Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 10 de marzo de 1972, dende a Chaira

martes, 10 de marzo de 2015
Este sábado participei no Ferrol na despedida do pai dun membro da comunidade escolar do Ies de Guitiriz no cemiterio de Catabois e en Sta. María de Caranza. Cumpríanse anos, o 7, no que os obreiros da Bazán recibiran a nova dun convenio asinado en Madrid, prexudicial para os dereitos laborais, que estaban a reivindicar en asembleas... E a represión non fixo máis ca medrar ata aquel 10 de marzo do 72, cando a policía da ditadura asasinou a Amador e Daniel, obreiros da Bazán, soterrados neste camposanto e rematados cando ían a concentrarse en Caranza para defender os seus dereitos, machucados polo réxime opresor.

Non fun capaz de desbotar da memoria os trazos vermellos daquel día, fai hoxe anos, ao percorrer unha paisaxe aínda tinguida de dor e frustración..., só sentía os laios de campás que tocaban a arrebato e afogaban o ruido dos coches.

En Caranza fiquei na mística e no compromiso do seu crego daquela Cuco Ruíz, que sementaba paixón naqueles lares, denunciando con coraxe tanta tortura e insidia, e a súa par, Anxo Ferreiro Currás (Vilalba, 1935), detido e encadeado naquela persecución á porta da igrexa polos seus sermóns proletarios. Xa de volta para a Chaira fun abríndo camiño cunha estela de luz, cada volta máis relucente, e fun discernindo algúns cregos, chairegos e líderes coma Currás, que cun compromiso exemplar a prol dos obreiros e pobres, loitaron contra a escuridade da “longa noite de pedra” en Ferrolterra creando un ronsel de liberdade e xustiza, dende o mestre e profeta Xosé Chao Rego (Vilalba 1932) que movilizou as conciencias e transformou as comunidades co fermento de Xesús de Nazaré dende as arrabaldes da cidade, Manuel Ladra López (Belesar 1930) que sempre tivo abertas as portas de Sta. Icía a obreiros e marxinados nos tempos máis recios, Xaquín Campo Freire (Sta. Cruz de Parga 1937), na mesma fronteira cos anteriores, exercendo de sanitario dos que máis sofren as desigualdades ata nas cadeas máis escuras, Bernardo García Cendán (Vilalba 1941), o “Cura do Muelle”, que coma sociólogo e dinamizador xa lle tocou analizar cos traballadores e os máis febles as causas da desintegración do Ferrol obreiro...

Pero tamén foron poetas chairegos os que deron luz a tanta dor como Darío Xohán Cabana ou Manuel María que escribíu: “O sangue dos obreiros da Galicia,/ unha vez máis, bordou unha bandeira/ vermella e popular no cemento das rúas/ do heroico Ferrol de Pablo Iglesias”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES