Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aportación de Ferrol ás Letras Galegas

viernes, 27 de marzo de 2015
No 25 aniversario do pasamento de Carvalho Calero
"Non é de ningún xeito exacto o prexuizo que se mantén nalgúns superficiais sectores intelectuais, segundo o cal, Ferrol está moi alongado dos problemas culturais galegos...hai quen pretende que Ferrol é como un enclave da cultura castelá dentro da terra galega".

Estas afirmacións ou desmentidos, segundo se míre, foron feitos por Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) naquelas xornadas do ano 1986 que organizou Caixa Galicia baixo o título de "Ferrol, su historia, sus gentes". Concretamente, Carvalho Calero titulou a súa conferencia "Aportación de Ferrol as Letras Galegas".

Sostiña o ilustre polígrafo ferrolán, "eterno" candidato ao nomeamento da RAG das Letras Galegas, que aínda cando Ferrol, pola súa estratificación social -a Mariña e as influencias que chegaron por mar- fixo magníficas contribucións á literatura en español "non é menos certo, aseguraba, que hai unha realidade e esta é a situación de Ferrol dentro das mariñas...e nunca estivo ausente do desenrolo da literatura na lingua do país".

Naquela conferencia citou unha serie de nomes que van desde Fernando Esquío da época medieval, no que se detivo especialmente, pasando por Domingo Díaz de Robles, do que se coñecen unha ducia de poesías anteriores ao desenvolvemento definitivo do Rexurdimento, Alberto Camino, precursor de Rosalía de Castro, Benito Vicetto que foi no seu tempo moi coñecido como propulsor do provincialismo ou rexionalismo. Ferrolán con obra en galego é tamén por esta época José López de la Vega e o son no devir do tempo Romualdo Casal, Xoán López Muñiz, Quintín García Calvo, Xoán Gómez do Ferrol... Abordou igualmente no seu discurso a personalidades como Nicolás Fort Roldán, Nicolás García Pereira, Xaime Quintanilla, "que non nacera en Ferrol pero a súa nai era ferrolá", Rodrigo Sanz López, un propulsor da reforma agraria "que algunha vez escribeu en galego", Francisco Cabo Pastor, Aurelio Ribalta, autor de "Ferruxe", Charlón e Hermida "artesáns ferroláns que escribiron graciosos e enxeñosos sainetes que eles mesmos representaban xa que eran actores excelentes".

Fixo referencia tamén naquel ciclo de conferencias a Xoana Torres "poetisa moi distinguida, novelista importante", Tomás Barros "nado en Toledo pero criado en Ferrol, poeta e pintor". Finalmente, Ricardo Carvalho Calero remataba a súa conferencia citando ao poeta Vicente Araguas "que -salientaba- se pode considerar sucesor, desde o punto de vista xeográfico, dun Fernando Esquío, dun Fernando Lago". Non só mencionou a Araguas senón que ademais para redondear a súa charla acabou recitando "unha sentida elexía a outro escritor, que se non naceu nesta comarca, morreu nela, elexía titulada "Para Álvaro Paradela, onde queira que estés". Obviamente, á relación de autores que se implicaron na literatura en galego hai que engadir, con méritos máis que sobrados, ao propio conferenciante de quen o pasado día 25 cumprironse 25 anos do seu pasamento.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES