Día da Muller traballadora
martes, 10 de marzo de 2015
Un ano máis, xuntámonos para celebrar o Día Internacional da Muller Taballadora. E eu quero compartir con vostedes uns datos para poder reflexionar, entre todos, sobre a situación laboral das mulleres no mundo.
O cincuenta e tres por cen da poboación do mundo son mulleres, e só posúen o un por cen da riqueza. A maioría dos mil cincocentos millóns de persoas que viven cun dolar ao día son mulleres. Atrapadas na pobreza, moitas mulleres carecen de acceso aos recursos e servizos para cambiar a súa situación.
Os efectos negativos da globalización da economía repercuten maiormente sobre as mulleres. A vinculación da economía aos mercados mundiais a miúdo dá lugar a unha redución do gasto público e dos programas sociais, trasladando o custe ás familias, onde adoitan ser as mulleres as que cargan coas consecuencias destes recortes.
Segundo a OCDE(Organización para a Cooperación e Desenrolo Económicos), a diferencia salarial entre homes e mulleres, nun traballo a tempo completo, é dun dezaseis por cento. E o traballo a tempo parcial é realizado maiormente por mulleres, para poder compatibilizar a vida familiar e laboral, e coa conseguinte retribución máis baixa. E moitos empresarios ás mulleres con fillos xa non as contratan.
Un dato moi significativo é que só un trinta por cen das empresas son propiedade de mulleres. E só un dez por cen dos postos nos consellos de administración está ocupado por mulleres.
E, canto vale o traballo doméstico? Cociñar, lavar, limpar, coidar os nenos, os anciáns, etc. Este traballo non é valorado polos economistas. Parece un traballo insignificante comparado co que se produce fóra do fogar, nas fábricas, nos hospitais, nos talleres, etc. Pois, a actividade no fogar ten un valor entre un vinte e un trinta por cen no PIB(Produto Interior Bruto). E o oitenta por cen das tarefas domésticas lévanas a cabo as mulleres. Amamantar a un bebé non conta no PIB. O traballo doméstico é un dos grandes determinantes da calidade de vida. E non é invisible, pero como se o fora, pois ninguén o recoñece nin o remunera. Mentres a muller está na casa, criando os fillos e facendo as tarefas domésticas, o marido está cotizando á Seguridade Social e promocionando laboralmente.
Necesítanse unha serie de políticas encamiñadas a que os pais e nais concilien a súa vida familiar e laboral de forma paritaria(os dous en igualdade), con licencias de maternidade e paternidade obrigatorias e remuneradas, e financiadas con fondos públicos. Nalgúns países nórdicos, a licencia para criar un bebé dura ata un ano. Esta é unha verdadeira forma de promocionar a natalidade.
Garderías públicas que cubran todas as prazas que se necesitan, residencias da terceira idade, atención e axuda á dependencia, etc., etc. Cuns servizos sociais de calidade para todos os que os necesiten. E, ademais, esta sería unha boa forma de crear bastantes postos de traballo, especialmente para as mulleres.
E, como se financia todo isto? Cunha política fiscal xusta e solidaria, onde paguen os que máis teñen. E cunha persecución implacable da corrupción e do fraude fiscal. En fin, onde a persoa sexa o centro e o obxectivo principal de preocupación dos poderes públicos, e non a macroeconomía, o déficit, a Troika ou os mercados.
(Mª Lourdes Pérez Freire é Alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne).
Pérez Freire, Lourdes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora