Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alén do frío

jueves, 19 de marzo de 2015
Souben dos primeiros versos de Celebración de Gonzalo Hermo cando o pasado mes de outubro algúns deles foron premiados no III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro organizado polo concello de Mondoñedo. Foi un sinal de atención, unha chamada que me fixo estar alerta e permanecer expectante á aparición das restantes composicións que habían de completar, finalmente, o o volume que logo veu luz da man de Apiario, selo coruñés comandado polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, que inaugura con este título a súa colección Cera labrada.
Alén do frío
A intuición non me fallou e Celebración confirmou o bo saibo que deixaran aquelas primeiras composicións lidas no outono. Neste libro, a poesía de Hermo habita o frío para vencelo, procura a calor, o abeiro da transición cara a un futuro no que recoñecérmonos. O pasado é un espello deformante, unha memoria ficticia que cómpre superar. O inmobilismo, a compracencia do deixarse estar non cabe aquí. Os versos do de Taragoña mergullan na corrente do río, flúen para devir outro, son o resultado dun pular por riba da saudade, dos cisnes miraxe, do universo aparencial.

Celebración é carne da linguaxe tanto coma idioma do corpo. Somos palabra, temos a verba para articular o real e a nosa propia corporeidade é un interrogante ontolóxico que cómpre definir respecto do acto de creación, tamén da esfera do espiritual.

Dialóxico por definición, as entidades que participan no ir e vir de ideas que estouran escénicas neste libro son os actantes celebrativos, os que aprehenden das cicatrices e os inevitables insectos para congratularse por seguir adiante, por ser quen de deixar atrás a escoura, ler no musgo, abater o crac, finiquitar o espantallo da melancolía e ser ben conscientes do que “houbo que esquecer para aprender a ollar este ceo aberto/ este transitar dos corpos e dos días”.

Granada de Mauro Trastoy no centro do cosmos versal estoupando nunha fervedura que apague o frío de Eduard Velasco, o deslugar de Antonio Gamoneda, a lingua irrecoñecible de Jacques Derrida, o movemento sen retorno de Francisco Cortegoso, o esquecemento necesario de Antón Lopo, o cordial olvido de Chus Pato. Territorios “onde o sangue é raíz/ e o corazón un intruso que se move/ e avanza/ sobre o inverno” para berrar que “non tememos a morte./ Levámola dentro/ Celebrámolo”. Gonzalo Hermo: a linguaxe que dura, o corpo autoindagatorio, o amor na óptica, Tempo que se abre ao novo que ha de-vir.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES