Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O corazón humano como casa de Deus

domingo, 08 de marzo de 2015
O misterio da personalidade de Xesús amósase en que sempre ou case sempre é desconcertante. Se estamos acostumados a velo como cheo de amor e agarimo coas persoas e coas cousas, a escena co vergallo ou látego na man parece que non casa ben con todo isto.

Mais dado que de Xesús con razón temos que supoñer que debe estar ben ó tanto de quen é seu Pai e de como é el, teremos en consecuencia que estar moi atentos cando nos fala sobre el. Como fillo especialísimo que é do seu Pai, ese Fillo proclamado polo Pai unha e outra vez como o “benquerido”, ten que estar moi ben informado de como é a casa de seu Pai Deus.

Polo que se nos di no evanxeo de hoxe, nin seu Pai é un “negociante”, nin a casa de seu Pai é tampouco unha casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter nada que ver con ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan baseándose nos propios haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocios”, bérralles Xesús ós asustados vendedores e cambistas. Na casa de seu Pai non se está por méritos propios nin á busca de medras particulares. A casa de seu Pai é simplemente a casa onde se vive agradecido a familiaridade con Deus, onde se aprende fraternidade e igualdade entre todos.

Por iso, propiamente, a casa de Deus non é casa ningunha, senón esa relación filial fonda que se ten con El e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde esteamos ou fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se practicaban ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas, etc. e que para iso se precisaban persoas que se ocupasen tamén destas cousas. Pero Xesús non quere que estes materiais e estas actividades de tipo exterior acaben ó final por afogar e distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ós máis necesitados. E nisto non fai Xesús máis que continuar coa denuncia que xa antes del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente exteriores que se realizaban no templo. Cousa que por certo, como ben sabedes, non deixa de estar hoxe en día tamén na mente do actual papa Francisco cos seus intentos de reforma da curia vaticana.

Naturalmente, todo isto era tamén nos tempos de Xesús un asunto complicado e delicado, porque aquí se xogaban moitos intereses das clases dirixentes, relixiosas e políticas. De feito, Xesús aludirá algunha vez con suficiente claridade a este problema cando nunha determinada ocasión, tal como sabemos por outras pasaxes dos Evanxeos, se parou a conversar tranquilamente cunha muller afectada por problemas persoais e con dúbidas sobre se a súa fe era a verdadeira ou non. Refírome a aquela fermosa escena na que Xesús, cansado e con sede, lle pide de beber a unha muller samaritana que vai co seu caldeiro a sacar auga do pozo. Naquela conversa con Xesús hai, sen dúbida, fonduras moito maiores que as do pozo. Ela séntese sorprendida polo feito de que Xesús a atenda con tanta delicadeza e amor, xuntándose como se xuntaban nela varios feitos dos que cada un deles semellaba ser xa razón suficiente para non atendela como de feito a atendería Xesús. Era unha muller (por tanto, culturalmente discriminada), pobre, e para máis inri non xudía, pertencente ademais a outra relixión distinta da dos xudeus. Por iso, ó longo da súa conversa, atreverase ela a manifestarlle a Xesús as súas dúbidas sobre a propia fe, comentándolle a Xesús: “Os nosos pais adoraron a Deus neste monte [a samaritana refírese ó monte sagrado do seu pobo, o Garizim] e vós [é dicir, os xudeus] dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar...”.

É unha consulta moi importante, porque aquí a muller estalle a preguntar en realidade a Xesús (aínda que ela non o saiba) onde ten El (é dicir, Xesús) a súa casa. Porque, claro, o templo do verdadeiro Deus, a verdadeira casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo, é dicir a casa de Xesús. E Xesús, naturalmente, terá que saber moito destas cousas.

Cal é a resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai vinte séculos, continúa a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o noso? A resposta que lle dá Xesús é a seguinte: “Mira, muller, nin o teu templo nin o noso van ser dende agora en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras do Evanxeo de Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte [é dicir, o dos samaritanos] nin no de Xerusalén adoraredes ó Pai ... Chega a hora –é xa agora- na que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non pretende varrer para a súa casa xudea...

A resposta que lle dá, pois, Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de Deus é aquela onde hai espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa sinceridade, boa conciencia, humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc. etc., alí está o Pai Deus. Polo tanto, a casa de Deus é unha casa moito meirande có templo de Xerusalén ou calquera sinagoga, mesquita, igrexa, etc. etc.

Onde está a casa, o templo de Deus? Non onde haxa egoísmos, particularismos excluíntes, dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos incluso que todos e cada un de nós somos os verdadeiros “templos” de Deus e que o Espírito Santo habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor ó Pai e a tódalas persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no seu nome, alí esta el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son os humildes, os sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola sociedade. Xesús identifícase con eles, como ben sabemos por moitas pasaxes do Evanxeo. E se Xesús está alí, con eles, entón o Pai Deus está alí tamén con Xesús e con eles. Eles son a súa casa.

Onde está a casa, o templo de Deus Pai? Agora pódenos servir, unha vez máis, o P. Seixas, falando da súa estancia na República Dominicana, antes de vir para Vigo: “Eu procuraba facer actos un pouco rechamantes para educar. Por exemplo, nas reunións de xente, cando viñan doutras partes, abríalles a casa parroquial para que vivisen nela e ocupábana toda, pero había un cuarto moi importante, o dedicado ó bispo, que era a habitación máis grande e a mellor posta. Unha vez chamei o cociñeiro que tiña, de raza india, e mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que entre a xente que viñera había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro, limpabotas de oficio, collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ó vela quedouse un pouco abraiado e díxenlle: Mira, este é o cuarto do bispo, que para nós é a representación de Cristo, pero ti representas para min a Cristo máis co bispo, porque ti representas unha raza explotada e oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti estarás aquí con todo o dereito. E na mesa tamén ocupou o lugar e usou os cubertos do bispo. O cociñeiro andaba dicindo: non saio do meu asombro...”.

Cal é a casa do Pai Deus? Quizais saibamos agora algo máis sobre o tema.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES