Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ética e o poder político

Rubal, Pedro - viernes, 20 de marzo de 2015
Os que non somos xornalista, que tal é o meu caso, encontramos difícil sacarlle zume a calquera evento. Talvez por iso, os colaboradores intrusos adoitamos ser temáticos e todo o máis botamos man da anécdota. Esta élles a razón pola que eu levo unhas colaboracións dándolle voltas a ética. Hoxe, se mo permiten, tratarei de dicir algo de como se relaciona esta co poder.

Como xa vin afirmando, a ética, entre as disciplinas, está chamada nestes tempos a ocupar o lugar das perdedoras, e quen se empeña a defendela, con máis ou menos acerto, se non ten a sensación de facer o ridículo, cando menos tena de haberse convertido nun predicador de aburridas e desfasadas homilías.

Ocorre así, seguramente, porque o brillante é ter poder e converterse nun estratego político, aprendendo a xogar habilmente cos intereses, obviando os valores; mais cando estes saen o camiño e lles poñen atrancos a aqueles, os postulados morais pasan o cesto dos papeis.

E non se trata de ver a política como un negocio sucio. Por suposto que non, porque os homes, as mulleres, pola nosa propia natureza, andamos sempre entre o ben e o mal, somos ambivalentes, y como xa dixo un intelectual que sabe moito destas cousas, “os homes nin son anxos nin diaños. Se foran diaños, ningún goberno sería posible; se foran anxos, ningún goberno sería necesario”. Todos lles somos moi complexos.
Pero o poder, por definición, ten moito do diaño. Por definición?. Si, porque o poder da ós poderosos a posibilidade de facer valer a súa vontade, en determinadas situacións, so pretextos razoables que en moitas ocasións non o son; e incluso ten na man instrumentos de aniquilación do adversario, económica, social, profesional e, se o invade o arrebato, o poderoso pode chegar ata á eliminación física: Arxentina está dilucidando un caso destes e Venezuela non lle vai á zaga.

Desgraciadamente, os exemplos abundan en todos os tempos e lugares.
Aquí é mester levar estas reflexións tamén a un nivel local, porque adoita valorarse, sen crítica, a permanencia dun político nun cargo de responsabilidade electiva como a evidencia dun apoio popular, e pode ser máis ben froito dun rosario de comportamentos e actitudes inmorais e ilegais.

Non é infrecuente que o éxito electoral nestes casos se deba o mantemento dunha estratexia derivada da súa actividade profesional, con repercusión e responsabilidade funcional nunha zona, encamiñada a controlar os votos por medios antidemocráticos e descaradamente inmorais.

Polo tanto, o problema está no abuso do poder, e tamén en como se accede a el, xa que este é necesario para gobernar eficazmente as comunidades políticas. Xustamente por isto, nelas foron aparecendo procesos contra ese abuso, como a división constitucional do poder, a declaración da inviolabilidade de certos dereitos dos cidadáns (os fundamentais), a concesión dalgún grao de participación no poder aos pobos, etc.; pero o titular do poder tamén soe facer un uso politicamente correcto da lexitimidade que llo confire e sen saírse dos seus límites: Non todo é negativo.

Si. Digamos, pois, “politicamente correcto”, tendo en conta, como afirmaba Bismarck, que a política non é unha ciencia, senón unha intuición, acertada ou non, de que camiño escoller, e isto non facilita tampouco andar sempre co código moral na man. Hai que recoñecelo e admitir que entre a política e a ética sempre haberá unha certa tensión. Pero eu quero referirme nesta colaboración a unha completa inhibición ética que conduce a flagrantes inmoralidades, ata o estremo de ridiculizar o papel que lle corresponde.

Existen na casuística política moitos graos de inmoralidade incrustados en diversos marcos. Un deles é, por exemplo, o oportunismo no relativo a veracidade, que ven a ser como unha especie de adaptación irresponsable a unha tendencia, a unha corrente social, a unha determinada constelación de poder, deixando de ser veraz cos cidadáns.

Cando reina o oportunismo de moitos nun partido, por exemplo, facilítase o autoritarismo dun número reducido duns poucos, que, coma os ciclistas, cara a arriba agachan a cabeza, e cara a baixo van a por todas, sen reparar en adoptar actitudes mendaces.

Temos evidencias disto en Sudamérica. Sería conveniente evitar as importacións: O poder xamais pode ser empregado moralmente por quen o instrumentaliza para o dominio, sexa quen sexa, e non para o servizo, porque, ademais, nestes casos, obviase o respecto á legalidade vixente e, conseguintemente, atácanse os dereitos xerados o seu amparo, incluso con precipitadas derrogacións de oportunidade ideolóxica.

E aquí amosa o paradoxal. Vexamos. Como a ética ocúpase do que DEBE SER, non necesariamente do que É, os titulares dun poder instrumentalizado para o dominio, non teñen reparos en realizar cambios radicais nas estruturas sociais, produtivas e institucionais, so pretexto de que, por imperativos da xustiza (imposta vía dominio!), DEBEN SER obxecto deses cambios.

Nun sistema democrático, as precaucións para que non se xeren no seu seo poderes politicamente abusivos deberían ser escrupulosamente estremas, e non cometer o erro de que o pobo vexa aos partidos integrantes dun estado de dereito como posuidores dun censurable poder abusivo, evitando, na loita polo poder, caer na estupidez de discutir o accidental en prexuízo do esencial ou esaxerar as diferenzas onde nas hai de relevancia, algo que ocorre para disimular a carencia de ideais aceptables no contexto.

Xa que estamos en período electoral, quero resaltar que tamén as eleccións teñen unha dimensión ética, porque, aínda que unha certa actitude ética pode favorecer a vitoria electoral, tampouco hai que descartar que unha falta de ética non implica necesariamente unha derrota; pero si que o descrédito e a desconfianza acompañará a este vitorioso na súa función gobernativa: O incumprimento das promesas programáticas, razoado ou non, saen sempre ao paso e acaba pasando unha boa renda no futuro electoral. Exemplos vamos ver.

Por isto é mester ter moi presente que todo aquilo que ula a un ataque, máis ou menos solapado, ás garantías democráticas dos cidadáns pode desembocar nun movemento popular que, so pretexto de motivos éticos, acabe varrendo da escena nacional a toda unha clase política. Hai exemplos na historia política de Italia, Xapón...

Por cautela, non deberíamos esquecer que estamos nunha era na que o sentido da responsabilidade non prima na actividade política, é dicir, que a preocupación por coordinar ideais e realidade, e estratexias éticas e intereses económicos, non parece constituír unha gran preocupación dos líderes políticos, máis engaiolados por acadar e manterse no poder. Algo que, por imperativos da seguridade, non só éticos, sería moi urxente corrixir, para previr futuras convulsións sociais.

Tamén se observa unha significativa carencia de ideas que sirvan de guía no social e no político, porque fraquean as conviccións profundas que xeran as correspondentes actitudes: Calquera oportunista, incorporado a un partido, pode acabar nun posto que lle esixe moita máis formación, convicción e madurez da que posúe, e isto comporta, ademais doutras consecuencias, un quebrantamento ético, porque priman os desexos sobre os deberes e o descoñecemento da propia incapacidade sobre a necesaria autocrítica.

En fin... os cargos de responsabilidade política requiren dunha fortaleza persoal para manter os necesarios equilibrios que esixe a función gobernativa da autoridade lexitima e competente, para evitar que a racionalidade económica non sexa tomada como algo absoluto e se converta en guía exclusiva da actividade política, subordinando a si mesma políticas tan necesitadas de ser fortalecidas como as sociais, especialmente as sanitarias, no noso país.

Para que a economía se poña ao servizo dos obxectivos éticos e políticos, o que verdadeiramente hai que facer é non converter os medios en fins. Pero, ao mesmo tempo, hai que coidar o alcance do papel fundamental da política e evitar os respaldos éticos espurios, non humanizadores, e que non garantan a dignidade da persoa humana. Precisamente, eu pregunto se nos problemas xurdidos aquí en España coas “preferentes”, e cos desafiuzamentos, lanzando familias e anciáns a rúa, se tivo en conta a dignidade da persoa, preocupándose decididamente de revisar os argumentos políticos e corrixir os económicos.

É tamén inmoral que o poder político permita a certos poderes fácticos dispoñer dun consumo excesivo dos recursos naturais que non poden rexenerarse, froito dunha irresponsabilidade ética, como pon de manifesto Hans Jonas, na súa obra “El Principio de Responsabilidad”, un traballo que vale a pena non só ler, senón estudalo reflexivamente.

Dag Hammarkjold, nunha breve frase, dinos que “só é digno do seu poder quen o xustifica día a día”, porque, como dixo Víctor Hugo, “todo poder é deber”. Claro, quen o xustifica día a día mantén unha constante conciencia vixiante, e quen o inclúe na esfera do DEBER fai do poder un instrumento ético, non un fuste para o azoute social e político dos sectores menos protexidos da sociedade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES