Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Víctima da bondade

jueves, 12 de marzo de 2015
Con nada seguro e todo por saber, nestas horas de estupor, dor colectiva e profundas incertezas, logo de ter botado media tarde a carón da rectoral de San Salvador de Vilanova, á que tantas veces acudín á súa procura, xa fose para amosarlle tan fermosa rareza cristalina a amigos e visitantes, xa para exhumar algunha información histórica dos libros parroquiais de Vilanova -que con tanto tino coma á virxe el custodiaba-, xa por cuestións ledas ou chorosas do ciclo vital da miña torgueira do Lugar do Cristal á propia igrexa, xa por simple ou mera ocasión de conversar con el, achégome a estas liñas sen que a estupefacción polo sucedido me permitan saber cara onde definir esta apurada homenaxe que arestora lle quero tributar a don Adolfo Enríquez Méndez, un home bo por definición ou, sendo aínda máis xustos na linguaxe, un santo no sentido amplo e extenso da palabra.

Hoxe -onte, para vostede- todos lamentaban o escenario de portas abertas no que don Adolfo vivía, agora en soidade, dende que o seu irmán pasara a facerlle compañía doutro xeito no a carón do camposanto. Portas abertas para os veciños e portas abertas tamén para indixentes que precisaran algunha axuda, material ou inmaterial, da súa parte.

E é que don Adolfo era así. De palabras xustas e cadenciosas, pero sempre ben atinadas e escrupulosamente contextualizadas en función do sentido que lles quixera dar en cada caso. E cun humor moi propio, que soamente amosaba cando o entorno lle era cercanamente propicio.

Véñenme a memoria agora, en batallón, ducias e ducias de imaxes súas, que me debuxan un holograma sorrinte da súa figura, unha face reflexiva e prudente da súa estampa cotián dos seus quefaceres mundanos e mesmo unha didáctica singular da súa liturxia, que te arrastraba con el -por máis que para un non fosen de moito interese mesiánico as lecturas misais- cando, paseniño, por tras do altar, ó seu xeito e entre silencios solermiños, ía explicando o por qué de cada acto.

Atéiganseme a cachón, en fotogramas -moitos que gardo na retina e outros que manteño no arquivo dixital do ordenador-, episodios da súa memoria, o último o pasado día 1, festividade de San Rosendo.

Véñenseme á memoria todas estas lembranzas e todas elas conflúen nunha que repetín moitas veces sobre el ó definilo para xentes que o acababan de coñecer e que sempre se rendían ó sosego e á paz interior que transmitía coa Virxe do Cristal na man, ensinándoa con ledicia e sen unha mínima faísca de fachenda por ser custodio de -como xa escribín- tan cristalina rareza. Vénseme á memoria todo isto e só son quen de concluír unha cousa: Que foi víctima da bondade con tódalas súas consecuencias.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES