Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Este Papa...!

viernes, 13 de marzo de 2015
O Papa Francisco está rompendo esquemas en cada intervención pública. Non é extraño que cause unha revolución na Igrexa, pacífica e para ben, na que os máis beneficiados moralmente son os cregos que viñemos chamando “progresistas”, tanto tempo mirados con prevención, e que agora se sinten confortados ao ver que este Papa sorrinte pensa como eles pensaron sempre, e fala como eles sempre quixeron falar.

As dúas últimas novas da Súa Santidade, falan de pecados. Unha, de “pecado gravísimo” cando os empresarios fan “pagos en negro” aos traballadores, sen contribuir por eles de acordo coa Lei, pecado que non se pode paliar facendo donativos á Igrexa para tranquilizar a conciencia. E a máis recente fala do pecado mortal dos que abandoan vellos en residencias sen logo preocuparse deles, recalcando que as sociedades que descartan aos vellos cometen pecado e levan consigo o virus da morte.

Ata agora, ninguén planteou a dimensión moral dun problema que se coidaba exclusivamente económico. E considerando que o Estado non fai abondo en canto a conseguir que todos contribúan na medida das súas posibilidades, nin na posterior distribución do recaudado, víñase aplicando o principio básico de que quen defrauda a alguén non xusto ten moitos anos de perdón. Pero chega o Papa Francisco e, ás penas temporais que todos confiamos en esquivar, engade un calificativo que para os crentes é demoedor, se é que hai crentes entre os defraudadores, que de todo pode haber na viña do Señor. O mesmo, para o feito de abandono dos vellos, que esta sociedade ás veces non ten escrúpulos en liberarse dos devanceiros.

Haberá que escoltar as homilías dos cregos avanzados, que se xa eran claros na súa expresión, agora teñen ademais –se é que lles facía falla- o argumento definitivo de que o Papa dos Cristiáns está na súa onda.

Vai resultar que tiñan razón todos estes cregos que se puxeron moi contentos co novo Papa, ao que só lle falta atreverse co celibato sacerdotal e co papel das mulleres na Igrexa para facer historia en vida, e marcar o paso a unha sociedade civil e religiosa que leva moitos anos indo ao seu aire.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES