Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Blas Lourés, no Lugo de tódalas marxes

sábado, 07 de marzo de 2015
A morte sempre sorprende, cando a vida non a autoriza a silenciar plenitudes de persoas que a memoria as rescata en permanentes e asiduas referencias no legado que nos deixan. Blas Lourés e a súa obra testemuñan a grandeza creativa, a savia dunha terra e dunha cultura que foron asumidas nun previo rescate, nunca apresurado, de excelsas pinturas da súa autoría.

Non vale dicirlle a Blas Lourés, nestes momentos da súa morte: adeus mestre, deica sempre! Non valen as palabras vagas e fora de contexto, porque o noso grande pintor de Lugo continúa vivo en cada marxe da nosa cidade. Mellor dito: en tódalas marxes deste Lugo de pequenas miudanzas que se agranda no cromatismo de Blas Lourés. E nesa grande creatividade pictórica sen laudatorios e sen data de caducidade todos nos refacemos no asombro de súa creatividade.

O Lugo dos pequenos recantos da muralla, tan desapercibidos para a gran maioría dos que conviven coas cousas cotiáns, eu me conto entre tantos, emerxen do cotidiano e da vida comunal que el contemplou. Mais a misteriosa retina de Lourés captou momentos simples, esquecidos, vulnerábeis. O seu pincel, guiado pola súa mestría, impuxo harmonía e rescate das cousas simples, creadas á feitura da ánima galega. E nela nos recreamos grazas a un pintor soberano, álxido e intolerante cos modismos de remendo e coa mediocridade.

Fica a obra e o pudor dun artesán verdadeiro, na que Lugo é espellismo dun creador vital e doutrinario dunha metafísica que nos revela os misterios dun pobo con personalidade. Lugo ten personalidade, que se personaliza e configura nos óleos e acuarelas do noso pintor. Quizais cando observemos en museos, salas de arte as extraordinarias imaxes do Lugo de Blas Lourés, pode que sintamos que nós tamén estamos neses cadros, ou polo menos queremos estar entre ese tumulto festeiro no cadro “Romaría dos milagres de Saavedra”, identificándonos con algún persoeiro do cadro, “A malla”, “A sega”, “A sesta” e formar parte desa incontinencia de convivios do universo labrego e mariñeiro. Aí estamos nós rescatados de complexos e dadores de plenitude.

Nos cadros de Blas Lourés está a Galiza totalizada nesa carga de existencialismo, de humanidade posuída do respiro popular, do herdo e da tradición. A pintura como necesidade de observar o noso microcosmos lugués: a ascensión do que xermola e da froitos, para quedar e non irse. Blas Loures como pintor de escenas, en tantos remanentes de ideas pictóricas e Anxel Fole como divulgador de evidencias no seu “Portafolio de Lugo”, fornecen un Lugo visual de inmensa relevancia. Blas Lourés non se foi, témolo aquí ao lado.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES