Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vellez

viernes, 27 de marzo de 2015
Escribir da vellez dende a mesma vellez constitúe para min, cando menos, un risco e unhas serias dificultades; pero non vexo que sexan moitos os que queiran meterse nesta danza, como se fora un tabú. Pois eu non o considero así, senón como un tema de reflexión, porque os vellos temos que intentar comprender con dignidade, e as novas xeracións teñen tamén algo que dicir e, seguramente, bastante que reflexionar.

É un risco, porque son interesado e pode perigar a necesaria obxectividade; pero tampouco ninguén me pode negar as vivencias desta etapa da vida e as experiencias do seu transcurso ata aquí. Porque, como homes e mulleres coas correspondentes carencias, a pesar de estar dotados dunha certa racionalidade, cometemos erros e tivemos acertos, fomos autosuficientes e aprendemos a recoñecer as nosas limitacións.

Pero tamén integramos as filas da mocidade e, aínda que adoitábamos obedecer (non se castigaba aos pais por corrixir a conduta dos fillos!), tampouco nos apresurábamos a darlles a razón. Por iso, algúns incluso acabamos dándollela, como acertados consellos, cando xa descansaban na paz dos cemiterios. De xoias nada; pero soportamos penurias que, contadas agora, son incribles.

No obstante, como os tempos cambiaron e, cos novos problemas xerados no seo desta situación, trouxeron indiscutibles vantaxes, das que as novas xeracións non sempre souberon aproveitarse, nin parece que, salvo excepcións, estean dispostas a facelo, os vellos sentímonos decepcionados e non sen pensar ata onde alcanza a nosa responsabilidade. Élles un sentimento que aniña soterrado na intimidade da vellez, que desencadea amarguras e está presto a aflorar nas contendas familiares. Claro, non se inclúen os casos excepcionais.

As dificultades que encontro, e ás que fixen alusión máis arriba, están na definición e comprensión de “que é a vellez”, porque pode ser vista dende diversas perspectivas, e sempre esixe matizacións semánticas de indiscutible relevancia: Non é o mesmo considerala como transcurso dos anos de vida que contemplala como expresión do deterioro biolóxico, das moi frecuentes patoloxías e doenzas psicolóxicas ou no ámbito sociolóxico.

Dende o punto de vista biolóxico, procede tomar en consideración o estado dos elementos constitutivos dos sistemas vitais, e, desta maneira, unha persoa de poucos anos pode ter todas a características da vellez, que inducen nela un estado xeral de avellentamento polo transcurso dos mesmos.

O estado psicolóxico ven a estar relacionado coa capacidade que a persoa posúa para adaptarse a toda esa serie de eventos que a vida lle ten gardados e trae a súa presenza cando menos o espera. Creo que os estudosos nesta perspectiva inclúen aquí o grao de madurez que debe conservar para asumir eses cambios sociais, estruturais e históricos, cos que se vai encontrando nos últimos anos da súa vida, acentuados no noso caso pola forma drástica que soen presentarse co avance da ciencia e da tecnoloxía, que impoñen cambios no estilo de vida: Unha correcta asunción de todo isto pode ter certa incidencia positiva na convivencia familiar.

Socialmente, a persoa ocupa un papel, un rol, para o que debe estar ben disposta ou padecer limitacións que lle impidan desempeñalo adecuadamente, e isto ocorre a distintas idades cronolóxicas. Ademais, non podemos perder aquí de vista o efecto das xubilacións adiantadas en moitas persoas, que pasan a un estado de pasividade (ás clases pasivas) antes de que as apreme a vellez biolóxica e psicolóxica. Tamén hai excepcións, por suposto, con xente sen apego ao traballo ou que se sentían moi incómodos nel, que se acomodan ben á situación.

Xustamente por todo isto, habería que adecuar as normas que regulan as xubilacións a unha correcta definición xenérica da vellez como consecuencia do declive biolóxico e psicolóxico, con preferencia aos anos cumpridos, que teñen unha implicación de incapacidade menos definida.

Non obstante, xurde o problema da colocación das novas xeracións. E a este problema urxe buscarlle solución; pero non a base de que a sociedade perda a experiencia das xentes de certa idade, e dotados de capacidade. Como coordinar ambas esixencias, evitando ao mesmo tempo a carga excesiva que teñen que soportar os traballadores en activo, cunha serie de xubilacións a media idade, é algo que deberían estudar os expertos na materia e idear os políticos, en vez de perder o tempo en insulsas e insubstanciais prédicas.

Non abrigo a menor dúbida de que este é un gran problema; pero aproveitar as experiencias da vellez capacitada, talvez sería un factor positivo para evitar a incomunicación e a soidade dos anciáns e, ao mesmo tempo, xerar cambios na moderna sociedade, coa conseguinte mellora na opinión cara a este estado.

Os vellos dependemos dos coidados da familia, temos menor poder adquisitivo, producimos un maior gasto sanitario, existe unha carga considerable de pensións, hai un profundo desfase xeracional, etc., e todos estes elementos de xuízo inducen, nuns tempos no que prima o económico, a unha visión pouco realista deste noso estado.

Sería mester reflexionar sobre a conveniencia de que a sociedade aproveitara todas as potencialidades de vida, xa que nunha sociedade onde hai intelixencias capaces de argallar nos recunchos da física cuántica e xogar coas estruturas xenéticas, non parece adecuado que haxa sectores dela mesma desaproveitados e marxinados, pasando os días en manadas, como seres estraños, polas carrilleiras dos seus limitados espazos, ou recibíndoos en tumultuosas excursións, a modo de complemento económico e de trámite subsidiado, nos mesmos hostais.

Como escribe un autor, “o despego non é algo natural nin inevitable, e cando ocorre é por falta de oportunidades que a sociedade debe brindar ós vellos para que poidan seguir exercendo os seus matizados papeis sociais cun grado de compromiso”, rachando así cos estereotipos e prexuízos DA e SOBRE a vellez.

Algúns psicólogos falan da existencia dunha especie de xerontofobia, para explicar as actitudes negativas da mocidade cara aos vellos; pero non deberíamos esquecer, pola nosa parte, que o noso comportamento non sempre é comprensivo coas vixentes formas de vida das novas xeracións, e crea incluso problemas no seo da familia.

Os mozos e adultos que asumen a responsabilidade de enfrontarse a vida nesta época tampouco o teñen fácil, e os vellos capacitados, coas súas incomprensións, temos que evitar aumentarlles os problemas, senón, polo contrario, axudar a resolvelos ou, cando menos, a atenualos.

Como dixo Henri F. Amiel, “saber envellecer é a obra mestra da vida, e unha das cousas máis difíciles na difícil arte da vida”. Seguramente porque a vellez ten o privilexio, e a vez a dolorosa responsabilidade, de tomar contacto co verdadeiro sentido da mesma vida, algo considerado con escasa atención e irreflexión nas etapas anteriores: Ten unha perspectiva crítica do pasado, que, por razóns do proceso do deterioro cerebral, soe lembrar con certa minuciosidade, e sente a imposibilidade de proxectarse nun futuro bretemoso, que imaxina azoutado pola magnitude das perversidades do presente.

Aínda que John Knittel pensa que cando se é vello é cando se sente máis alegría polo pasado que polo futuro, que ninguén esqueza que o vello tamén ten moi presentes aquelas fochas do pasado que xa non poden ser reenchidas, e por iso manifesta a súa preocupación polas que xulga que se están a facer no presente. Isto explica as súas incómodas e reiterativas advertencias!.

Temos a opinión, avalada pola experiencia, de que a estabilidade do futuro debe ser unha cuestión ética, xa que nin o económico, nin o ecolóxico nin o científico a garanten (aínda que sexan indispensables e axuden), en canto non forzan á conclusión de que podería realizarse incondicionalmente unha política de estabilidade do desenrolo, que necesariamente tería que poñer atrancos a moitos excesos dos comportamentos da mesma poboación activa, moi dada a pasar da ética e a adoptar a postura de “vivir ao presente”.

Todos desexamos, tamén salvo estraños estados patolóxicos, que as novas xeracións gocen dun bo futuro; pero é tamén a experiencia a que nos fai dubidar e cuestionar se verdadeiramente fixemos o que debíamos para que o acaden.

Non obstante, esta preocupación polo futuro dos nosos descendentes comporta, polo menos, un profundo sentimento ético que, por ser minimizado por esas xeracións, fai que nos sintamos defraudados. Velaquí unha razón máis que explica certas conflitividades interxeracionais.

Parece, pois, que ós vellos debería de asignársenos a ponderación e ás novas xeracións o impulso da dinámica social, porque unha sociedade sen aqueles corre o perigo de se desfrear, e sen estas de anquilosarse. Hai, por conseguinte, sobradas razóns para asignar a vellez o roll que lle pertence, se habemos de manter esa necesaria relación DUAléctica (que non DIAléctica) entre ponderación e dinamización social, esencial e necesariamente tensa, pero tamén harmónica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES