Noite das Pepitas
Fernández, Suso - lunes, 16 de marzo de 2015
A véspera de San Xosé ten en Ferrol un tradicional e singular engado e brillantez, cun especial tinte romántico, pois arrodease dos elementos para que sexa así: a música, a nouturnidade e, no balcón, a moza belida. Na Noite das Pepitas grupos musicais -guitarras, laúdes, bandurrias e violíns- saen á rúa e rondan coas súas cancións ás mozas da onomástica, percorrido que remata diante do concello e alí celébrase o anual concurso de rondallas.Ferrol foi, de sempre, terra de músicos; e a existencia de bandas militares non foi allea a tal evidencia.
Acaso algún lector lembre con nós, vellas orquestras daquela bisbarra que hai mais de medio século gozaron de sona: Bellas-López, López Malde, Bellas-Farto, Saratoga, Copacabana: Lamas-La Piña (co seu popular vocalista Santi-Par); Los Players, Trébol
A afección coral prodigouse en Ferrolterra, onde Toxos e Frores, decano dos coros galegos, nacía o ano 1915, hai xusto cen anos.O gusto por interpretar as tonadas de moda derivaba á creación de colectivos; moitos dos cantores eran traballadores dos asteleiros e o nome de Xosefa abundaba entre as familias e as noivas. Os grupos de amigos, que se xuntaban en barberías e tabernas, terían ocasión de amosar o resultado das horas de ensaio, formando agrupacións para ofrecer as melodías ás mulleres amadas e, acaso sen sabelo, dar orixe a un espectáculo coral e musical da maior aceptación popular, que aínda hoxe esperta grande interese.
Dende aquel fermoso vals de 1898, cuxo comenzo dí: Cuando la luz duerme / el céfiro calla./ Si de una rondalla / oyes el rumor,/ escúchala y deja/ que su amante trova/ lleve hasta tu alcoba los ecos de amor á actualidade, son centos as cancións que, dun xeito romántico, cortés e nostálxico, cantan a fermosura e o engado da muller ferrolá: Al caer la noche, de su palio azul/ nacen mil estrellas: / la mas bella, tú..!/,Cual grácil paloma busca palomar, /vuela hacia tu alcoba, mi febril cantar./ En la madrugada de tu despertar/ abrirás los ojos, Pepita, y querrás soñar...!
Nosos parabéns para Xosefas, Pepas e Pepitas.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora