Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai realmente conciencia da crise moral?

viernes, 13 de marzo de 2015
(Unha breve reflexión).
Suxírenme estas liñas unha conversa cun teólogo que considero ben formado. Afirma que se cometen pecados porque non hai conciencia deles. Ben. Quedei pensando se tantas corrupcións e comportamentos inmorais que asestan as sociedades actuais non terían a súa causa fundamental nunha débil conciencia moral e nunha perda do papel dos valores éticos na vida de persoas libres e, por tanto, responsables.

Lembro aquilo de Erich Fromm, que resumo nesta frase: Agora temos liberdade-DE; pero non sabemos usar a liberdade-PARA, á que lle temos certo medo. Pero esta miña lembranza vénlles acompañada dun certo sentido contrario, porque todos os días temos evidencias de que ese “medo” a facer uso da liberdade-PARA, desapareceu. E isto, na miña opinión, é o problema: A perda do sentido e da conciencia ética. Terei que explicarme.

A indiferenza ética cavou fondo na conciencia do home/da muller da nosa era, na que se impuxo o acelerado avance científico-técnico, que imprimiu no ámbito cultural un entusiasta reducionismo, alentado pola nova conciencia do seu posto no universo e polo indiscutible avance da neurociencia.

Este novo home, reducido a un epifenómeno, unha sinxela manifestación do cruce de diversos factores na complexa dinámica evolutiva do universo, concíbese como algo que está aí por mera casualidade e, por tanto, non se sente obrigado a construírse el mesmo a súa propia personalidade: Disto encárgase a natureza e as circunstancias.

Se ten esa convicción, é lóxico que o home de hoxe non se preocupe da necesidade de facer o que DEBE facer, para ser o que PROXECTE ser, porque está lonxe de entenderse como unha realidade aberta, con liberdade de optar entre as posibilidades que lle ofrece a vida para configurar a súa personalidade responsablemente. E todo isto élles ben paradoxal, porque, por unha parte, vincúlase a un certo determinismo, e, por outra parte, reclama, cada vez, máis liberdade.

Xustamente por isto, non parece que esta postura sexa acertada, posto que hai abondo evidencias científicas de que o home, dende a prehistoria, intervén sobre a natureza exterior, xa que o mesmo HOMO SAPIENS veno facendo dende o neolítico, e non só isto, senón que hoxe a ciencia levounos á evidencia de que pode realizarse tamén unha intensa intervención racional, e por deliberada, consciente, sobre a nosa propia natureza (con profundas incidencias na a nosa realidade persoal), ata tal estremo que non se descarta a posibilidade de cambiar o estatuto ontolóxico da realidade humana, mediante a manipulación xenética.

Fíxense vostedes, amigos lectores, que todo o que acabo de dicir non é, se me permiten unha expresión coloquial, “moco de pavo”. Este home que segundo a opinión máis xeneralizada é froito da evolución, acaba facéndose dono e guía dela: A intelixencia da que está dotado permítelle rebelarse contra a súa escravitude xenética e pode intervir manipulando os xenes.

Queren máis proba de que perdeu o medo a esa liberdade-PARA?. Acaso non pretende utilizala para transcenderse a si mesmo, para ir máis aló da súa propia realidade?. Nesta liña de comportamento científico, non só perdemos a conciencia moral, senón que, parangonando unha expresión evanxélica, podemos afirmar que o home converteuse nun deus: Eritis sicut dii (seredes como deuses). Derrubarase a súa torre de babel?. (...).

Porque, como di o catedrático de Deusto, Diego Bermejo, “A contemplación científica non conduce necesariamente á bondade; a emoción científica non conduce necesariamente á solidariedade; a lucidez racional non conduce necesariamente á humildade e resignación asumidas ante a “inabarcabilidade” da realidade”. Entón, digo eu, estamos en mans dunha racionalidade científica que tampouco responde ás nosas esixencias éticas, aínda que sexa moi útil e nos colme de satisfaccións intelectuais.

Por outra parte, perder a conciencia ética (moral) comporta perder toda unha tradición da lei moral natural, renunciando a unha fonte que Hans Küng aproveitou facendo que as distintas tradicións éticas e relixiosas coincidiran nuns puntos aceptables para toda a humanidade, unha especie de Weltethos (de modos mundiais de comportamento); renunciando a deixar de considerar ao home sempre como un fin e nunca como un medio, en versión kantiana; renunciando a acadar consensos racionais dende unha situación transcendental (Apel); renunciando á mesma ética da responsabilidade coas xeracións futuras, de Hans Jonas; etc, etc.

É dicir, teimamos tirar pola borda toda unha cultura ética, e abandonamos un fértil e admirable campo de reflexión, sen un correlativo impacto sentimental, e sen experimentar un baleiro intelectual e antropolóxico. Se non, pregúntenlle a señora Conselleira de Sanidade, que sentiu cando tivo coñecemento da dimisión da metade dos membros da Comisión de Bioética.

É verdadeiramente incrible que o home/a muller dos nosos tempos perdera, ata estremos que evidencian os comportamentos cotiáns, e a todos os niveis, a sensibilidade ética, deixándose caer nun individualismo xerado polo novo liberalismo, que pon en apertos a solidariedade nos sectores sociais mellor situados, salvo algunhas excepcionalidades; pero tamén nos totalitarismos colectivistas, que atacan o papel protagonista da persoa, situando en perigo a conquistada liberdade-DE e as mesmas claves constitutivas da persoa.

Recentemente, todos puidemos ver en televisión a chulería dun rapaz, derribando a unha chica dunha patada, que máis ben semellou un couce dun burro, e a solidariedade estivo máis presta con el que con ela. Contrastemos, polo contrario, coa afouteza moral dun indixente, en Monforte, que salvou de afogar a un señor, e gustaríame coñecer ata onde chegaron a respostas solidarias á súa desgraciada situación.

Por suposto que estamos noutra era e non poden verterse certos avances científicos en moldes vellos, e incluso haberá que situar os principios éticos noutro lugar; pero non necesariamente renunciar a eles, e moito menos mentres non o esixen as mesmas evidencias da realidade, porque o home, cunha dimensión ética xustificada racional e razoablemente, por imperativos da súa propia ontoloxía, terá que darlle expresión operacional nos instantes oportunos que balizan a liña da súa configuración persoal e seu roll social.

Á luz de todo o que queda brevisimamente apuntado, penso que non cabe dúbida de que non só debilitamos a nosa concienciación moral, senón que tamén se detecta un relevante desinterese pola investigación e o estudo no ámbito da ética, indispensables para xulgar os comportamentos morais, e dar razón abonda do alcance dos inmorais, aparellándoos, no posible, cos científicos. E claro está, se a pedagoxía ética nos cargos políticos e gobernamentais fraquea por falta de exemplaridade, ninguén me negará que non é un atranco para vigorizar o sentimento moral e apostar pola xustiza.

Porque pretender que a xustiza reine na sociedade é un empeño ilusorio fora do ámbito ético e nun contexto no que se deixou languidecer a convicción moral de que primeiro son os deberes e despois os dereitos, xa que estes derivan de aqueles, e xustiza é recoñecer e cumprimentar os dereitos de cada persoa, como xa se prescribe no Dereito Romano; é dar a cadaquén o que lle corresponde como propio (Ius suum cuique tribuere).

Esta debilitación moral, ademais, non nos permite aceptar que a fonte dos nosos dereitos aliméntase do manancial ético, cuxo abandono explica os recursos a outros fundamentos, incluso de matiz ideolóxico de mero matiz político e partidista.. De aquí que a proliferación das inxustizas teña moito que ver coa indiferenza cara aos valores éticos.

A todo este respecto, xa dicía John Newton o seguinte: “Así como perfeccionamos as ciencias, debemos perfeccionar a moralidade, sen a cal o saber destrúese”, e non esquecemos que o gran secreto da moral é o mesmo amor, que hoxe, sofisticado e camuflado cos máis extravagantes sentimentos, parece que o perdemos na medida en que nos invade a frustración e a indolencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES