Campamentos de verán
Editorial - miércoles, 05 de abril de 2006
Foi o Frente de Juventudes o que deu en concentrar ós rapaces en campamentos de verán, repartidos pola xeografía de España.
Polo que a Galicia se refire, A Devesa, As Sinas ou Gandarío foron patria de disfrutes xuvenís en tempos difíciles e oscuros.
As xornadas comezaban cando se izaban bandeiras, e se cantaba o Prietas las filas ou Volverán banderas victoriosas / al paso alegre de la paz. Daquela Falange Española era a máxima institución, o Frente de Juventudes a súa antesala, e a O.J.E. (Organización Juvenil Española) o brazo executor.
Aínda recoñecendo o seu importantísimo papel de achegamento dos rapaces e as rapazas ó verán, ó sol e ó lecer, os campamentos quedaban marcados pola súa impronta política, polo férreo dominio da ideoloxía (ou des-ideoloxía) dominante. Pero aínda así considerábanse excelentes para a formación/conformación dos máis novos.
Pasaron corenta anos. Do nacionalismo español daquela imperante pasouse ó nacionalismo galego que goberna os temas relativos á mocidade. Convócase unha nova campaña de campamentos de verán.
Nesta nova campaña aténdese especialmente á eliminación de barreiras arquitectónicas, á galeguización das actividades, ó coñecemento da cultura e ó patrimonio do país, á transparencia na asignación de prazas... Pero o sistema é plenamente vixente.
Non hai, polo que se ve, solucións milagrosas nin medidas revolucionarias. O sistema segue a ser o mesmo; e as instalacións, e a organización. Cambian algo as formas, renóvase a xente, pero a vida segue.
Posiblemente sexa o mellor exemplo de normalidade. O que valía hai corenta anos, segue a valer, tendo cambiado tanto os tempos e a cor.
Xa non estamos prietas las filas, nin impasible el ademán, nin volverán banderas victoriosas. Nada hai novo baixo o sol, que segue a brillar para todos. E, afortunadamente, para os rapaces e rapazas, o verán segue a ser un tempo especial, sempre novo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora