Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O “Alfageme” pode enfermar de morriña

lunes, 23 de marzo de 2015
Unha onda de mareas vivas levounos hai pouco dun golpe de mar o barco pesqueiro ata a rotonda de Coia de Vigo. Alá fica agora entalado, mudo e eu diría que algo tristón, esperando quizais novas ordes. As mareas móvense dun sitio para outro, para adiante e para atrás, e en calquera caso non está excluído que o fagan voltar ó seu hábitat natural. Aquela mar súa ampla e movida, amarga e azul, na que se sentiría a gusto, enchendo de pescadas ou sardiñas de prata aquelas xa algo vellas alforxas súas con recendo de marusía.

Estas cousas ocorren onda o mar, alí onde o rabaño branco dos fogares humanos bebe manso das ondas que o mar lles bota repetidamente ós seus pés. A unha avezada nao coma esta, que un día quedou bautizada como “Bernardo Alfageme” na súa primeira e afoutada marcha fendendo ondas polo medio e medio cara ó seu traballo no mar, doeríalle seguramente que a levasen agora ó para el ermo e estraño lugar onde os humanos se dedican ós seus intranscendentes mesteres.

Évos algo así como se a un vello petrucio que botou fondas raíces durante moitos invernos e primaveras na súa casiña rural o quixesen levar agora -porque xa non é quen de poder saír con seguridade e confianza ó seu propio mar, feito de terra e de suores seus- ó recuncho aséptico e frío dunha moderna construción para anciáns. Alí onde xa non hai risos de nenos nin berros de mozos senón só a espera do inevitábel.

Un dos costumes dos devotos labregos da nosa vella nación galega era, segundo nos contan os expertos, trasladar, chegada a ocasión, as imaxes dos seus santos padroeiros máis queridos cara a outra igrexa próxima ata que o tempo se tornase máis benigno para colleitas ou sementeiras ameazadas. Pasados algúns días ou semanas, cando o clima se volvía máis risoño e benévolo, o seu santo e sagrado padroeiro podería tamén volver ledo ó seu lugar de sempre. Os veciños non deixaban efectivamente de percibir que o seu santo había días que estaba a padecer de morriña, coa tristura de atoparse lonxe do seu habitáculo acostumado. Morriña do santo e bonanza do tempo coincidían así coa volta á súa igrexa parroquial.

Será, pois, cousa tamén de que os novos veciños, viandantes de terra firme, que recibiu agora o Alfageme, continúen a observar coidadosamente o seu santo barco, varado por orde superior dende hai días na rotonda da cidade olívica. Para albiscar se a morriña lle aflora algún bo día na faciana e sexa preciso volver pousalo de novo mansamente no seo do seu mar amigo e irmán. Isto pode, é verdade, levar o seu tempo. Mais é verdade tamén que os humanos somos ás veces capaces de cambiar de idea ó longo da nosa vida.

Sírvache isto de consolo, amigo Alfageme, se é que o balbordo ese da praza onde te atopas che deixa ouvir aínda cousas así. Tan mainas e caladiñas coma o lene canto dun paxariño que ceiba a súa melodía dende o fondo da ramallada.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES