Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (24)

jueves, 12 de marzo de 2015
Ano 1926 (I)


Comisión Executiva de 20 de xaneiro. Ofrécense datos económicos correspondentes a 1925. Son explícitos para coñecer a orixe da meirande parte dos fondos que se utilizaron para a fábrica do hospital asilo:
- Do «Comité federativo do partido xudicial de Villalba», domiciliado en la Habana, 23.904’40 ₧.
- Do «Centro Villalbés de Buenos Aires», 5.000 ₧.

Comisión Executiva de 25 de febreiro. Déixase constancia das seguintes doazóns:
- De Dolores Losada Díaz ₧.
- De Concepción Silva e Posada, viúva de Basanta, 2.000 ₧.
- Do médico Plácido Peña Novo, natural de Vilalba que marchara residir á Coruña, unha mesa de exploracións e unha vitrina con instrumental médico-cirúrxico.

Jesús Mª Bouza. Foi elixido na Habana para rexer os destinos do Centro Galego en 1926. A prensa vilalbesa saúdao con grandes parabéns pola responsabilidade da que se facía cargo e por ser esposo dunha vilalbesa, Consuelo Goás Latas, quen conservaba parentes na vila. Nas mesmas eleccións foi designado como secretario da Asemblea de Apoderados Jesús Rouco Coriñas, exVillalbesa y su Comarca» e Jesús Cendán para a presidencia da sección de Sanidade.

O hospital asilo de Vilalba (24)Discusións no Concello. Na sesión de 22 de febreiro prodúcese un intenso e acalorado intercambio de opinións entre os concelleiros. O asunto, que xa viña de atrás, estaba en que a un recibo se lle puxera data posterior ó seu pagamento. Algúns propoñían o cesamento do alcalde, outros opoñíanse. Na oportuna votación resultan gañadores os concelleiros do sector gobernante: Apenela, Enríquez, Otero Cao, Puentes, Anido, Otero Muras. Fronte deles, Arias Varela, Pérez Salgueiro, Buide, Soto e Moltó. Na sesión de dous días despois, é o concelleiro Buide quen se explana sobre a circulación de máscaras na vila o domingo de Piñata. Afirma que este feito supuxo un atentado contra o sentimento relixioso dos vilalbeses e bótalle a culpa... ó alcalde, naturalmente. O asunto non pasou a máis.

Sociedade habaneira «Hijos de Goiriz». Presídea en 1926 José María Carreiras. Acompáñano na directiva Antonio Gaute, Luís Calaza, José Lozano, Ángel Calaza, Antonio González, Francisco Cordal, José Cendán, Antonio Cordal, Bernardo Lozano, Pedro Bermúdez, Manuel Seijo, José Otero, Fernándo Yáñez, Evaristo García, Domingo Cordal, Julián Díaz, Jesús Calaza. Como suplentes, José Cendán, Heliodoro Rouco, Avelino Calaza, José de Vicente e Antonio Castro.

Escola en Árbol. Anúnciase poxa para a construción do edificio. Promóvea a sociedade habaneira «San Lorenzo de Árbol y su comarca». Vaise edificar no lugar de Gardado.

Árbores na vila. Critícase con contundencia o feito de que se plantasen unhas árbores raquíticas no campo da feira. Seica «merece la pena verlos...» O que xa non merece a pena de ver é a tremenda poda que se lle deu á pravia existente na «praza del pescado, vulgarmente conocida como 'la palleira'».

Asociación de mestres. En marzo renóvase a directiva. Presídea Carlos Moltó Gargori, docente en Vilalba. Acompáñao Evaristo Cuena, mestre de Tardade. Ambos aparecen activamente na prensa local da época asinando artigos de opinión.

Discusións no Concello. As controversias que se daban entre os concelleiros non favorecían a gobernabilidade da vila. E máis tendo en conta que todos pertencían ó partido único que existía daquela e que ostentaba o poder: a «Unión Patriótica», do xeneral Primo de Rivera. Para tratar de solucionalos, o 18 de marzo achégase á vila o gobernador civil da provincia acompañado do presidente da Deputación, do delegado gobernativo e dun funcionario. Na sesión extraordinaria que preside a autoridade provincial recoñece a existencia de dous grupos ou tendencias dentro do partido e fai un chamamento á unidade e ó traballo conxunto, e tamén a deixar de lado as minucias e miserias.

Discusións na prensa. Os dous xornais de Vilalba do momentos, «Heraldo de Villalba», dirixido por A. García Hermida, e «El Progreso Villalbés», dirixido por Enríquez Chanot, enléanse en disputas nas súas columnas. Os asuntos son opinións diverxentes sobre aspectos da vida local, pero que se agravan nos sucesivos intentos de descualificación do contrario.

Escola en Mourence. A comisión encargada da construción dun edificio para escola nesta parroquia tiña as súas actividades paradas. Fórmase unha nova e pídense donativos tanto a habaneiros coñecidos -Agustín López Arias, Manuel Pardo, Francisco González, José Leal...- como a comerciantes e particulares da vila -Ángel Rego, Vicente Quintela, Domingo Goás, Manuel Carballal, José Cacharrón...- As obras de cantería foron contratadas en 2.050 ₧ a Enrique Fernández, de Vilalba.

Doazón para o hospital asilo. O «Heraldo de Villalba» do 26 de marzo publica unha longa lista de doadores que contribuíron con diversas cantidades para proseguir coas obras do edificio. Son persoas entre as que distinguimos tanto a habaneiros, como comerciantes da vila e xente anónima que realiza pequenas achegas para tan magno fin. Nesta ocasión resaltamos que o «Sindicato da Liga Agraria de Xermade» contribúe con 450 ₧ e a «Unión Villalbesa y su Comarca» con 500 ₧.

Fútbol. O 19 de marzo celebrouse un partido no campo dos Lodeiros de Mondoñedo entre o «Sporting Club Villalbés» e o «Mondoñedo F.C.» En disputa estaba a copa «Teixeira» doada ó «team» mindoniense por Francisco Teijeiro, representante dos viños «Oporto e Teixeira». Gañaron os locais por 3-0, seica coa apaixoada intervención do árbitro.

Prolongación dunha rúa. O veciño Daniel Rouco propuxo abrir unha nova vía urbana. Iría desde a rúa dos Xardíns ata a do Desexo. Nunca se chegou a levar a cabo.

Comisión Executiva de 5 de abril. Por 7.849 ₧ adxudícaselle a Juan Fernández a construción das divisións e portas interiores da á dereita do edificio e a colocación do piso principal e piso do faio da á esquerda do mesmo.

Das viaxes a Madrid. O asunto dos gastos con cargo ós fondos municipais tradicionalmente foron obxecto de comentarios. O «Heraldo de Villalba» do 10 de abril aporta a noticia de que se gastaron 1.280,80 ₧ en dúas viaxes. Unha, a que fixeron os señores Valdesuso, Chanot e Martínez. Outra, a dos señores Otero Muras e Apenela. Parece que nun dos recibos figura: «tres tortillas y varios trozos de merluza» para o alcalde «y dos individuos más». Engádese que as viaxes poden ser necesarias, pero que esas cantidades deberan destinarse a obras necesarias.

Exames de escolares. Vanse celebrar en breve na «Liga Santaballesa». Na súas aulas xa se celebrou unha emotiva Festa da Árbore, cousa que non fixo este ano o Concello aínda que si repartiu 5.000 exemplares de eucalipto.

Melloras na vila. «Heraldo de Villalba» clama para que se fagan as obras pendentes: cubrir os dous lavadoiros públicos, pavimentar a rúa Maior, ampliar o cemiterio, construción dun matadoiro público... Agora os concellos xa dispoñen de máis fondos e deben terse en conta os novos impostos que gravan os cidadáns.

A Vilalba de 1926. «Heraldo de Villalba» de 31 de maio relaciona o que un forasteiro, turista ou veraneante, pode atopar na Vilalba de 1926:
- Conta con 5.000 habitantes. Sitúase a 16 km da estación de Baamonde, a 22 km da de Rábade e a 36 da de Lugo. Está cruzada por sete estradas que a poñen en comunicación con Lugo, A Coruña, Ferrol, Viveiro, Oviedo, Xixón, Meira, Betanzos e Viveiro.
- Ten administración de correos, telégrafos, teléfonos, de loterías, alumeado eléctrico, xulgado de instrución, rexistro da propiedade, postos da Garda Civil e Municipal, dúas notarías, recadación de tributos, subalterna de tabacos, subdelegación de mistos, dúas bandas de música, magnífica igrexa parroquial, tres capelas, teatro e hospital asilo.
- Existen as seguintes sociedades: Casino de Vilalba, Centro de Artesáns, Unión Cidadá Anticaciquil, Sporting Club Vilalbés e Unión Comercial Vilalbesa.
- Centros de instrución. No casco urbano, dúas escolas de nenos, dúas de nenas e dúas mixtas, ademais dalgunhas particulares. No distrito vinte escolas de nenos e nenas.
- A industria está composta por fábricas de curtidos, de serrar madeiras, de fariñas, de chocolates, de embutidos, de lixivias e xabóns, de gasosas, de somieres, imprentas, tafonas, librerías, carnicerías, perruquerías, talleres mecánicos, carpinterías mecánicas, muíños eléctricos e marmorerías. Os famosos queixos de San Simón elabóranse na parroquia do seu nome e ademais existen máis de vinte automóbiles de aluguer.
- Hai máis de douscentos comercios de diferentes ramos, sendo os máis importantes as ferraxerías, panos, tecidos, bazares, calzados, ultramarinos, comestibles, cereais e hoteis.
- A 7 km da vila sitúanse os afamados baños do Alligal.
- Están rexistradas máis de dez minas de ferro magnesífero a 6 km da vila.
- Como datos sanitarios, existen na vila farmacias, laboratorios, droguerías e reputados médicos. O que fai que a vila reúna magníficas condicións para a recuperación da saúde.
O hospital asilo de Vilalba (24)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES