Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Señores e servos

miércoles, 18 de marzo de 2015
Amos e escravos. Foi Nietzsche quen falou (seguindo a Hegel) da moral de amos e escravos. O amo valora o orgullo e a fortaleza; o escravo valora a humildade e a compaixón. Defendía a existencia de dúas clases de homes: os señores e os servos. Os primeiros aprecian como bo o superior, forte e dominador. O escravo valora como “boas” as calidades dos débiles: a compaixón, a paciencia, a humildade; promove valores como a mansedume e a misericordia e critican o egoismo e a forza. Afirmaba que a loita entre culturas foi sempre entre romanos (amos, fortes) e xudeus (escravos, débiles). O poderoso filósofo acabou dominado pola demencia; as súas ideas, mal dixeridas, deron lugar ao delirio nazi, e provocaron unha das etapas máis ingnominiosas da historia universal da infamia.

A sociedade do cansazo. O pensador Byung-Chul Han no seu libro A sociedade do cansazo (1), fai unha relectura desta metáfora: “A sociedade do traballo e do rendemento non é unha sociedade libre”. A dialéctica de amo e escravo non conduce a unha sociedade na que quen sexa apto para o lecer é un ser libre, senón máis ben a unha sociedade do traballo, na que o amo mesmo converteuse en escravo do traballo. Cada cal leva consigo o seu campo de traballos forzados: cada un é prisioneiro e celador, vítima e verdugo, á vez. Así, “un explótase a si mesmo, facendo posible a explotación sen dominio”. Entende este autor que na actualidade semella desaparecer a coerción externa e fannos ver que o traballo significa realización persoal. Un explótase a si mesmo, ata o colapso. En lugar da alienación aparece unha autoexplotación voluntaria. O home convértese nun animal laborans, lanzado a un horizonte de fracaso.

Prisioneiros dos mercados. Pero tamén é certo que o sur de Europa atópase en estado de shock, situación instrumentalizada polo réxime neoliberal. Grecia, e tamén España e Portugal, atópanse en estado de shock pola crise financeira. “E aí vén o diaño, que se chama liberalismo ou FMI, e dá diñeiro a crédito a cambio de almas humanas” afirma Han. Mentres un está nese estado de shock, “empúxannos á flexibilización laboral, a competencia descarnada, a desregularización, os despedimentos”.

Así, pois, xa non somos escravos de nós mesmos senón que están provocando -as forzas económicas e os políticos cómplices-, un regreso ao pasado onde a escravitude non é unha metáfora senón unha cruel e descarnada realidade. O traballo precario, a inseguridade e os salarios de subsistencia son cada vez máis frecuentes. Os dereitos laborais foron laminados e xa o doce por cento da poboación ocupada vive en fogares por baixo do limiar de pobreza. Nun contexto de empobrecemento crecente, ter emprego xa non é unha salvagarda ante a pobreza. Este retorno ao pasado lévanos a unha terrible realidade: a crecente proporción de “traballadores pobres” (2). Porque hoxe, os mozos, os que teñen contratos temporais ou a tempo parcial, as mulleres traballadoras, os que teñen baixo nivel formativo, os que superan os 45 anos e os menores que viven en familias onde existen empregos precarios e temporais: “todos eles soportan unha pobreza, e riscos en relación coa pobreza, descoñecidos en etapas anteriores. Porque traballar e ser pobre xa non son realidades incompatibles” (3).

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

NOTAS:
1. http://cultura.elpais.com/cultura/2014/03/18/actualidad/1395166957_655811.html
2. http://www.1mayo.ccoo.es/nova/files/1018/Estudio56.pdf
3. http://www.nuevatribuna.es/opinion/javier-lopez/trabajar-y-ser-pobre/20141029173104108682.html
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES