha guerra é unha desgraza; hai moito sufrimento. Non sei como se rin os que as provocan. Se sentisen a dor dos pais que perden os fillos! Unha vez, en Betanzos, que era a nosa vila, miña nai falou moito cunha muller que choraba moito. Logo que se separaron, pregunteille por que choraba tanto. Miña nai contoume que aquela muller
tiña un fillo na guerra, que fora ferido e perdera unha perna. A súa nai estaba moi triste.

A nosa escola era mixta. Saíndo un día dela, os nenos dixeron que, aló arriba, na cuneta, en San Antón, había un home morto. Fomos velo; era un rapaz. Que mal faría? Se era moi noviño. Que mala cousa é matar! Que mala é a guerra! Por desgraza, sempre morren os que non teñen culpa.

Cando os das dereitas entraron en Madrid, fixérase unha gran festa. Quen eran os malos? Quen eran os bos? Se todos eran irmáns!

Un día, vindo de Betanzos con meus pais, había, pola beira da estrada, uns letreiros que dicían: “Hombres, preparaos para la revolución”. Os primeiros días que empezou o follón, o noso pai, cos fillos maiores, íase da casa; tiñan moito medo, aínda que nunca fixeran mal.

Recordo a miña nai lendo as cartas, á luz do candil, sempre choraba. Nunha carta, o fillo máis vello mandara unha estampa da Pilarica. Logo, cando veu da guerra, fíxolle un marco. Este cadro téñoo eu, que é un gran recordo.

Na nosa parroquia, morreron tres mozos: Marcelino Miño, Gerardo Picado e Mateu do Castro. Tres familias de loito toda a vida. Eses pais nunca souberon onde estaban enterrados os seus fillos. Debían de ir ás guerras os que as provocan. Así, xa non habería máis.

Un veciño que estivera preso, cando o soltaron, veu de permiso. Os sobriños non o coñecían. Tanta xente que morreu sen culpa, tanta miseria, fame, piollos, sarna. Recordo a madriña, que era moi velliña, lavala. Logo, cunha pomada, que ulía moi mal, untarlle todo o corpo. Por fin, foise a sarna, que nunca tiveramos. Era mala enfermidade.

Non había que vestir. Recordo un neno veciño que ía cun buzo de saco. Nosa nai facíanos chaquetas e saias de la de ovella. Logo, tinguíaas de azul mariño; xa iamos contentas.

Na nosa casa, nunca pasamos fame de caldo e leite. Había moita froita. Cando iamos á escola, sempre levabamos mazás e pan para a merenda. Outra xente non tiña tanta sorte, pois non tiñan terras para traballar.

Viñan polas aldeas con pescado e cambiábano por patacas ou maínzo. Tamén había moitos pobres pedindo polas aldeas. Os nenos da cidade, se tiñan parentes ou amigos no campo, mandábanos pasar temporadas. Así, podían comer, pois a ración que lles daban chegaba a pouco.

O goberno obrigaba aos labradores a levar patacas á requisa; uns tantos kilos. Recordo ir con meu pai, cun carro de vacas. Tamén recordo que as tiñan escondidas nun medeiro de canotos de maínzo, para que non llas viran, pois, se non, quedaban sen elas.

Na casa onde me criei tiveron dous parentes escondidos na palleira (por todo mal ser roxos). Mamá, cando se cocía, a primeira bola que saía do forno era para eles. Facíano a escondidas. Pero, nós tiñamos avoa, que era moi velliña, e enterouse e díxolles que ou se ían eles ou se ía ela. Así que marcharon. Logo, como non fixeran mal, saíron libres.

Unha amiga, que vivía en Ferrol, estaba aprendendo a coser cunha modista. A mestra tiña un cuñado; viñeron por el, polo fillo e un sobriño; nunca fixeran mal. Matáronos. O sobriño estaba casado, con tres nenos. Antes de morrer, pediulles que lle deixaran sacar a roupa para darlla a súa muller; tamén o reloxo. Así foi; envolvérono noutra roupa.
Veu un soldado á casa da modista. O home desta tivo medo e escapou. Pensaban que viñan por el, pero traían as pertenzas do xove para entregar á muller. Esa nai, con tres nenos, nada de pensión, levounos ao orfanato. O máis pequeno non o quixeron. Facía as súas necesidades por el. Colleuno esa modista e foino criando. Despois, el foi agradecido, coidou aos que o acolleron. A nai perdeu a saúde; morreu nova.

Eses que mandan matar non sei que pensarán, pero deben perder o sentido para facer iso; non ten explicación. Cando eses barcos saían de España, con eses nenos, tanta dolor para nenos e pais, tantas bágoas sen necesidade, para que? Non ten explicación. Eses nenos tería cada un a súa historia, pero moi amarga.

Aquí, ao noso lado, había unha familia, que tiña un fillo que estaba na mariña. A guerra colleuno no outro bando.

Marchou para Francia. Os pais eran moi relixiosos, cando, á noite, rezaban o rosario, sempre choraban polo fillo perdido. Tiña muller e un fillo. O neno axudaron a crialo. Os pais morreron. El apareceu, xa moi maior, cunha compañeira. Unha vida rota. Os pais toda a vida sufrindo.

Cando acabou a guerra, botaban fogos. Ganaron os das dereitas. Que son uns, quen son outros? Todos irmáns.
Mamá dicía que por que botaban os fogos, pois moitas nais estaban chorando. Sempre firman a paz despois de moitas vidas perdidas. Por que non chegaron a un acordo antes? Todo sería mellor, para os vencedores e para os vencidos.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES