O tempo do caruncho
Das espigas do centeo, saían algúns grans recastados.
Tiñan unha color escura. Este era o caruncho. Cando acabou a guerra civil, logo empezou a segunda guerra mundial. Neses anos, comprábano para facer medicinas. Nenos, vellos e mozos empezaron a xuntar caruncho. Andábase a el nas leiras. Logo, cando se mallaba, repasábanse os grans. Pagábano moito. Os días das feiras, as tratantas xa se chegaban ás entradas da vila para comprar. Elas, as primeiras. Ías cunha bolsa na man. Traías tantos cartos como se venderas unha vaca.
Para as aldeas era unha cousa nunca vista. As mozas tiveron os primeiros abrigos de castoril, que era unha imitación a pel. Comprábanse mobles, roupas, que antes era imposible telas. Recordo, sendo rapaza, levei as miñas primeiras mil pesetas ao banco dos Núñez, en Betanzos. Foi a primeira libreta que tiven. Naqueles tempos, ter mil pesetas xa era algo.
Tamén era moi escravo. Polo día, despois de xantar, polo medio da leira e, coa palla, facía moita calor. Pero, era un diñeiro que era imposible xuntalo doutra forma.
Así, o tempo do caruncho pasou á historia. Escribo para que non quede no olvido, pois foi unha etapa da vida que xa non volverá máis.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca